Noticias

Un total de 56 centros educativos incorpóranse ao programa 'Club de Letras' para fomentar as competencias lingüísticas

Un total de 56 centros escolares (22 da Coruña, sete de Lugo, sete de Ourense e 10 de Pontevedra) incorpóranse este ano ao programa Club de Letras, unha iniciativa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez no pasado curso co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas, tanto orais como escritas, do alumnado a través de distintas actividades que fomenten o debate, a reflexión e a lectura crítica. O departamento educativo destina un total de 100.000 euros a esta convocatoria, e cada un dos centros recibirá unha achega económica de 1.000 euros para a posta en marcha do programa.

Ademais dos 56 centros de nova incorporación nesta segunda convocatoria, dáse continuidade aos 30 que se incorporaron na convocatoria pioneira do ano pasado.

O club está formado por alumnado e profesorado e será coordinado por unha das persoas docentes participantes. As actividades que os centros deseñen no marco do Club de Letras desenvolveranse fóra do horario lectivo e o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes desde que se inicia o proxecto ata que finaliza o período lectivo do curso.

Este curso a temática xira en torno ao coidado, abordado desde unha perspectiva de responsabilidade e corresponsabilidade nas tarefas e nos labores necesarios para a atención das persoas que están a padecer unha situación de vulnerabilidade causada pola enfermidade, pola pobreza, pola soidade, pola dor, pola violencia de xénero, pola LGTBIfobia ou outras circunstancias. Esta vulnerabilidade mesmo puido producirse e/ou agravarse durante o período de confinamento vivido a raíz da pandemia da covid-19 e podería abordarse a temática do coidado neste contexto.

Os proxectos realizados sobre este tema poderán abordarse desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico; e poderán centrar o seu foco de interese na actualidade, en anteriores etapas da historia ou conxugando ambos os dous enfoques.

O Club de Letras defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa.

No caso da educación primaria, a iniciativa achegarase a estes eidos do coñecemento fundamentalmente a través da escritura creativa, a exploración e creación artística, a lectura reflexiva e fomentando, de ser posible, unha achega lúdica e dinámica. Na educación secundaria e bacharelato procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordando perspectivas filosóficas e/ou históricas, así como a potenciación da capacidade creativa e de lectura reflexiva, coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico do mundo actual.

R., 2020-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES