//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como a Biblioteca de Galicia, súmanse á conmemoración do Día das escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro. A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle todos os xoves deste mes o ciclo de espectáculos en lingua portuguesa Quintas do Camões, organizado polo Centro Dramático Galego e a sede de Vigo do Centro Cultural Português do Camões. Haberá tres funcións que se desenvolverán os días 14, 21 e 28 de outubro. O Centro Dramático de Viana/Teatro do Noroeste, de Viana do Castelo, abrirá mañá este novo programa coa obra sobre a manipulación informativa Rottweiler, do dramaturgo Guillermo Heras.
Tres candidaturas galegas avaladas por Artesanía de Galicia optan como finalistas aos XIV Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase dos obradoiros Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela), ambos aspirantes ao Premio Emprendemento, e o de xoiería Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), que compite na categoría de Premio Produto. Estes galardóns nacionais están convocados a través da Escuela de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas.
A música electrónica de Allova e o trad de Xisco Feijoó representarán a Galicia no cartel de BIME City, o programa de concertos co que o encontro profesional Bizcaia International Musical Experience se estende a diferentes salas de Bilbao os días 27 e 28 de outubro. Como en anos anteriores, o acordo establecido coa Xunta garante a presenza galega nesta iniciativa, que lle dá voz ao talento emerxente coincidindo coas primeiras xornadas da novena edición de BIME PRO, unha das grandes citas anuais da industria musical. Ambos os artistas foron seleccionados polo equipo do encontro bilbaíno a partir dunha convocatoria pública aberta a todos os intérpretes ou grupos interesados e que inclúe, así mesmo, o acceso a unha bolsa de viaxe e aloxamento coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O libro 'Nós e o mundo, o mundo e Nós' é o resultado de diferentes iniciativas impulsadas dende a Universidade de Santiago para homenaxear a revista Nós no seu centenario. Unhas xornadas centradas no estudo das relacións de autores e temas da revista co seu contexto histórico, así como a convocatoria dirixida a estudantes deste centro para que escollesen artigos, poemas ou debuxos de diferentes autorías da revista, cos seus comentarios críticos, conforman a base desta obra da que o decano de Filoloxía Elias J. Torres Feijó, nun encontro co reitor Antonio López, destacou a importancia de 'xerar comunidade e intercambio entre docentes, persoal investigador e estudantes e divulgar coñecemento na universidade'.
O Centro Dramático Galego (CDG) e a creadora escénica AveLina Pérez estrean no Real Mosteiro de Oia a coprodución ECO. Trátase dunha peza inspirada nos textos e debuxos feitos polos presos da Guerra Civil española nas paredes do cenobio cando foi convertido en campo de concentración, e que recollen os seus desacougos, medos e desexos. Creado, dirixido e interpretado por AveLina Pérez, o espectáculo nace como unha homenaxe e un poema, ademais de como un momento para escoitar e para escoitarnos, para relacionarse cos que xa non están, coa historia e co paso do tempo.
O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea desde a Historia e a novela histórica que contará coa participación de escritores referentes do xénero e autores de best sellers relacionados coa temática xacobea baixo a dirección de Isabel San Sebastián. Organizada pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o luns 27 de setembro ás 19,00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino.
Arranca en Santiago o terceiro encontro do festival de poesía Alguén que respira!. Esta cita forma parte das catro que se celebran ao longo do ano coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccios.
O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, asistiu esta mañá á presentación deste encontro, que desta vez conta cun programa liderado por mulleres, que representa a importancia de que a poesía na nosa lingua dea voz a creadoras de intensa actualidade, vinculando ademais a súa creación a lugares emblemáticos ás veces pouco coñecidos dunha capitalidade cultural como é Santiago de Compostela. Canda Valentín García tamén estiveron presentes Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e Antón Lopo, poeta e director do festival.
Este festival será lugar de encontro de artistas, músicos, poetas e escritores de ambas as dúas beiras do Atlántico que conflúen en Santiago para celebrar a súa diversidade e creatividade cultural. Máis de 30 propostas musicais e artísticas, oito delas aínda inéditas aquí e dúas que serán unha estrea mundial, procedentes dunha decena de países e comunidades autónomas que comparten vínculos con Galicia. Así, ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sáhara Occidental ou Paraguai que farán que Compostela fale catalán, inglés, mambara, guaraní ou chopi timbilia, entre outros.
Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
O escritor e profesor de Rianxo, X. Riardo Losada, é o gañador do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega coa súa obra coa novela "O rosario e a buguina" na que recrea os últimos meses de vida do poeta Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar, e o conflito que ten coa súa nai por motivos relixiosos.
Lírica galego-portuguesa. Lingua, sociolingüística e pragmática é o segundo volume da serie de publicacións ArGaMed (Arquivo Galicia Medieval), iniciada co volume dixital O Códice de Florencia das Cantigas de Santa María (B.R. 20). Transcrición paleográfica (Elvira Fidalgo e Antonio Fernández, 2019) e destinada a difundir estudos ou edicións críticas ou paleográficas relacionadas cos proxectos medievalistas do CRPIH.
A Plataforma Cultural SóLODOS presenta a 5ª edición de SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2020, Festival Internacional e Certame de Creación de Dúos e Solos. Debido ás circunstancias derivadas da COVID - 19, nesta ocasión a programación SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2020 celebrarase online os días 3, 4 e 5 de decembro a través de Facebook Live na páxina de SóLODOS.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle este domingo o espectáculo Unha aventura singular: o gato con botas, unha versión musicada do conto clásico na que participa a narradora Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño. O espectáculo, concibido ex profeso para a ocasión, esgotou os seus convites. e a lista de espera está tamén completa.
O grupo musical A Quenlla é o gañador da oitava edición do Premio Internacional APECSA 2020 de divulgación do Camiño de Santiago, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O Xurado, presidido polo vicepresidente da Asociación promotora, Luís Celeiro Álvarez, destacou e valorou o traballo destes artistas poñendo música e editando un CD, Trobador no Camiño, coas dez cantigas do trobador, Martín de Padrozelos.
Diversos relatorios que se achegarán ao contexto histórico da emblemática revista Nós no ano conmemorativo do centenario do seu nacemento, integrarán as xornadas Nós e o mundo. O mundo e nós. O salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC acollerá tres mesas redondas que se desenvolverán entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.
O Galician Film Forum (GFF) de Londres segue a promocionar o audiovisual galego malia as restricións impostas pola pandemia. Xa que logo, a organización vai retomar as súas proxeccións pero desta volta na modalidade en liña e vaino facer coa estrea internacional de Eroski Paraíso na plataforma Vimeo On Demand. Así, os días 27, 28 e 29 de novembro a película de Jorge Coira e Xesús Ron vai estar dispoñible para todo o mundo na devandita web agás no caso de España, onde se pode atopar en Filmin.
O Museo do Mar de Galicia acolle ata o vindeiro 6 de decembro a mostra Identidades latentes, comisariada pola profesora do Departamento de Debuxo Ana Seoane e a artista Neves Seara, e coa participación de nove creadoras vinculadas á Universidade de Vigo: Bibi Martín, Teresa Búa, Melania Freire, Mar Ramón, Silvia García, Rebeca Lar, Itziar Ezquieta, Lisi González e Anubis Muñoz.
Este obradoiro de tradución colectiva e recíproca desenvolverá este ano as súas sesións intensivas de traballo a través da plataforma dixital á que se conectarán as poetas/tradutoras dende Beijing, dende a campiña polaca, dende o cantón italiano de Suíza, dende a capital eslovena, dende a illa de Mallorca e dende Marín. E tamén on-line será o evento capaz de compartir, con todo o público interesado.
A próxima cita do programa de poesía do Concello da Coruña chega este luns, mais adiantará media hora o seu horario habitual por mor das actuais restricións, e o limitado aforo cubrirase por orde de chegada ao Auditorio do Centro Ágora. Ademais, o evento poderá seguirse por streaming dende a web das Bibliotecas Municipais da Coruña. Os convidados desta sesión do noveno Ciclo POETAS DI(N)VERSOS serán Ángelo Néstore e Ismael Ramos.