Noticias

'Faraón. Rei de Exipto' convértese na mostra máis concorrida do Museo Gaiás con máis de 76.000 visitantes

A exposición 'Faraón. Rei de Exipto', froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación 'la Caixa' e o British Museum no marco do Xacobeo 21-22, despediuse da Cidade da Cultura tras congregar 76.367 visitantes desde o pasado mes de marzo. Convértese así na mostra máis concorrida da historia do Museo Centro Gaiás, tanto en números absolutos como en media diaria –621 visitantes mensuais–. A estes datos, cómpre sumar tamén máis de 5.000 estudantes que participaron no programa de visitas didácticas a través de videoconferencia, unha iniciativa que achegou a exposición ás aulas de 121 centros de ensino.

Esta escolma de 140 pezas procedentes das coleccións do Antigo Exipto e Sudán do prestixioso museo británica puido verse por vez primeira en Galicia. A exposición exhibiu na Cidade da Cultura pezas con máis de 3.000 anos de historia nun percorrido didáctico e divulgativo sobre o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo e as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización.

Tras terse exposto en cidades como Madrid ou Barcelona, Faraón. Rei de Exipto abriu as súas portas o pasado 27 de marzo no Museo Centro Gaiás batendo marcas de asistencia xa desde as primeiras semanas, con picos que superaron as 3.000 persoas visitantes diarias coincidindo coa Semana Santa e con máis de 20.000 visitantes só no seu primeiro mes de apertura.

Neste sentido, a Cidade da Cultura quixo agradecer a responsabilidade e colaboración que demostraron as persoas visitantes do Museo, no cumprimento e respecto de todas as medidas sanitarias que motivaron que, en determinados días de moita afluencia, houbese momentos de agarda para poder acceder á sala de exposicións.

Programa de actividades

Durante os catro meses e medio que puido visitarse Faraón. Rei de Exipto, a Cidade da Cultura despregou un programa gratuíto de visitas comentadas, previa reserva, para os visitantes que o desexasen, no que, pese ás limitacións de capacidade aos grupos de visita impostos pola pandemia da covid-19 participaron un total de 2.150 persoas.

Destacan tamén as cifras do intenso programa didáctico con visitas a través de videoconferencia que desenvolveu o equipo de guías do Museo Centro Gaiás. Destinadas a alumnado de segundo e terceiro ciclo de primaria, ESO, Bacharelato e centros formativos, a iniciativa tivo unha excepcional acollida por parte dos centros de ensino, coa participación dun total de 5.079 alumnos e alumnas, procedentes de 121 centros de ensino das catro provincias galegas e ata 133 visitas realizadas entre o 13 de abril e o 18 de xuño deste ano.

A exposición contou tamén un variado programa de actividades ao redor dos contidos da mostra, con faladoiros sobre arqueoloxía, conferencias, visitas en liña e xincanas de enigmas en formato escape room destinadas a público familiar.

Outras exposicións

Tras o peche de Faraón. Rei de Exipto, o Museo Centro Gaiás continúa co seu programa expositivo con dúas mostras que poden verse actualmente nas súas instalacións: Os brancos segredos do seu ventre –que pode visitarse ata o 5 de setembro– e Galicia futura –ata o 9 de xaneiro de 2022–. Ambas contan con entrada de balde e un programa de visitas comentadas, tamén de balde con reserva previa a través da web da Cidade da Cultura. Están abertas ao público de martes a domingo con horario ininterrompido de 10 a 20 horas.

R., 2021-08-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES