Noticias

Galicia é unha das primeiras CC.AA. que aproba o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano

Galicia é unha das primeiras comunidades que aproba o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano, en concreto 14.177 millóns de euros. A planificación das políticas en materia financeira ten permitido que desde o ano 2020 se incrementen case un 40 % os recursos ordinarios da comunidade autónoma, para blindar servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación e a dependencia e seguir xerando riqueza en Galicia co apoio ao tecido produtivo da comunidade. Os recursos propios autonómicos medran en 485 millóns, co cal acadarán os 12.276 M€ no ano 2026. Trátase, como non podía ser doutra maneira, dunha cantidade compatible coa regra de gasto, que se preve que creza no vindeiro ano un 3,5 %.

Galicia pon un ano máis a estabilidade ao servizo da cidadanía galega, sendo unha das primeiras comunidades que aproba o teito de gasto non financeiro para o vindeiro ano, en concreto 14.177 millóns de euros.

A planificación das políticas en materia financeira ten permitido que desde o ano 2020 se incrementen case un 40 % os recursos ordinarios da comunidade autónoma, para blindar servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación e a dependencia e seguir xerando riqueza en Galicia co apoio ao tecido produtivo da comunidade.

“Aprobamos un límite de gasto que supera por primeira vez os 14.000 M€. Esgota a nosa capacidade máxima de gasto legal, cun maior peso dos recursos ordinarios. Sen déficit por terceiro ano consecutivo e con menos endebedamento”, expuxo o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, durante a súa presentación no Parlamento.

Corgos precisou que isto é así porque os recursos propios autonómicos medran en 485 millóns, co cal acadarán os 12.276 M€ no ano 2026. Trátase, como non podía ser doutra maneira, dunha cantidade compatible coa regra de gasto, que crecerá no vindeiro ano un 3,5 %, segundo cálculos da Comunidade autónoma galega.

Neste mesmo sentido, reiterou que, do case 7 % que se incrementan as achegas do sistema de financiamento autonómico, en Galicia só se poderá dedicar a gasto produtivo e a reforzar servizos públicos aproximadamente a metade, o 3,5 %, pola aplicación da regra de gasto. Unha regra de gasto que, insistiu, non está adaptada ás normas europeas, xa que se definen de forma diferente, e non se ten consensuada coas CC.AA.

Ademais, á suba xa citada de 485 M€ dos recursos autonómicos, sumado ó incremento dos 76 millóns de fondos finalistas doutras administracións, supón que o límite de gasto ordinario para 2026 aumente en 561 millóns.

Por último, grazas ao avance na execución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e que xa tan só queden remanentes de carácter plurianual, para o vindeiro ano terán unha lóxica baixada, de 338 M€, por ser en 2026, en concreto ata agosto, o último ano que se poden executar.

“Con todo isto, en total, o límite de gasto para 2026 supera os 14.000 M€, chegando en concreto ata os 14.177 M€, 223 M€ máis que este ano”, insistiu, destacando que, en 2026, non só non se incrementará o endebedamento neto por terceiro ano consecutivo, senón que se reducirá.

Na presentación do teito de gasto para o vindeiro ano, o conselleiro de Facenda e Administración Pública criticou que o Goberno central siga sen facilitar outros datos necesarios, como o Informe de posición cíclica do Reino de España ou a senda de déficit, e que nin sequera cumprise a obriga legal de convocar o CPFF para achegar esta información.

Mellora do cadro macroeconómico

Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualizou tamén con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio, mellorando tanto a estimación de crecemento do PIB, como a taxa de paro para 2026.

Así, en canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé unha mellora do PIB dunha décima, ao pasar do 2,3 % fixado nos orzamentos de 2025, ao 2,4 %. “Unha mellora motivada por unha mellor evolución do investimento”, subliñou Corgos.

Respecto á taxa de paro, o conselleiro lembrou que a Xunta xa conseguiu estabilizala por debaixo do 10 % desde hai dous anos, coa previsión para 2025 de que a media do ano baixe ata o 8,3 %.

“E para 2026, queremos ser tamén moi prudentes e prevemos un avance do PIB do 1,9 %, en liña co crecemento previsto polos principais organismos internacionais para o conxunto de España. Desta forma, encadearemos seis anos de crecemento sostible”, avanzou, resaltando que a taxa media de desemprego tamén seguirá a baixar, ata o 7,8 %, rozando mínimos históricos.

Estabilidade e responsabilidade

Corgos incidiu en que a estabilidade e a responsabilidade axudan a que Galicia manteña un crecemento sostido, nunha mellor evolución media que España na postpandemia, cun diferencial de 2,1 puntos de maior crecemento agardado para 2026 (13,8 fronte a 11,7).

Así mesmo, subliñou que a Comunidade está, ademais, en condicións de medrar este ano máis do dobre que a Zona Euro (2,4 % fronte a 0,9 %) e medio punto máis en 2026 (1,9 % fronte a 1,4 %). E tamén entre as autonomías con menor ratio débeda/PIB, coa previsión de situala no ano en curso por debaixo do 14 % e reducila no seguinte, na contorna do 13 %.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu subliñando que o límite de gasto aprobado hoxe no pleno do Parlamento axústase aos obxectivos do marco europeo, como garantir un crecemento sostible e inclusivo, mediante o saneamento gradual das facendas públicas, pero impulsando reformas e investimentos que avancen cara á transición ecolóxica, dixital e a cohesión social, nun contexto de déficits controlados.

“Con este instrumento reafirmamos o noso compromiso coa sustentabilidade das finanzas públicas, á vez que prevemos seguir consolidando un crecemento sostido e a creación de emprego”, incidiu, a modo de resumo.

O teito de gasto permitirá seguir mellorando os servizos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia, ademais de continuar apoiando as empresas e xerando riqueza.

R., 2025-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES