Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A nova edición do Festival Outono Lírico está composta por concertos, conferencias e actividades paralelas. Arrancará o venres co tenor Ismael Jordi e a soprano Sabina Puértolas, que, xunto ao músico Rubén Fernández, actuarán no concerto inaugural no Teatro A Fundación. O 16 de outubro ás 20,00 horas será a quenda do tenor Ramón Vargas, que estará acompañado por Mzia Bakthouridze ao piano; o día 31 de outubro actuará a mezzosorpano Nancy Fabiola Herrera e o tenor Alejandro Roy con Javier Carmena. Os concertos rematarán o 6 de novembro con 'A emigración galega, cancións de ida e volta' a cargo de Borja Quiza e Fernando Briones ao piano.
A comunidade teatral afeccionada galega é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias, constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega. FEGATEA organiza os días 17, 18, 19, 24 e 25 de setembro e os días 1, 2 e 3 de outubro o XX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán.
As conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas. Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche e de ourivería.
O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.
Presentouse a nova edición do Festival Agustín Magán que arranca o venres en Santiago. No seu vixésimo aniversario diversificará os espazos das representacións e organizarase unha mención homenaxe con motivo do centenario de Agustín Magán. A iniciativa está impulsada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e as obras que participan son seleccionadas por un xurado entre as propostas dos grupos federados das catro provincias galegas. Fegatea cumpre 21 anos de andaina e recibiu o Premio da Cultura Galega 2020 polo seu labor nas artes escénicas.
A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 18 e 25 de setembro dous concertos didácticos para público familiar no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Camiños de Músicas, o ciclo ofrecerá un percorrido polas influencias sonoras do Camiño co fin de embarcar o público nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. A primeira das citas terá lugar o sábado 18 de setembro e explorará da man de Kike Estévez as formas de improvisación oral que se fixeron presentes no Camiño ao longo dos séculos. O sábado 25 chegará a quenda para o Cuarteto Alicerce e o clown Alfredo Pérez, cunha proposta coa que se achegar desde a creatividade e o humor á música de Wolfgang Amadeus Mozart.
A Semana de Cine de Lugo chega á súa 43ª edición cunha carteleira que inclúe 135 títulos e actividades paralelas que se desenvolverán do 20 ao 25 de setembro. Esta 43ª edición da Semana de Cine articularase arredor de once seccións, entre elas unha de Cine Galego que inclúe 22 películas. Tamén haberá Sección Oficial, Xoias do Ano, ciclo Infantil, Cine Documental, A Outra Beira, Cine e Fotografía, As Curtas Cine Son, E para comer Lugo, Cine Nacionalidades e Homenaxes. Paralelamente, prográmanse conferencias, debates e presentacións en diferentes escenarios. Nesta edición a Semana homenaxea ao actor nado en Riotorto Luis Iglesia Besteiro.
A Sala Ártika de Vigo desvelou hoxe a programación da súa nova temporada escénica, no marco da que lle ofrecerá ao público 75 actuacións de 33 compañías ata finais de ano. Na programación de setembro a decembro da Sala Ártika inclúense catro festivais e ciclos (II Comediártiko, XXVI Festival Internacional de Títeres Galicreques, circuíto estatal da Red de Teatros Alternativos e VII Festival Pequeártiko de Nadal), cinco estreas absolutas, 20 espectáculos para público familiar e 13 producións para público adulto.
A Cidade da Cultura despide a exposición Os brancos segredos do seu ventre, formada por unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac). A mostra pecha así unha estancia no Museo Centro Gaiás durante a que preto de 34.000 persoas –cunha media de 230 persoas por día– se achegaron ás obras desta colección privada situada en Pontevedra, que atesoura un dos fondos de creación actual máis relevantes de España.
A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.
« Anterior | 68  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

O Museo Gaiás acolle as obras finalistas da especialidade de graffiti do programa Xuventude Crea 2020. O programa Xuventude Crea, que este ano acada a súa 11ª edición, é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, creatividade e innovación dos mozos e mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, entre os 16 e os 30 anos.
Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu vixésimo quinto aniversario. O xurado dos galardóns literarios outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente.
A exposición 'Arquitecturas debuxadas' propón un itinerario visual inédito por Compostela a través dos debuxos do arquitecto, debuxante e pintor Santiago Catalán. O autor leva seis anos recollendo elementos das arquitecturas máis representativas das cidades galegas, o que se ten materializado na publicación de dúas obras sobre Lugo e Santiago. Esta mostra poderá visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o vindeiro 28 de febreiro.
Con motivo da celebración do Día do Patrimonio máis de cen entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ó seu compromiso co patrimonio galego. Dende o ano 2017 as entidades adheridas á Rede do Patrimonio enchen o mapa de Galicia con actividades, roteiros, conferencias, visitas guiadas e moitas outras actividades. A situación sanitaria actual tamén implica un cambio no xeito de celebrar esta data.
Sara Plaza Moreno acadou o XXXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, un galardón instituído pola directiva do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene en 1987 coa vontade explícita de honrar a memoria do Segrel do Penedo. O xurado encargado de fallar este premio, cuxa entrega está prevista para o 21 de novembro, estivo formado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó.
No apartado de Artes Plásticas o primeiro premio foi para Adriana Brantuas Arijón, coa escultura A memoria do baleiro (Santiago de Compostela); o segundo recaeu en María del Mar Ramón Soriano pola súa peza escultórica titulada Desnudo, juego de bolos (Ourense); e o terceiro premio resultou compartido entre Sara Piñeiro Fernández, coa pintura Pandermia —serie magma, simulacións do corpo ubicuo— (Lalín) e María López Quiroga pola obra pictórica Atlas de xeografía cognitiva (Lugo).
Contarán coa achega económica das Áreas de Cultura do Concello de Vilalba e da Deputación Provincial de Lugo, e a colaboración divulgadora da web Culturalia GZ. Este libro nace co motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha antoloxía que amosará desde unha vertente poética e crítica a visión particular de 25 artistas da palabra e da imaxe arredor do 25 N.
Tras a interrupción de marzo por mor da declaración do estado de alarma, o Festival Atlántica vén de anunciar a continuación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre novembro e decembro. A presentación tivo lugar este xoves, 29 de outubro, nunha rolda de prensa na que participaron Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.
A través dela, amósase unha importante selección de obxectos e prendas de vestir, pertencentes na súa totalidade á colección de moda e indumentaria de Ana González-Moro, dama coruñesa que ao longo da súa vida recopilou vestidos, traxes e complementos de máis de cen anos de creación e que ata agora nunca foron expostos no seu conxunto. Son máis de trescentas pezas procedentes de herdanzas familiares, doacións e regalos do seu círculo de amizades.
O Galician Freaky Film Festival ultima os detalles da súa cuarta edición que, dun xeito atípico e inesperado, celebrarase no medio dun estado de alarma que afecta a todo o territorio nacional. Deste xeito, estase a traballar nun novo horario que se anunciará en breve, en canto a Xunta confirme a hora definitiva do toque de queda, xa que pode ser ás 22.00, ás 23.00 ou ás 00.00.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES