Notas de prensa

O Gaiás acollerá en outubro 'Galicia, de nós a nós', a segunda exposición do Xacobeo 2021, adiada pola crise da covid-19

O Museo Centro Gaiás acollerá o próximo mes de outubro Galicia, de Nós a nós, a segunda exposición do Xacobeo 2021 centrada no centenario da publicación da revista Nós e no legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron co seu labor, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

Así llo trasladou hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ás entidades participantes no Centenario da Xeración Nós no marco dun encontro telemático para coordinar a celebración desta homenaxe. A mostra, que sucederá á exposición Galicia, un relato no mundo, estaba prevista inicialmente para finais de maio, pero tivo que ser reprogramada polos efectos da crise sanitaria da covid-19.

Trátase dunha exposición realizada pola Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense que está comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña. Agárdase que, tras o seu paso pola Cidade da Cultura, teña unha itinerancia completa na cidade de Ourense en febreiro de 2021.

Aspira a ser a mostra máis completa realizada ata agora sobre a Xeración Nós, co obxectivo comunicar á sociedade a transcendencia do que, xunto ao Rexurdimento, é probablemente o momento histórico máis relevante de conformación da cultura e identidade galega. A exposición reflectirá o compromiso coa memoria e o legado dunha xeración que agrupa aos considerados “pais do galeguismo contemporáneo”. Coa ollada posta no público xeral e nas xeracións más novas, actualizarase a relevancia das figuras que formaron parte dela.

O proxecto reivindicará a vixencia de principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.

Extensión dos actos conmemorativos

Durante o encontro, as asociacións participantes amosáronse favorables á proposta do Goberno galego de prolongar a 2021 as actividades programadas para celebrar esta efeméride ante os efectos da crise sanitaria da covid-19. O obxectivo desta iniciativa é completar as actividades e cumprir cos obxectivos conmemorativos do centenario a través dunha programación diversa para homenaxear a intelectuais galeguistas como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Francisca Herrera Garrido e Florentino López Cuevillas, entre outros.

Neste sentido, Román Rodríguez, subliñou a importancia das achegas realizadas pola Xeración Nós á modernización da cultura galega, tanto na nosa Comunidade como fóra dela, favorecendo a súa promoción ao exterior e a súa conexión con outros territorios.

Na xuntanza, á que tamén asistiu o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participaron representantes do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, a Real Academia Galega de Ciencias, a Deputación de Ourense, as tres Universidades do SUG, o Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez, Blanco Amor, Curros Enríquez, a AELG, o Centro PEN Galicia, Gálix e os concellos de Ourense e Rianxo.

Cidade da Cultura de Galicia, 2020-06-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES