Noticias

Galicia reclama ao Goberno central o inmediato rescate da AP-9 e advirte do custo de adiar esta medida

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o Informe sobre a situación da AP-9 elaborado desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avaliado hoxe no Consello da Xunta conclúe que o rescate da concesión da autoestrada é 'a alternativa máis vantaxosa para o interese público', e cuantifica a estimación actual desta medida en 2.356M€, 'cantidade moito menor da que habería que pagar de aquí ao final da concesión', segundo apuntou Rueda. A Administración autonómica exixe ao Goberno central que, diante do recente ditame da Comisión Europea sobre a AP-9, asuma este rescate e a liberalización das peaxes de xeito inmediato.

Segundo sinalou o presidente do Goberno galego, “canto máis tempo pase máis caro vai ser para todos os españois”. Neste senso, o informe advirte que na citada estimación xa se incrementa en 65M€ o lucro cesante para a concesionaria respecto ás cifras calculadas o pasado 2024, debido ao incremento dos beneficios da concesión en 2024.

O documento fai unha diagnose da situación da concesión, incidindo, por unha banda, na suba desmesurada das tarifas para os usuarios nos últimos anos e o enriquecemento progresivo da concesionaria. Na actualidade, cada 100 km da AP-9 teñen un custo de máis de 12€ e todo o traxecto da autoestrada (219km) ten un prezo de 26,85€. Así mesmo, os ingresos por peaxes incrementáronse nun 39,7% entre 2021 e 2024, o que significou un aumento da conta de resultados para a concesionaria dun 78,1% nese período.

Advirte que a xestión da autoestrada por parte do Estado nos últimos anos foi claramente prexudicial para o interese xeral, e especialmente para Galicia, lembrando, ademais, que o debate sobre a reclamación unánime do Parlamento galego para reclamar a transferencia segue bloqueada no Congreso con 38 prórrogas. E sinala a situación de discriminación da comunidade fronte a outras de España onde si se liberaron peaxes, como é o caso da valenciana, onde o Ministerio adoptou a decisión de facelo na AP-7 en Alacante.

O informe lembra que xa no 2021, coa aprobación do real decreto que introduciu as bonificacións para os usuarios, logo ampliadas no 2024, tanto o Consello de Obras Públicas como o Consello de Estado sinalaban que ante o enorme compromiso de gasto previsto se debía analizar a conveniencia do rescate da concesión, cuestión que non foi atendida.

Actualización do custo do rescate

A Xunta adiantouse o pasado ano co estudo no que avaliou o custo da indemnización por rescate, aplicando unha taxa de desconto do 30%, en 2.331M€, e vén de actualizar esta estimación elevándoa aos 2.356M€. A principal causa deste incremento é o lucro cesante, que subiu en 65M€ a pesar de reducirse nun ano o prazo da concesión. Esta condición calcúlase como unha proxección a futuro do resultado de explotación (beneficio) da concesión, a partir da media dos últimos 5 anos, de xeito que se ve incrementada co forte incremento das tarifas e o investimento en bonificacións.

Transvasamento de tráficos

O informe tamén incide en que o rescate da concesión e liberación da peaxe implicará o transvasamento do tráfico dende as estradas convencionais cara á AP-9, o cal implica beneficios ambientais (ruído, emisións), de seguridade viaria, de calidade de vida, de aforro de tempo e de competitividade, que poden ser cuantificados economicamente polo Ministerio, para un mellor criterio na toma decisión sobre o rescate.

Así, tal e como apuntou Rueda, o tráfico “baixaría no centro das vilas, nas travesías e en moitas vías paralelas”. O documento avalía catro treitos para analizar o transvasamento de tráfico de estradas convencionais á AP-9. No caso da comparativa entre a AP-9 e a A-55 Puxeiros-enlace do Porriño, o rescate pode supoñer o descenso dun 32% no tráfico na A-55. No que atinxe a AP-9 e A-55 entre o enlace Porriño-Tui, ese transvasamento eliminaría máis da metade dos 39.486 vehículos diarios que transitan de media diaria por este viario, cun incremento de tráfico na autoestrada do 577%. Ademais, na zona de Curro-Pontevedra, eliminaríase a metade do tráfico na N-550 e o 33% na PO-531 co transvasamento á AP-9 e no treito entre Ordes e Sigüeiro, descendería nun 76% o tráfico na N-550.

A este aforro económico hai que engadir a posibilidade para o Estado de evitar ou abaratar a execución de Infraestruturas planificadas que teñen un elevado custo e importantes afeccións sociais, como é o caso, por exemplo, do treito A Ermida–Pilarteiros da A-57 na circunvalación de Pontevedra.

A Xunta incide en que o Ministerio debe aplicar para Galicia o mesmo criterio que tivo coa AP-7 en Alacante, cuxa liberalización de peaxes comezou sendo unha medida temporal e logo consolidada por razóns de interese xeral. Entre as razóns esgrimidas polo Ministerio, estivo o beneficio social cuantificado en 16,8M€.

R., 2025-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES