
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, acompañados da comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, e da responsable territorial de Fundación la Caixa, Susan Santos, inauguraron hoxe na Coruña a mostra Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, que achega diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido visual e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados, como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, ou a Premio Nacional de Fotografía, Cristina de Middel, entre outros.
Como expresou o conselleiro de Cultura, trátase de dez olladas únicas que compoñen unha colección definitiva que reúne talentos internacionais e galegos dando como resultado retratos de paisaxes específicas de distintos itinerários xacobeos, sobre todo do Camiño Francés e da Vía da Prata. É unha perspectiva distinta e vangardista coa que explorar as posibilidades artísticas do Camiño, convidando aos visitantes a explorar a paisaxe galega coma peregrinos, expresou.
Como recordou, a mostra que conta co apoio da Fundación la Caixa, súmase á programación cultural que a Xunta de Galicia está a organizar no marco da celebración do Xacobeo 21-22 con distintas actividades en todos os eidos culturais e reforza a capacidade creativa que xera a experiencia do Camiño de Santiago, engadiu.
Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas.
Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
Itinerancias por Galicia
O traballo fotográfico e audiovisual exponse en grandes contedores de barco habilitados como salas de proxección, onde pode contemplarse como secuencias de imaxes, curtametraxes ou formatos híbridos de fotografía e vídeo. A viaxe entre os diferentes contedores e contidos quere ser un reflexo da propia viaxe dos autores para realizar os seus proxectos, así como o transitar propio do Camiño.
Ademais, a exposición complétase con conferencias e obradoiros impartidos polos artistas participantes. As primeiras sesións terán lugar mañá sábado e o domingo no Museo de Belas Artes da Coruña, coa primeira fotógrafa galega na Axencia Magnum, Lúa Ribeira, e o portugués André Cepeda, de extenso percorrido internacional
Tras o seu paso pola Coruña, onde permanecerá ata novembro, trasladarase ás cidades de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago nunha itinerancia que remata en xullo de 2022.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.