Notas de prensa

A Rede do Patrimonio Cultural celebrará o Día do Patrimonio 2020

Con motivo da celebración do Día do Patrimonio máis de cen entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ó seu compromiso co patrimonio galego. Dende o ano 2017 as entidades adheridas á Rede do Patrimonio enchen o mapa de Galicia con actividades, roteiros, conferencias, visitas guiadas e moitas outras actividades. A situación sanitaria actual tamén implica un cambio no xeito de celebrar esta data.

Deste xeito, conscientes de que a prioridade é a saúde de todos e todas, a Rede do Patrimonio mudou as súas accións por un ciclo de videoconferencias públicas e por diversas actividades en liña orientadas ó intercambio de información e á formación no eido patrimonial.

Cómpre lembrar que o grave contexto sanitario non evitou que se sigan producindo ataques e agresións que evidencian, máis que nunca, a necesidade do traballo real e comprometido das asociacións culturais que velan pola defensa do patrimonio de Galicia.

Dende a Rede do Patrimonio seguimos insistindo na necesidade de levar a cabo políticas concretas que se traduzan nun reordenamento do territorio, en sancións máis graves ante as agresións e nun plan de educación en valores patrimoniais que garantan a supervivencia dunha riqueza que nos identifica como un pobo dotado dunha longa e rica historia.

Actividades previstas

16 de novembro ás 20.00h: Xurxo Ayán - "Arqueoloxía nova que se chama Ribeira". Modera Pilar Sánchez Monje (Asociación O Sorriso de Daniel).
19 de novembro ás 20.00h: Rafael Quintía - "O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural". Modera Emi Cagiao Sánchez (Asociación Entroido de Samede).
26 de novembro ás 20.00h: Celtia Rodríguez - "Campesiñas e loitadoras. Unha visión dende a Arqueoloxía de Xénero". Modera Soledad Felloza (PatrimonioGalego.Net).

A estas conferencias súmanse a realización de diferentes charlas, exposicións, presentacións de libros, vídeos de recollida de tradición oral, difusión do patrimonio local, a campaña a prol da declaración da casa de Carvalho Calero como BIC e outras actividades levadas a cabo por diferentes entidades como a Asociación de Alfombristas de Galicia, Asociación Monte Pituco, Mariña Patrimonio, O Baixo Ulla, O Suído, Asociación Batistales, Asociación Cova Crea, Asociación Ferrol Terra Antiga... entre outras.

Encontro Pecha Kucha

O día 30 de novembro celebrarase en Encontro "Pecha Kucha" no que as entidades poñerán en común proxectos e metodoloxías de acción realizados ó longo dos últimos anos. Neste 2020 celébrase o décimo aniversario da fundación de varias das entidades da Rede que reflicten a diversidade do asociacionismo do patrimonio cultural galego: 10 anos de O Sorriso de Daniel, Monte Pindo Parque Natural, PatrimonioGalego.net; 12 anos de Mariña Patrimonio; 15 de Roxin Roxal; 25 de Ponte nas Ondas; 42 de Adega...

Son tempos de adaptación, de percorrer novos camiños, pero sempre, defendendo, poñendo en valor e divulgando o noso patrimonio.

As actividades poderanse seguir no facebook da Rede do Patrimonio e na canle de youtube de Roxin Roxal.

Rede do Patrimonio Cultural, 2020-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES