
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a programación que a Xunta de Galicia está a organizar para conmemorar o 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago coa que se reforzará a súa conexión co público a través de visitas guiadas teatralizadas, obradoiros, conferencias, concertos ou exposicións.
Como expresou, trátase dunha programación variada e dirixida a todos os públicos coa que a Xunta quere poñer en valor o papel estratéxico dun museo que alberga algúns dos fondos máis valiosos sobre o culto xacobeo e que leva sete décadas divulgando as raíces xacobeas de Galicia e da cidade de Santiago, indicou. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse á importante actividade complementaria que nos últimos anos desenvolve o museo tanto desde o punto de vista expositivo como cunha ampla programación anual para todas as idades constatando o seu papel activo na cultura galega que queremos reforzar con esta programación conmemorativa, declarou.
Así, para dar continuidade a estas actividades, as conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas.
Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche, a cargo de Ricardo Rivas, e de ourivería, a cargo de Julio Lado. O venres 8 de outubro prográmase a conferencia Vida de músico na Galiza medieval, a cargo de Francisco Luengo; o sábado 16 os máis pequenos terán a oportunidade de participar nun obradoiro infantil de xoguetes sonoros a cargo de Xaneco a partir das 11,30 horas. Ademais, o sábado 23 ás 19,30 horas a Banda Municipal de Santiago actuará cun concerto de cuarteto de clarinetes ás 19,30 horas.
A programación continuará no mes de novembro. Volverán as visitas guiadas ao Museo os días 2, 3, 4 e 5 ás 18,00 horas e o sábado 6 ás 12,00 horas e ás 17,00 horas. O sábado 6 de novembro Manuel Gallego Jorreto impartirá unha charla a partir das 18,30 horas sobre a construción do Museo das Peregrinacións. O mércores 17 prográmase a conferencia As músicas de Santiago-Videos e paneis de educación a cargo de Fernando Reyes ás 19,30 horas. O sábado 20 Resonet ofrecerá o concerto de música antiga As músicas de Santiago, ás 19,00 horas. Para todas estas actividades será precisa inscrición previa no correo [email protected].
Próximas exposicións
A programación completarase con tres exposicións. Trátase de Próxima Parada, unha mostra que sae do recinto da sala de exposicións para pisar a rúa. Nela, o escultor Álvaro de la Vega rende homenaxe ás mulleres que fan o Camiño de Santiago a través dunha ducia de tallas orixinais en madeira e que se poderá visitar no mes de outubro.
Tamén está prevista a exposición Destino, de Manuel Valcárcel. Trátase dun proxecto fotográfico e audiovisual sobre catro peregrinacións, a de KORA e Saga Dawa no Tibet, a de Grand Magal no Senegal, a de Wirikuta en México e o Camiño de Santiago, que se programará en novembro. Ademais, e de cara ao ano 2022, o Museo das Peregrinacións acollerá a exposición Chacona. O canto de Santiago na construción de Europa, comisariada por Fernando Reyes. A mostra estará centrada no vínculo do Camiño de Santiago coa chacona, unha danza e forma musical que estivo presente na cultura occidental desde principios do século XVI.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.