Noticias

Continúa a tendencia descendente da tuberculose en Galicia

A Consellería de Sanidade conmemora este 24 de marzo o Día Mundial da Tuberculose, cuxo lema é “Sí, podemos poñer fin á tuberculose”, reiterando o seu compromiso de continuar cos esforzos e actuar en consonancia coa estratexia “Fin á tuberculose”, da Organización Mundial da Saúde, que ten por obxectivo reducir a incidencia da tuberculose un 80% no ano 2030 con respecto ao 2015 para, posteriormente, eliminar esta enfermidade no 2050. O desenvolvemento do Programa galego de prevención e control da tuberculose da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permite realizar o diagnóstico o máis rápido posible e poñer a todos os enfermos baixo tratamento para reducir este risco. Ao mesmo tempo, realízase o estudo a todas as persoas que estiveron en contacto cun caso de tuberculose contaxiosa e ofrécese tratamento a aqueles que están infectados.

A positiva evolución do Programa galego nestes 27 anos, dende que foi implantado, reflíctese na tendencia descendente da incidencia dos casos de tuberculose na poboación infantil e adulta na nosa comunidade autónoma, e nun novo perfil de paciente coa presentación dos casos en idades máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan ao sistema inmunitario, como se describe con detalle no informe que anualmente publica a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade: “Informe da tuberculose en Galicia. Características dos casos de tuberculose de Galicia no ano 2022. Evolución do período 1996-2022”.

Os datos que se expoñen corresponden ao 2022, último ano avaliado da situación epidemiolóxica da tuberculose na nosa comunidade. O motivo de que non se presenten as principais características desta enfermidade no ano 2023 obedece a varios factores, entre os que están: a busca activa por parte das Unidade de prevención e control da tuberculose de posibles casos non declarados; a confirmación dos cultivos do Mycobacterium tuberculosis como negativos precisa dunha incubación de ata 2 meses; a avaliación e presentación dos resultados dos tratamentos da enfermidade tuberculosa, que son de longa duración (mínimo 6 meses, pero poden chegar aos 2 anos como nos casos de tuberculose multirresistente), é que a información de todo o rexistro é revisada exhaustivamente, o que fai que teña unha gran calidade e sexa modelo de vixilancia epidemiolóxica para outras rexións.

Tendencia decrecente

Con respecto do ano 1996, o número total de casos de tuberculose en Galicia descendeu no 2022 un 84,3% (pasouse de 1.963 a 308 casos) cunha diminución por termo medio anual da incidencia do 6,8% (como adianto, dicir que os datos provisionais do ano 2023 reflicten a continuidade desta tendencia decrecente).

A maior parte dos casos diagnosticáronse en pacientes autóctonos, con presentacións en idades cada vez máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo aquelas que afectan ao sistema inmune. Os pacientes nacidos fóra de España van progresivamente en aumento e de forma constante, debendo sinalar a maiores o número de casos importados que, no 2022, foi o máis alto da nosa serie.

A baixa porcentaxe de tuberculose multirresistente e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados, tanto na tuberculose sensible como na tuberculose resistente, ao que contribúe que máis do 65,0% dos casos tiveron un tratamento en réxime supervisado, indícanos un bo control da tuberculose en Galicia.

Dende o 2020 Galicia implantou o réxime terapéutico curto, que inclúe a bedaquilina e, neste último ano, tamén o pretomanid, co fin de mellorar a eficacia do tratamento das tuberculose multirresistentes. A maiores, dáse a circunstancia da pouca relevancia que a infección polo VIH tivo no conxunto da enfermidade.

Un dos principais obxectivos do Programa de tuberculose de Galicia é o de continuar coa tendencia decrecente da incidencia da enfermidade, obxectivo que se cumpriu amplamente. Así mesmo, alcanzáronse uns resultados moi satisfactorios dos tratamentos da tuberculose instaurados neste ano, moi superiores aos obxectivos marcados pola Organización Mundial da Saúde.

Para os próximos anos, a Consellería de Sanidade ten por obxectivo acadar unha incidencia menor de 10 casos por 100.000 habitantes, no marco do Plan nacional da tuberculose e da estratexia fin da tuberculose da OMS. Un obxectivo máis ambicioso sería o da EU, de alcanzar unha incidencia de 2,4 casos por 100.000 habitantes no ano 2030.

Liña clave de saúde pública

Cómpre remarcar que, dispoñer en Galicia dun Programa de tuberculose ben estruturado, cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico e o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega, en especial dos equipos das sete unidades de tuberculose, dos microbiólogos e do laboratorio de referencia de micobacterias de Galicia, permítenos continuar coa vixilancia da infección/enfermidade tuberculosa.

Aínda que os indicadores do funcionamento do Programa galego sexan favorables, a Consellería de Sanidade recorda que non se pode baixar a garda, polo que se debe manter a tuberculose como liña clave en saúde pública e potenciar as unidades de prevención e control desta enfermidade, reforzándoas no seu papel de referencia para o diagnóstico, seguimento e tratamento de todos os casos de enfermidade e infección tuberculosa, especialmente nos colectivos de especial vulnerabilidade de infectarse e/ou enfermar, para así cortar a cadea epidemiolóxica de transmisión.

Outros datos destacados da tuberculose no ano 2022

Cómpre remarcar, así mesmo, que o 58,1% dos casos presentáronse en homes. Por grupo de idade, a incidencia máis alta foi nos maiores de 74 anos. O 2,9% foron nenos (menores de 15 anos de idade). En conxunto, no 76,3% dos casos (homes 81,6% vs. mulleres 69,0%) presentáronse un ou máis factores de risco asociados. O principal foi o tabaquismo (27,9%). A asociación tuberculose/inmigración foi do 14,3% e a coinfección tuberculose/VIH do 2,3%. Documentouse o resultado da proba do VIH no 82,1% dos casos de tuberculose, resultando positivos 7 (2,3%) casos.

A localización máis frecuente foi a pulmonar (62,0%) e deles o 39,3% foron casos bacilíferos (moi contaxiosos).

Ademais, temos un nivel de resistencias baixo, o 16,3% do total de casos de 2022. Así mesmo, remarcar que non houbo casos de tuberculose multirresistente, forma máis grave de tuberculose.

No ano 2022, o 68,1% dos casos foron supervisados polos equipos das unidades de tuberculose, coa finalidade de constatar o correcto cumprimento dos tratamentos.

No marco do programa, no 2022, estudáronse 990 contactos de enfermos de tuberculose pulmonar, dos que 18 (1,8%) estaban enfermos e 241 (24,3%) infectados no momento do estudo.

Presentáronse 10 abrochos de tuberculose en Galicia e deles o 60,0% foron detectados no ámbito familiar.

Dos tratamentos de infección tuberculosa iniciados no ano 2021, finalizárono correctamente o 92,4%, ascendendo ao 97,9% en nenos.

R., 2024-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-enerxia.jpg) Galicia pechou febreiro con 116.058 persoas no paro, 4.919 menos que no mesmo mes de 2025, e 1.088.231 afiliacións á Seguridade Social, 16.283 cotizantes máis en relación con 2025. En relación coa evolución anual, a baixada no desemprego supón algo máis do 4%. Ademais, o paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,97%), seguida do sector primario (-8,69%), da industria (-6,10%) e, por último, dos servizos (-3,13%). En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie.
Foto de la tercera plana (20260303-mwc.jpeg) A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre tecnoloxías cuánticas organizada por Telefónica no marco do Mobile World Congress, o maior evento mundial en conectividade. Nesta sesión, baixo o título Telefónica Quantum Telco: o teu partner de referencia para a cuántica aplicada e centrada na presentación da estratexia global de Telefónica en tecnoloxías cuánticas aplicadas, a representante da Xunta de Galicia afirmou que a aposta temperá e continuada da nosa Comunidade por estas tecnoloxías responde ao obxectivo de converter a Galicia nun nodo de referencia neste ámbito no sur de Europa.

Notas

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC acaba de obter un novo proxecto europeo que impulsará o desenvolvemento de sistemas fotónicos capaces de alimentarse a si mesmos e reducir drasticamente o consumo enerxético en aplicacións de IA e procesamento masivo de datos. A iniciativa internacional 'bLOSSom' combinará investigación na fronteira do coñecemento e innovación tecnolóxica cun liderado científico con forte presenza feminina.
No seu ensaio Un cuarto propio (1929), a escritora británica Virginia Woolf incidía na necesidade de que as mulleres teñan un espazo propio para crear, idea que constitúe o punto de partida da exposición que desde este mércores pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Promovida polo colectivo estudantil Luscofusco, con motivo da conmemoración este domingo do Día Internacional da Muller, esta mostra reúne as creacións de 15 alumnas da facultade, baixo o título de Un Abrigo Propio.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES