Notas de prensa

A Cidade da Cultura pecha este sábado o Club das Lerchiñas coa participación da escritora Ledicia Costas

A Cidade da Cultura pecha este sábado coa premiada escritora Ledicia Costas o Club das Lerchiñas, ciclo de contacontos en liña –da campaña de lecer e formación #aculturasegue– dirixido ás familias e que ata agora emitiu catro sesións nas redes sociais do Gaiás (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) coas historias relatadas por María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer e Paula Carballeira. O Club das lerchiñas botou a andar o pasado 9 de maio.

Durante todos os sábados desde esa data, ás 11,00 horas cinco das mellores contadoras galegas achegáronlles ás familias a través de internet e desde os seus fogares historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.

Este sábado 6 de xuño ponlle o alfinete ao ciclo a escritora Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón. Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta é a única autora galega que posúe dous Premios Lazarillo, ademais de ter recibido recoñecementos, como o Premio Losada Diéguez de creación literaria ou o galardón do Mellor Libro Infantil e Xuvenil na Gala do Libro Galego por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Esta actividade forma parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de limitacións de actividades presenciais pola crise da covid-19. Neste caso en concreto, procurouse fornecer a programación familiar, á vez que espertar o interese da cativada pola lectura e pola narración oral.

Relevo de Cociñeiras ilustradas

Precisamente, a programación familiar en liña para as fins de semana da Cidade da Cultura de Galicia terá continuidade o sábado seguinte, o 13 de xuño, coa posta en marcha do ciclo Cociñeiras ilustradas. As redes sociais da Cidade da Cultura emitirán ás 10 horas vídeo-receitas para cociñar coa cativada e que están animadas por cinco das mellores ilustradoras galegas: Nuria Díaz, Ana Varela, Laura Tova, Ángeles Díaz-Axouxeres e chisqueiros e Dani Padrón.

Será todos os sábados ata o 11 de xullo e cada ilustradora será a encargada de animar dúas vídeo-receitas: un xantar e unha sobremesa. Estas pezas audiovisuais animadas están baseadas nas receitas elaboradas polos prestixiosos cociñeiros da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández. Sober (Lugo): Xenxo Pereiro, Santiago Martínez, David Cidre e Miguel A. Caruncho.

Cidade da Cultura de Galicia, 2020-06-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES