Noticias

O Museo Centro Gaiás convida a visitar a exposición 'Faraón. Rei de Exipto'

A exposición 'Faraón. Rei de Exipto' pecha as súas portas este domingo 15 de agosto na Cidade da Cultura, onde continúa a congregar diariamente a centos de persoas visitantes para gozaren desta escolma de pezas procedentes das coleccións do British Museum, que poden verse no Gaiás froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación ”la Caixa” e o propio museo británico, no marco do Xacobeo 21-22. A exposición, que achega por vez primeira a Galicia esta escolma de 140 pezas de arte exipcia con máis de 3.000 anos de historia, explora o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou esta antiga civilización.

Tras terse exposto en cidades como Madrid ou Barcelona, abriu as súas portas o pasado 27 de marzo no Museo Centro Gaiás e desde entón está a bater marcas de asistencia, con picos que superaron as 3.000 persoas visitantes diarias, coincidindo coa Semana Santa.

Durante últimos catro meses e medio, a Cidade da Cultura despregou un programa gratuíto de visitas comentadas, previa reserva, para os visitantes que o desexasen, ademais dun intenso programa didáctico con visitas a través de videoconferencia destinadas a alumnado de segundo e terceiro ciclo de primaria, ESO, Bacharelato e centros formativos. Tamén se organizou un variado programa de actividades ao redor dos contidos da exposición, con faladoiros sobre arqueoloxía, conferencias, visitas en liña e xincanas de enigmas en formato escape room destinadas a público familiar.

Información práctica

Faraón. Rei de Exipto pode visitarse con entrada de balde e sen necesidade de reserva previa, salvo para as visitas comentadas ¬–que nesta derradeira semana teñen xa todas as súas prazas cubertas–. Está aberta ao público ata o domingo con horario ininterrompido de 10 a 20 horas, ao igual que as outras dúas exposicións que actualmente acolle o Museo: Os brancos segredos do seu ventre e Galicia futura.

O acceso á exposición estase a realizar dun xeito ordenado e seguro, con redución da capacidade da sala e en cumprimento de todas as medidas sanitarias que require a situación actual. A Cidade da Cultura agradece a responsabilidade que están a demostrar as persoas que visitan o Museo, recomendando ademais achegarse a visitar a exposición evitando as tardes da fin de semana, tramos de maior afluencia de visitantes, e priorizando pola contra a primeira hora da mañá.

R., 2021-08-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES