Actualidad de Cultura

Noticias cultura

Ponse en marcha o novo ciclo 'Música en salas', que ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa xurde da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes. Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados en Vigo no transcurso da presentación que tivo lugar en La Fábrica de Chocolate Club, e que contou cunha breve interpretación musical de Los EP.
A produción do Centro Dramático Galego 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, arranca este venres día 5 en Tui unha xira que levará a peza a 20 concellos de Galicia e o norte de Portugal. Así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na rolda de prensa realizada na localidade tudense para presentar a función programada para este venres. O percorrido da montaxe polas catro provincias galegas e o país luso prolongarase ata o 12 decembro. Trátase da xira máis ampla organizada polo CDG nos últimos anos, tanto polo número de funcións como pola diversidade de espazos.
Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG Dígocho Eu, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina son os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Unha decena de empresas integran a delegación galega en Womex, a Worldwide Music Expo que se está a desenvolver na cidade portuguesa do Porto, recuperando así a súa celebración presencial tras a edición en liña do ano pasado. A Xunta apoia a presenza da nosa música neste multitudinario encontro internacional coa organización dun encontro coas promotoras galegas acreditadas, así como a través da colaboración coas Tanxugueiras para o concerto que ofrecerán dentro do programa oficial. A primeira destas citas terá lugar o venres no Noble Hall do Centro de Congressos Alfândega do Porto, que aloxa o recinto feiral desta 27ª edición de Womex.
Entre as e os artistas que fotografaron os lugares, camiños e as xentes da parte galega desta ruta desde o século XIX ata os nosos días, e que aparecen compilados nesta nova exposición, cóntanse José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés, entre outros moitos. Por outra banda, nos vieiros do percorrido en Portugal, os rostros e vilas que o poboan foron retratadas por Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.
O grupo Mevadeus, de Santiago de Compostela, foi o gañador do primeiro premio Xuventude Crea 2021 na categoría de Teatro, unha das catorce especialidades do certame. A fase final celebrouse esta pasada fin de semana no Salón Teatro da capital galega e a ela chegaron seis grupos finalistas dos once que se presentaron este ano. A obra que recibiu o primeiro galardón tiña por título Agro 5G. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.
Inaugurouse na Cidade da Cultura unha exposición coa que se celebran os 10 anos da posta en marcha da Biblioteca de Galicia no Gaiás. Unha década na que a institución conseguiu converterse nun referente cultural custodiando importantes coleccións constituídas por documentos tan antigos como os incunables Libro de las propiedades de las cosas (1494) ou Sermones de patientia in Job (1471). Estas serán dúas das máis de 70 pezas que poderán contemplar os visitantes desta mostra que queda aberta ao público ata o 31 e maio do 2022 no vestíbulo do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Ao longo de tres días a Cidade da Cultura acollerá representantes da Organización Mundial da Saúde ou a OCDE, científicos recoñecidos por algunhas das institucións máis prestixiosas do mundo, personalidades distinguidas con galardóns como o Premio Nacional de Ensaio, os Premios Princesa de Girona, premios de divulgación científica ou recoñecementos polo seu traballo en causas humanitarias e medioambientais.
Inaugurouse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura 'Castillo, escultor', a primeira exposición retrospectiva realizada ata o momento que se centra na escultura de Jorge Castillo, unha faceta artística que se ben é máis descoñecida, comparte a grandeza da súa obra pictórica. Esta escolma de 120 obras percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional, cuxa obra forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.
O Museo do Pobo Galego acollerá desde o venres ata o domingo a primeira edición de Soa Bonaval, un novo festival con concertos, conversas e itinerarios sonoros polas salas do museo que conta co apoio da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da iniciativa que se enmarca na colaboración que o Goberno galego ten co museo. “É, ademais, unha nova proposta cultural que se suma as máis de 2.500 iniciativas que apoiamos este outono para impulsar aos creadores galegos e animar a participar da reactivación da cultura despois duns meses complicados”, expresou.
« Anterior | 66  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

A Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego dan ao prelo a obra 'Os animais de Fraguas', texto do polígrafo cotobadés ata o de agora inédito, sobre crenzas populares arredor dos animais. O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da fundación, Xusto Beramendi, presentárona acompañados por Miguelanxo Prado (ilustrador), Kiko da Silva (director artístico) e Fuco Sangiao (coordinador editorial).
Deuse peche a XV edición do Festival Internacional Rebulir, unha edición marcada pola adaptación da programación a Pandemia derivada da COVID-19. Foron catro días que incluiron obradoiros, concertos, animacións, exposicións... nun marco virtual ou con distanciamento suficiente. A Dirección do evento ven de destacar o alto grado de seguemento e interese mostrado a través das redes.
En tempos de pandemia e restricións, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti) volve á programación co lema “arte para respirar”. O certame, que celebra este ano a súa 17 edición, traerá este Nadal a diferentes escenarios da cidade 17 representacións de 13 compañías estatais. Con algo menos dun terzo do seu aforo habitual e apostando por uns espazos culturais “seguros”, a cita terá lugar o día 22 e do 26 ao 30 de decembro e un ano máis entre as súas entidades promotoras está a Universidade de Vigo.
A Asociación Galega de Artesáns, organizadora da feira de artesanía Ofeitoaman, a máis importante do inverno en Galicia, decidiu cancelar a edición física deste ano, que se ía celebrar a partir de hoxe no exterior do Centro Comercial A Laxe de Vigo, polas circunstancias da pandemia. Esta é a primeira edición desta feira anual, característica do Nadal en Vigo, que se suspende dende o ano 1985.
Presentouse no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago o libro gañador do premio Illa Nova de Narrativa 2020. Abriu o acto Pati Blanco, director de márketing e comunicación de El Corte Inglés, explicando que para El Corte Inglés este patrocinio supón reafirmase nunha aposta pola narrativa galega nova, a través da Editorial Galaxia, que permite sacar á superficie a calidade desta nova xeración de creadores galegos.
Ponte...nas ondas! segue recollendo diversas testemuñas de apoio á súa traxectoria. Escolas, Universidades, asociacións e personalidades de Galicia e Portugal están achegando o seu apoio a Ponte...nas ondas! neste 25 aniversario. Moitos destes apoios forman parte ademais da candidatura coa que, administracións galegas e portuguesas, impulsan a candidatura da asociación para optar á Lista das Mellores Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) acaba publicar o sétimo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) dedicado ao léxico referido ao ser humano. O volume está constituído por 294 mapas que dan conta da variación léxica no dominio galego de conceptos vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios, en total máis de catro mil variantes léxicas para os case trescentos conceptos analizados.
“A obra, o pensamento e o activismo de Saramago proporcionan múltiples e impresionantes representacións do noso mundo e propoñen diferentes respostas aos problemas que enfrontamos”, salientan os responsables da Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo no texto de presentación da quinta edición da conferencia internacional dedicada a afondar na obra e traxectoria do Nobel portugués e pola en relación con diversas problemáticas sociais, económicas, políticas ou ecolóxicas.
Hoxe, no Belén de Begonte, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, deu lectura ao Primeiro Pregón Virtual do Nadal, en presencia do Alcalde de Begonte, José Ulla e do Presidente do Centro cultural que impulsa o Belén electrónico de Begonte e as actividdes do Nadal begontino, Jesús Domínguez Guizán.
Con Un lugar afastado o autor vigués Beto Luaces completa a triloxía iniciada en 2017 con Un lugar do común e ampliada en 2019 con Un lugar aquelado, dous volumes con grande éxito de crítica e acollida na denominada novela negra viguesa. Nesta obra triloxía Beto Luaces volve botar man dun feito real, a historia de Alfonso Graña, rei dos xíbaros, un dos personaxes máis fascinantes da historia de Galicia.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES