
Así, os grandes protagonistas do Nadal no Gaiás deste ano serán as actuacións musicais ao vivo de Xesús Vaamonde & Xosé Lois Romero e os seus cantos tradicionais de Reis o 26 de decembro de Soledad Felloza e Esemble ConcertArt con interpretación de axóuxeres e panxoliñas o 28 de decembro e as versións en rock e música urbana de temas infantís de Uxía Lambona e a Banda Molona o 4 de xaneiro.
Para asistir ás actuacións ao vivo poderá retirarse o convite gratuíto con antelación en www.cidadedacultura.gal, a mesma semana de cada espectáculo. Ademais, as tres actuacións serán retransmitidas pola canle de YouTube da Cidade da Cultura para, deste xeito, compensar a limitación de prazas dispoñibles polas restricións que marcan as actuais medidas de seguridade sanitaria.
Ao ser estas unhas festas que dan entrada ao 2021, Ano Xacobeo, o Camiño ten tamén presenza simbólica no relato deste Nadal no Gaiás, comezando pola iluminación exterior do complexo do Gaiás, inspirada na Vía láctea, e a árbore stellae do Museo Centro Gaiás, deseñada pola artista visual Marta Verde, mentres que no Bosque de Galicia loce tamén unha árbore luminosa. A programación complétase cunha instalación audiovisual, Nadal en Súper8, que proxecta no Museo unha peza creada con gravacións caseiras e familiares do Nadal feitas en Súper8 nos anos 70 do século pasado.
Exposicións e intervencións artísticas
Estes días do Nadal serán ademais unha das últimas oportunidades para visitar a mostra Cinema e emocións: unha viaxe á infancia, que ata o 10 de xaneiro acolle o Museo Gaiás, un percorrido polos filmes que marcaron a nosa infancia desde a ollada inocente dos nenos e nenas. Tamén alí poden visitarse Galicia, de Nós a nós a mostra máis ambiciosa sobre a Xeración e revista Nós con motivo do seu centenario, aberta ata o 17 de xaneiro e As miradas de Isaac merecida homenaxe e amplo percorrido pola traxectoria dunha personaxe irrepetible: o poliédrico Díaz Pardo. Cómpre lembrar que o Museo mantén o seu horario habitual de 10,00 a 20,00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro que pechará ás 15,00 horas e o 25 de decembro e 1 de xaneiro que non abrirá as súas portas. As tres exposicións poden visitarse libremente, sen necesidade de rexistro previo, ao igual que o mural de Luis Seoane que desde este mesmo mes de decembro está instalado no andar 0 do Museo: unha obra das poucas que se poden contemplar en Galicia da produción muralística do artista, que si é abundante na Arxentina. A oferta de visitas comentadas ás exposicións, tamén de balde, si precisa de inscrición a través da web cidadedacultura.gal, xa que conta cun número de prazas moi limitado por causa das medidas da covid-19.
A oferta expositiva do Gaiás complétase coa intervención artística A distancia da imaxe, que converte as Torres Hejduk nun depósito fotográfico e auditivo de memorias do Camiño de Santiago, e a intervención paisaxística Espellos, que o escultor Manolo Paz vén de realizar no cumio do Bosque de Galicia e desde a que se ofrece unha vista de excepcional beleza da cidade de Compostela.
Por último, a Biblioteca de Galicia conta tamén con dúas exposicións abertas nestas datas: Lugín en Compostela, un percorrido bibliográfico con motivo do 150 aniversario do nacemento do autor Alejandro Pérez Lugín, e Pobre Asunción!: a violencia de xénero na prensa, na que se recompila o tratamento da violencia machista na prensa desde o século XIII ata os nosos días.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.