Actualidad de Economía

Noticias economia

Galicia é unha das primeiras comunidades que aproba o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano, en concreto 14.177 millóns de euros. A planificación das políticas en materia financeira ten permitido que desde o ano 2020 se incrementen case un 40 % os recursos ordinarios da comunidade autónoma, para blindar servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación e a dependencia e seguir xerando riqueza en Galicia co apoio ao tecido produtivo da comunidade. Os recursos propios autonómicos medran en 485 millóns, co cal acadarán os 12.276 M€ no ano 2026. Trátase, como non podía ser doutra maneira, dunha cantidade compatible coa regra de gasto, que se preve que creza no vindeiro ano un 3,5 %.
O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Informe sobre a situación da AP-9 elaborado desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avaliado hoxe no Consello da Xunta conclúe que o rescate da concesión da autoestrada é 'a alternativa máis vantaxosa para o interese público', e cuantifica a estimación actual desta medida en 2.356M€, 'cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión', segundo apuntou Rueda. A Administración autonómica exixe ao Goberno central que, diante do recente ditame da Comisión Europea sobre a AP-9, asuma este rescate e a liberalización das peaxes de xeito inmediato.
Galicia rexistra o nivel de desemprego máis baixo nun mes de xullo de toda a serie histórica, con 107.858 persoas paradas, e a segunda mellor cifra desde que hai rexistros (1996), tras o fito acadado o pasado mes de xuño (107.254). Ademais, por segundo mes consecutivo, acádase o máximo histórico de afiliacións á Seguridade Social, con 1.113.486 cotizantes. Así o destacou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos relativos ao mes de xullo. O conselleiro tamén puxo de relevo que Galicia é a comunidade na que máis baixou o paro no último ano en termos relativos. Así e con respecto ao mesmo mes de 2024, rexistráronse 10.187 persoas paradas menos, o que supón unha redución do -8,63 %, preto de tres puntos por enriba da media estatal (-5,71 %).
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión extraordinaria “un teito de gasto que supera por primera vez na historia da comunidade autónoma de Galicia os 14.000 millóns de euros”. En concreto, o límite de gasto non financeiro para o exercicio 2026 ascende a 14.177 millóns de euros, un 1,6 % máis que no presente exercicio. Rueda resaltou que Galicia é a segunda comunidade -tras Canarias- en aprobar o teito de gasto e remitilo ao seu Parlamento. Unha medida fundamental para poder ter os orzamentos do vindeiro ano aprobamos en tempo e forma.
Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 €' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.
Galicia rexistra en xuño por terceiro mes consecutivo o nivel de desemprego máis baixo desde que hai rexistros (1996). Con 107.254 persoas paradas é a primeira vez que baixa dos 110.000 cunha redución tanto na evolución anual (-9,06%) como na mensual (-3,93%). Só neste último mes rexistráronse 4.387 persoas paradas menos e, tanto nos termos anual como mensual, a baixada foi a un ritmo superior ao reflectido na media do Estado. Ademais, acada o mellor nivel de afiliacións á Seguridade Social ao superar por primeira vez a barreira dos 1.100.000 cotizantes. En concreto, conta con 1.102.651 afiliados (+7.844 respecto a maio).
Trátase dunha nova medida de apoio ás familias no eido educativo, promovida pola Xunta de Galicia, para a desgravación fiscal pola adquisición de libros de texto e material escolar, a realizar no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas do ano 2026, correspondente ao exercicio de 2025. Para iso, ata o 31 de decembro deste ano as familias deberán gardar as facturas de compra para poder facer efectiva a desgravación na vindeira declaración da renda de 2026, podendo desgravar ata 105 euros por fillo matriculado en educación Primaria e Secundaria.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello acordou que 'iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano'. Deste xeito, o Executivo autonómico avaliou un informe presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública sobre a Orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos presupostos de 2026, que marcan as bases do Plan financeiro do Goberno galego para o ano próximo. Calvo resaltou que mentres Galicia 'comeza a traballar nas contas de 2026, o Goberno de España segue funcionando coas de 2023'.
A Consellería do Medio Rural xa executou, a data 8 de xuño, o 93 % dos pagos correspondentes á campaña da Política Agraria Común (PAC) 2024. Así, Galicia sitúase como a segunda comunidade autónoma en acadar un maior nivel de execución neste período. A tres semanas de rematar os pagos desta campaña, que teñen que estar aboados o 30 de xuño, só catro comunidades autónomas se atopan por riba do 90 % de execución -entre elas Galicia-. Actualmente hai sete comunidades entre o 70 % e o 80 %, mentres que cinco comunidades máis están por baixo do 70 %.
A Xunta de Galicia completou esta semana os trámites para a autorización dos nove proxectos de repotenciación voluntaria de parques eólicos recibidas entre finais de 2023 e comezos de 2024 e que permitirán suprimir 286 aeroxeradores do territorio galego así como, coa mesma potencia, incrementar un 35 % a produción de enerxía renovable. Trátase dun procedemento que destacou pola súa axilidade pois os prazos de autorización administrativa acurtáronse considerablemente, completándose en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo e cumprindo así co mandato comunitario de axilizar as xestións e garantir que non se alongan máis de dous anos.
« Anterior | 7  de  388 | Siguiente »

Notas economia

Elaborado polo Grupo de Análise e Modelización Económica da USC (GAME), o informe 'Avaliación e análise do potencial do Camiño de Santiago-Vía da Prata para o desenvolvemento sostible a escala local' achega un conxunto de propostas de actuación que buscan facilitar a toma de decisión cara unha mellor ordenación e dinamización de Galicia no relativo ao Camiño de Santiago.
A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) publica as liñas xerais do Plan de control tributario do exercicio 2020, que reforza as liñas de actuación desenvolvidas por este organismo desde a súa posta en marcha en 2013. O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2020 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación, que conforme á Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado.
O Ministerio de Facenda vén de indicar que Galicia pechou o mes de maio sendo a comunidade autónoma co mellora tempo medio de pago a provedores de España, tal como mostran os datos do ‘Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas’ publicado hoxe. O período medio de pago (PMP) de Galicia ao peche do mes de maio situouse en 13,2 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas.
A Business Factory Food (BFFood) deu a coñecer os seis proxectos que participarán no primeiro programa de consolidación da aceleradora especializada no sector alimentario, dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A esta convocatoria de consolidación presentáronse 27 candidaturas, das que catro pasaran anteriormente polo programa de aceleración en 2019. Esta iniciativa enmárcase na rede de aceleradoras de Galicia, a plataforma StartIN Galicia.
O obxectivo deste proxecto, ao que tamén se adheriron 16 prazas de abastos, é potenciar as vendas do comercio de proximidade nos concellos polos que transcorren as rutas xacobeas, ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos. Os negocios participantes poderán beneficiarse das actuacións de dinamización que se leven a cabo para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo de animar a peregrinos e veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local.
As 54 oficinas de emprego de Galicia reabriron hoxe ao público tras o peche orixinado pola pandemia do covid-19. As oficinas abren en plenas condicións de seguridade e co seu horario habitual, de 9,00 a 14,00 horas, sendo necesario solicitar cita previa para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía. O ISSGA elaborou unha guía de recomendacións fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, o que serviu de base para o desenvolvemento dun plan de continxencia para a reapertura.
Vintecinco tendas forman parte inicialmente da plataforma web de venta online do CCA de Foz, que foi presentada esta tarde na Casa da Cultura. As persoas interesadas en facer as súas compras a través deste formato poden visitar este centro comercial virtual en www.compraenfoz.com, onde atoparán os escaparates individuais dos negocios participantes con fotos dos produtos, con textos, etc. As tendas dispoñen de carriño da compra e realización de pedido online, entre outras posibilidades.
O Plan de reactivación económica pon en marcha un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas no que se inclúe un programa para autónomos, outro para formadores, unha liña para menores de 30 anos sen emprego e un ciclo de obradoiros. A primeira das iniciativas, Autónomos dixitais, é un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos dixitais, un novo programa formativo que busca reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.
O Ministerio de Facenda vén de indicar que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas ao peche do primeiro trimestre do ano, tal como mostran os datos do Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas publicado hoxe. O período medio de pago (PMP) de Galicia ao peche do primeiro trimestre situouse en 14,51 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES