Noticias

A Xunta aproba un teito de gasto non financeiro que supera por primeira vez os 14.000 millóns

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión extraordinaria “un teito de gasto que supera por primera vez na historia da comunidade autónoma de Galicia os 14.000 millóns de euros”. En concreto, o límite de gasto non financeiro para o exercicio 2026 ascende a 14.177 millóns de euros, un 1,6 % máis que no presente exercicio. Rueda resaltou que Galicia é a segunda comunidade -tras Canarias- en aprobar o teito de gasto e remitilo ao seu Parlamento. Unha medida fundamental para poder ter os orzamentos do vindeiro ano aprobamos en tempo e forma.

'Os orzamentos son os piares sobre os que se constrúe a acción de calquera Goberno. A falla deles limita de xeito drástico as posibilidades de lanzar novos investimentos, programas novidosos ou adaptar as políticas aos cambios da sociedade”, indicou para resaltar que o obxectivo da Xunta é que Galicia “siga senda referencia e excepción de estabilidade, de sentidiño e de visión a longo prazo'.

Tal e como explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o teito de gasto hoxe aprobado “conta cun cun maior peso dos recursos propios”, o que permitirá incrementar a capacidade de gasto en 223 millóns de euros.

Isto é así porque a suba dos recursos ordinarios para o vindeiro exercicio compensa a lóxica baixada dos recursos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), en 338 millóns, por ser 2026, en concreto ata agosto, o último ano en que se poden executar. A suba dos recursos autonómicos en 485 millóns, sumada ao incremento dos 76 millóns de fondos finalistas doutras administracións e depurado o efecto dos fondos do MRR, supón unha cifra histórica na capacidade de gasto para 2026.

Deste xeito, Galicia esgotará o ano que vén a súa capacidade de gasto legal e aproveitará parte dos recursos que o Goberno central non lle permite gastar para reducir o endebedamento, mellorando aínda máis a súa solvencia. Corgos lembrou que a xestión responsable que a Xunta fai dos recursos “permitirá encadear seis anos consecutivos de crecemento” sustentable, que facilitará seguir creando emprego e rebaixar a taxa de paro, rozando cifras históricas.

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpre co establecido na Lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aproba o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior actualización. Así mesmo, a Comunidade seguirá traballando para aprobar e entregar ao Parlamento os orzamentos no mes de outubro.

Retraso nas entregas a conta

Na súa intervención, tanto o presidente coma o conselleiro lamentaron que, ata dous días antes de dar a coñecer estas cifras, o Goberno central non informara sobre as entregas á conta, e que non se convocara, como é preceptivo, o Consello de Política Fiscal e Financeira, polo que se descoñece aínda a senda de estabilidade que debe rexer as contas.

Destacaron tamén que esta comunicación se faga cando aínda non se ten ingresado todo o previsto para este 2025 e lembrou que as cantidades anunciadas para o vindeiro ano non se xeran por vontade do Goberno central, senón que proveñen dos impostos que pagan os galegos. Corgos, ademais, lamentou que a regra de gasto fixada polo Goberno central sen consensuala coas CC.AA. non permita dedicar a gasto produtivo e a reforzar os servizos públicos nada máis que a metade do que medran as entregas a conta, algo menos de 350 millóns.

Corgos insistiu na importancia de “achegar certezas a familias e empresas” a estabilidade e a previsibilidade do Goberno galego, que de novo prevé contar en tempo e forma cos orzamentos, achegando certezas a familias e empresas, nun contexto de incerteza como o que estamos a vivir, marcado polo mantemento de conflitos en Ucraína e Oriente Medio, a arbitraria política arancelaria por parte de Estados Unidos; así como pola inestabilidade política e financeira de España, cuns orzamentos prorrogados desde 2023, e a falta de convocatoria do CPFF para achegar ás comunidades datos sobre o obxectivo de estabilidade.

Cadro macroeconómico

Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualiza con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio e mellora tanto a estimación de crecemento do PIB como a taxa de paro para 2026.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance dunha décima sobre o inicialmente estimado, ao pasar do 2,3% fixado nos orzamentos en vigor ao 2,4%, e do contorno do 2% no vindeiro ano. E, en relación coa taxa de paro, cómpre salientar que a Xunta xa conseguiu estabilizala por debaixo do 10% desde hai dous anos e, para 2025, prevé que a media do ano baixe ata o 8,3% -case un punto menos do previsto inicialmente-, ata situarse de media en 2026 por debaixo do 8%, en concreto no 7,8%.

Con estas estimación económicas, a Xunta garante un ano máis de estabilidade para dar resposta aos retos que se enfronta Galicia.

R., 2025-08-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES