Notas de prensa

Seis proxectos do sector alimentario recibirán apoio para a súa consolidación a través da Business Factory Food

A Business Factory Food (BFFood) deu a coñecer os seis proxectos que participarán no primeiro programa de consolidación da aceleradora especializada no sector alimentario, dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A esta convocatoria de consolidación presentáronse 27 candidaturas, das que catro pasaran anteriormente polo programa de aceleración en 2019. Esta iniciativa enmárcase na rede de aceleradoras de Galicia, a plataforma StartIN Galicia.

Os proxectos seleccionados accederán agora a un programa de apoio integral e especializado de doce meses de duración con mentoring, formación, coaching, servizos técnicos, infraestruturas e medios especificamente concibidos para o seu ámbito de desenvolvemento, así como financiamento a través dun préstamo participativo de XesGalicia, que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 €.

O Comité de Selección de BFFood destacou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados, que teñen que atender a algún dos retos definidos pola industria alimentaria como a dixitalización e automatización, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos, a interacción con clientes e consumidores, así como fortalecer a resiliencia do sector ante situacións de emerxencia derivadas de pandemias, como a provocada polo coronavirus.

Esta iniciativa enmárcase na rede de aceleradoras de Galicia, a plataforma StartIN Galicia, que aglutina todos os apoios ao emprendemento da Consellería de Economía, Emprego e Industria e, máis concretamente, no modelo Business Factory, que aposta pola innovación aberta en sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o aeronáutico ou o agroalimentario. A Xunta de Galicia colabora neste programa a través do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de XesGalicia. Tamén participan as empresas tractoras Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Capsa Food (Larsa), Clavo Food Factory, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Congalsa, Galacteum, Gadisa, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira.

Proxectos seleccionados

Essence Food: Esta iniciativa, presentada desde Pontevedra, formou parte da primeira edición do programa de aceleración de BFFood e traballa no desenvolvemento de novos produtos alimentarios, a partir de excedentes e/ou residuos alimentarios da produción, transformándoos en novos produtos alimentarios de alto valor engadido. Rubén Hidalgo, de Capsa Food (Larsa), exercerá como mentor deste proxecto no seu paso polo programa de consolidación.

Monkey Markets: Este proxecto, procedente da Coruña e acelerado na primeira edición da BFFood, baséase nunha ferramenta B2B online que facilita aos produtores europeos do sector alimentario a venda en China e aos importadores chineses a compra en Europa. Rosana Domínguez, directora de márketing de Quescrem, foi a mentora desta iniciativa durante o seu paso polo programa de aceleración e continuará, agora, no de consolidación xunto a Mónica Cascallar, directora de innovación de Congalsa e Pablo Gómez, director división láctea de Clun.

Muutech food monitoring platform: Esta iniciativa, procedente de Pontevedra e acelerada no primeiro programa de BFFood, permite a recollida de datos de calquera fonte, agregalos e analizalos en tempo real a través dunha plataforma de monitoraxe que facilita ás empresas da industria alimentaria a optimización dos seus procesos e dos custos, tomando de forma áxil decisións informadas. José Carlos Vila, director xeral de Kiwi Atlántico, encargarase de mentorizar a este proxecto durante o seu paso polo programa de consolidación.

Plataforma aprendizaxe automática desenvolta por TripleAlpha: Este proxecto coruñés, que formou parte do primeiro programa de aceleración de BFFood, permite replicar calquera planta física de fabricación e optimizar á súa vez os procesos, mediante algoritmos de predición e prescrición baseados en técnicas de analítica avanzada e aprendizaxe automática. Ãngel Pereira, chief innovation officer de Galacteum encargarase do seu mentoría.

Refix – Atlantic Sea Water: Este proxecto coruñés presenta unha bebida natural, refrescante e reconstituínte elaborada con ingredientes naturais e fabricada con auga de mar extraída na Costa da Morte. Será mentorizado por Antonio Cortés, director de responsabilidade social corporativa de Gadisa.

Sensebit: Esta solución, desenvolta por TasteLab, spin- off da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo, consiste nun software de análise sensorial altamente personalizable por tipo de cliente e sector alimentario co que as empresas poden facer unha análise organoléptica (características físicas que ten un alimento apreciables mediante os sentidos) fiable que lles permite o aforro no ensaio-erro, ao ter en conta ao consumidor. Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D e Calidade do Grupo Nueva Pescanova mentorizará esta iniciativa.

Business Factory Food, 2020-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES