Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Cidade da Cultura de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2011 polos entón Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cumpre os seus primeiros dez anos de vida con preto de 5000 actividades culturais e eventos e recibindo case 6 millóns de visitas ao longo desta década. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, que presentou esta mañá o balance dos primeiros dez anos de funcionamento da Cidade da Cultura, asegurou que remata unha “fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto de distribución de espectáculos, ofrece para este primeiro semestre de 2021 unha intensa actividade escénica e musical con 334 actuacións de 114 compañías programadas en 45 escenarios de 40 concellos galegos e unha inversión total en contratacións que supera o millón de euros. Así o declarou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación realizada para dar conta da carteleira concreta de Ames, un dos municipios adheridos a esta rede cultural, á que achega de xaneiro a xuño 13 funcións e concertos a cargo de 12 agrupacións artísticas galegas.
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves 14 de xaneiro a súa primeira produción propia da actual temporada, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que marca ademais o inicio dunha nova etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de conmemoración do 60º aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, obra mestra de Xosé Neira Vilas da que salientou a súa capacidade de seguir transmitindo, 60 anos despois, “o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas” converténdose, dixo, “na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal”.
Un total de 56 centros escolares (22 da Coruña, sete de Lugo, sete de Ourense e 10 de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica. O departamento educativo destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa.
A Cidade da Cultura convida as familias durante o Nadal a gozar dunha ampla oferta cultural que inclúe tres concertos para toda a familia que poderán verse de balde ao vivo e tamén a través de streaming. A programación complétase coas seis exposicións e intervencións artísticas que agora mesmo poden visitarse no Museo Centro Gaiás, a Biblioteca de Galicia e as Torres Hejduk –contando con visitas comentadas gratuítas– e coa iluminación festiva de todo o complexo, coa Vía Láctea como eixo condutor.
Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre); Santiago Besteiro Design (Monterroso); Traxandaina (Lugo) e Jatafarta (Santiago de Compostela) optan como finalistas ao premio Artesanía de Galicia 2020, dotado con 9.000 euros. Así o decidiu o xurado encargado de outorgar os premios Artesanía de Galicia 2020, que contan tamén coa categoría Premio Traxectoria e o Premio Bolsa Eloy Gesto, e cos que se busca recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais da artesanía galega, así como impulsar o relevo xeracional no sector. Os gañadores daranse a coñecer antes de finais de ano.
Esta mostra pode visitarse desde hoxe ata o 25 de xaneiro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración desta mostra, onde destacou a importancia desta iniciativa para reforzar os nosos vínculos co país veciño. Neste sentido explicou que o programa Nortear, no que se enmarca a exposición e participa de forma activa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, supón unha oportunidade única para o intercambio transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal arredor de todas as manifestacións artísticas.
Estréase en Vigo 'Cambio de foco', un proxecto de Ártika Cía. en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). A estrea será o día 4, ás 20,30 h. e repetiranse funcións o sábado 5 á mesma hora e o domingo 6 ás 20,00 h. sobre o escenario do espazo homónimo da avenida de Beiramar. Este último día, ao remate da función, desenvolverase unha charla coloquio a cargo da Asociación Pvlse sobre diversidade e identidade de xénero, a temática da montaxe. Tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con moi distintos estilos de facer teatro amosan en Cambio de foco a súa visión sobre un mesmo tema.
A programación que o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) desenvolve na súa sede da Coruña avanza este mes na súa homenaxe ás pioneiras do cinema, dedicándolle tres sesións a Lois Weber, quen tras comezar a súa traxectoria como actriz, se converteu na primeira muller en dirixir unha longametraxe e nunha activa realizadora durante a segunda década do século XX. Tamén en decembro dá comezo unha ampla retrospectiva dos filmes do director xermano-estadounidense Robert Siodmak, un dos mestres do cinema negro e responsable do seu renacer en Hollywood.
| 72,3  de  286 | Siguiente »

Notas cultura

A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera o venres a actividade escénica da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), o circuíto profesional de distribución de espectáculos que impulsa e cofinancia en escenarios de 40 concellos galegos. A representación ás 18,00 h. no Centro Cultural e Xuvenil de Muros de Carabela, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, será a primeira en atoparse de novo co público, á que seguirán este mesmo mes outras cinco funcións reprogramadas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a patir do día 19.
O director xeral de Políticas Culturais conduciu a cuarta sesión dos Foros #aculturasegue, 'Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19'. Esta nova cita estivo centrada nos desafíos aos que se enfronta o sector do libro no contexto actual, marcado polo impacto económico da crise sanitaria en editoriais e librarías, os aprazamentos de eventos como feiras ou presentacións, o parón no lanzamento de novidades editoriais, ou os novos desafíos do libro dixital.
A Cidade da Cultura pecha este sábado coa premiada escritora Ledicia Costas o Club das Lerchiñas, ciclo de contacontos en liña –da campaña de lecer e formación #aculturasegue– dirixido ás familias e que ata agora emitiu catro sesións nas redes sociais do Gaiás (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) coas historias relatadas por María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira. O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio.
O Museo Centro Gaiás acollerá o próximo mes de outubro Galicia, de Nós a nós, a segunda exposición do Xacobeo 2021 centrada no centenario da publicación da revista Nós e no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, visitaron hoxe a mostra Blanquísima su presencia, do pintor, debuxante, escultor e serígrafo Nelson Villalobos, instalada no Museo do Mar de Galicia. A exposición que permanecerá aberta ao público desde mañá e ata o 29 de xuño, conta con 62 obras do artista, pertencente á chamada Xeración dos 80 en Cuba.
Os retos do sector musical no contexto actual, e concretamente no eido da música clásica, será o tema a tratar nun novo encontro virtual dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19. A sesión, que terá lugar este venres 29 de maio, contará coa participación do ensaísta e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e da directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte.
O concello de Ortigueira centra nas redes sociais os esforzos para impulsar o contacto cos seguidores do evento. Reforzará a campaña de difusión do concurso de novos talentos e estenderá o período online de votación, no que cada persoa poderá elixir aos seus artistas favoritos ata o 8 de xullo. En 2021 serán seis as bandas finalistas, as tres deste 2020 e as tres que se elixan na seguinte edición, e o festival ampliarase unha xornada máis, pasando de catro a cinco días e creándose o “Día Runas”.
Co gallo da dedicación do Día das Letras 2020 a Ricardo Carballo Calero, o Colectivo lucense Egeria promoveu unha serie de actividades co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio Fingoi, para estudar e espallar os QUINCE ANOS EN LUGO do profesor e escritor. Co título xenérico de 'CARBALLO CALERO EN LUGO. Don Ricardo de Fingoi', desenvólvense diversas accións, que nestes días culminan coa publicación dun libro dixital.
Dous dos proxectos que adquiren cada ano maior protagonismo no Mes das Letras Galegas para festexalas e honrar o autor anfitrión, desta vez Ricardo Carvalho Calero, xa están dispoñibles para a súa descarga libre e de balde desde o Portal da Lingua Galega. Trátase dos traballos cos que o CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) e o IES Ferrol Vello de Ferrol se impuxeron ás numerosas propostas escolares que concorreron á edición 2020 do Concurso-Exposición.
A Cidade da Cultura promove o vindeiro mércores 20 de maio a segunda edición de #CulturaLike, un encontro para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet, que será emitido en liña e reunirá a tres grandes divulgadores da rede: os galegos Déborah García Bello –Deborah Ciencia– e Miguel Ángel Cajigal –El Barroquista– e o manchego José Luis Crespo –Quantum Fracture–. O evento enmárcase no programa de actividades #aculturasegue da Consellería de Cultura e Turismo.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES