Notas de prensa

Dez propostas artísticas reflexionan sobre a identidade das mulleres galegas

O Museo do Mar de Galicia acolle ata o vindeiro 6 de decembro a mostra Identidades latentes, comisariada pola profesora do Departamento de Debuxo Ana Seoane e a artista Neves Seara, e coa participación de nove creadoras vinculadas á Universidade de Vigo: Bibi Martín, Teresa Búa, Melania Freire, Mar Ramón, Silvia García, Rebeca Lar, Itziar Ezquieta, Lisi González e Anubis Muñoz.

Identidades latentes suma, coa de Seara, dez obras que amosan como a tradición sociocultural influencia a produción contemporánea e viceversa. A exposición presenta instalacións, pinturas, esculturas e fotografías baseadas na procura das identidades feministas, culturais, de xénero, sociais...

“Un abano de formas de traballar”

Mar Ramón, estudante de doutoramento da Facultade de Belas Artes, explica que se trata dunha exposición que “deixa espazos para diferentes visións dunha temática” e, neste senso, afirma que hai un “amplo abano de formas de traballar a problemática da identidade”. Asegura que é interesante observar como, “aínda sendo socializadas dunha maneira parecida polo feito de ser mulleres e galegas, as nosas miradas cara o exterior son tan diverxentes”.

Para a profesora Itziar Ezquieta, do Departamento de Didácticas Especiais, o proxecto ideado por Seoane e Seara supón un reencontro consigo mesma e coa súa produción despois dun tempo no que deixara abandonada a práctica no taller. Considera ademais que a súa obra, formada por siluetas e sombras de figuras fragmentadas, encaixa moi ben coa proposta expositiva, xa que o seu fío condutor é “a procura constante de significados sobre a subxectividade, a vida e os porqués do estar e do ser”.

Segundo Silvia García, docente do Grao en Belas Artes, Identidades latentes permite “dialogar coas pezas doutras mulleres e ofrecer un retrato coral onde se plasma a nosa identidade como artistas en permanente construción”. A súa proposta, relativa á memoria dos oficios e da intimidade, conta con dúas partes: un colaxe con fotografías antigas de mulleres e unha cadeira construída con roupa branca trenzada, procedemento que enlaza cos labores femininos e co traballo da súa nai, que era atadeira.

Entre as creacións presentes na sala de exposicións temporais do Museo do Mar aparecen puntos comúns, cuestión evidente no caso de Silvia García e Itziar Ezquieta, que xogan cos conceptos da memoria, da intimidade, do recordo e do esquecemento. Doutra banda, as fotografías e a escultura que expón Mar Ramón constitúen enlaces ou conversacións entre os obxectos domésticos e os corpos.

Poñer en valor a lingua e a identidade galega

Co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, Ana Seoane e Neves Seara apostaron nesta mostra polo emprego da lingua galega en todos os textos relacionados co proxecto, xa que, segundo argumentan, “no ámbito das Belas Artes o galego presenta un uso moi baixo, tanto nas facultades como na maioría das artistas consagradas”.

Son varias as creacións que abordan a identidade galega desde perspectivas autobiográficas e antropolóxicas. A egresada Melania Freire establece un paralelismo entre o traspaso xeracional ou familiar e o uso do pano tradicional, unha prenda feminina que, como no caso dos mandilóns empregados por Rebeca Lar, homenaxea á cultura popular, “ás nosas amigas, irmás, nais e avoas”.

Unha das propostas co gallo do 25N

A perspectiva de xénero caracteriza a maioría dos traballos das creadoras de Identidades latentes. Nun acto que inaugurou as actividades propostas pola Xunta de Galicia arredor do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, Marta Lucio, directora do Museo do Mar, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta en Vigo, salientaban a importancia de apoiar este tipo de proxectos. A artista Mar Ramón tamén sinala a pertinencia dos actos culturais reivindicativos nestas datas e destaca que “moitas das obras falan da violencia contra a muller en maior ou menor medida”.

Identidades latentes forma parte da programación do Museo do Mar de Galicia co gallo do 25N, na que tamén haberá teatro, coa representación de Soa, e cine, coa proxección do filme documental Saberes de muller.

Universidade de Vigo, 2020-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES