//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Foi presentado na Biblioteca Provincial de Lugo o libro Don Ricardo de Fingoi, sobre os quince anos lucenses de Ricardo Carballo Calero. Á presentación asistiron vinte persoas que se inscribiron telematicamente e que completaron o aforo legalmente permitido. Participaron no evento Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Magalí Carballo, filla do escritor; Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No decurso deste acto rendeuse homenaxe á discípula de Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa, recentemente falecida, e que tivo parte importante na confección deste libro e preparación de documentación para o proxecto Don Ricardo de Fingoi.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle por primeira vez os espectáculos completos de Cinema Sticado coa representación a partir de mañá e ata o domingo día 25 de tres montaxes que mesturan artes visuais, teatrais e performativas, cine ao vivo, teatro de obxectos e audio e vídeo en tempo real música en directo, características do estilo deste colectivo artístico multidisciplinar. As dúas primeiras propostas forman parte da serie de cine ao vivo STRPTS: Episodio 1: Mirlo&Rula, que se representará o venres ás 20,30 h., e Fin de tempada, que poderá verse o sábado á mesma hora. A terceira das propostas, PYKA: o corazón na eclipse, é un espectáculo de teatro visual que chegará aos espectadores o domingo ás 18,00 h.
O sector artesán galego volve estar presente nos Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, con tres candidaturas finalistas na edición deste ano. Trátase do obradoiros de tecido artesanal de Inés Rodríguez (Allariz) e do obradoiro especializado no traballo do coiro Santiago Besteiro (Monterroso), que competirán na categoría Emprendemento, así como a Fundación Artesanía de Galicia, que opta de novo ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo proxecto Artesanía no Prato, que busca crear sinerxías entre artesanía, deseño e gastronomía.
La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
Do 14 ao 25 de outubro, o Festival Internacional de Teatro en Ourense (FITO) celebrará unha nova edición, a número trece. A cita adaptará a súa programación ás esixencias derivadas da loita contra a pandemia e contará con oito días de programación e once espectáculos que se desenvolverán na cidade de Ourense, como xa é habitual, pero tamén, e como novidade, no concello ourensá de Barbadás. O Teatro Principal de Ourense acolleu este martes a rolda de prensa de presentación do festival, no que colaboran Universidade de Vigo; Teatro Principal; Deputación de Ourense; Agadic e Concello de Barbadás.
A Cidade da Cultura celebrará os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro os seus Magostos no Gaiás, amenizados cada un deles coa música de raíz de Luar na Lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Deste xeito, o Gaiás volve celebrar unha das tradicións culturais e gastronómicas de outono con máis arraigamento popular en Galicia e tamén na súa programación cultural e para os que se contará con formacións galegas, coas que se reflicte a calidade e a variedade de estilos da nosa escena musical. Como en anos anteriores, non faltarán as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG).
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que celebra a súa quinta edición entre o martes 13 e o sábado 17 de outubro, súmase á homenaxe aos profesionais da saúde e dos servizos sociais. O obxectivo do evento, organizado pola Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN), é dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e a igualdade a través da difusión universal da sétima arte. O festival adoptou novas seccións competitivas dirixidas a incrementar a súa incidencia positiva no sector. Así, ademais da quinta convocatoria da sección de curtametraxes de ficción e da terceira de longametraxes documentais, este ano o festival incorpora un apartado a concurso de longametraxes de ficción, outro de curtametraxes documentais e un máis para webseries de temática inclusiva.
A carteleira do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) volve centrarse en outubro no cinema feito por mulleres. Entre as 28 proxeccións que se poderán ver na cinemateca da Xunta de Galicia atópanse dous ciclos que tiveron que ser adiados dende o pasado mes de abril por mor do estado de alarma, con filmes de Ida Lupino e Angela Schanelec, así como varias proxeccións especiais. Así, a sala de exhibición cinematográfica da Coruña inclúe este mes o ciclo Esenciais: Ida Lupino, centrado na única directora que traballou para os estudios de Hollywood nos anos 50 e a segunda en ser admitida no sindicato americano de directores, DGA. O CGAI dedícalle tamén unha completa retrospectiva á cineasta alemá Angela Schanelec, unha das voces máis destacadas da que se deu en chamar Escola de Berlín.
O xurado da sexta edición do Premio Nortear escolleu a obra Ganapos da escritora portuguesa Célia Fraga, como vencedora do galardón deste ano, dotado con 3.000 euros e coa publicación de 500 exemplares en edición bilingüe, galego e portugués. A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) colaboran no desenvolvemento deste certame destinado a recoñecer as obras literarias orixinais de ambos lados da fronteira, ao mesmo tempo que se incentiva a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa co lanzamento de novos escritores.
A cidade de Santiago acollerá a segunda edición do festival de música culta Ateneo Barroco, un festival que abre as portas ao outono non só a través de concertos, senón tamén con relatorios e proxeccións. A segunda edición de Ateneo Barroco comezará o vindeiro día 5 de outubro cunha conferencia inaugural e traerá a Santiago de Compostela cinco concertos e relatorios sobre instrumentos e o ciclo cinema que se celebrarán en distintos espazos cedidos polo Concello e a Universidade.
Este mércores da comezo a oitava edición do festival Atlántica de narración oral cun dos espectáculos clásicos deste encontro: a gala inaugural. Baixo o título de Varios ventos, boa parte dos artistas do Atlántica vanse xuntar para brindar un petisco da súa arte. Coa denominación de Varios ventos faise alusión ás voces que desta volta van encher de contos o Festival Atlántica. Haberá tempo para a tradición oral aragonesa que tan ben coñece Sandra Araguas e para as historias do polifacético Fernando Saldaña.
O festival 'Alguén que respira!' reúne entre o 18 e o 20 de marzo en Compostela o máis escintilante cartel poético que existe en Galicia. Serán case cincuenta poetas e cinco estreas, entre elas o novo espectáculo de Rompente, a aposta de Mercedes Peón pola poesía ou unha homenaxe a Francisco Cortegoso. O programa conta coa presenza dalgunhas das voces máis impactantes do panorama galego e internacional.
'O Son do Camiño' presentou hoxe a súa terceira edición, a gran cita musical que, un ano máis, congregará a artistas de primeiro nivel no Monte do Gozo. Este evento, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de xuño, volverá situar Galicia como un referente do turismo de festivais da man dunha decena de bandas de renome internacional, que suman 12 premios Grammy, e dunha quincena de artistas e bandas da nosa Comunidade que converterán esta edición na máis galega da súa historia.
A exposición estará na sala de proxectos, no primeiro andar, do 6 marzo ao 14 xuño de 2020. Producida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo e comisariada por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, conta ademais coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A mostra céntrase nas obras nas que Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, Biscaia, 1957) xoga co sentido e forza dos conceptos, convertindo a palabra en dimensión e enerxía escultórica.
O Concello de Ourense porá en marcha este ano o Premio Nós de Relatos, unha iniciativa que nace con motivo da conmemoración do centenario da Revista Nós, coa que quere render homenaxe ao traballo deste grupo, á revista e en definitiva a un dos proxectos culturais máis singulares e que situaron a cidade de Ourense como a Atenas de Galicia.
O Festival Peregrinos Musicais xa busca novos talentos musicais. Ata o próximo 12 de abril, os aspirantes poderán presentar os seus traballos para formar parte do grupo final que participará no X aniversario da creación do Festival internacional. Para conseguilo, os músicos deberán demostrar o seu virtuosismo, a súa capacidade interpretativas e a súa versatilidade ante un tribunal que lles fará un exame de preselección a mediados de abril.
A sétima edición dos Premios Martín Códax da Música bota a andar coa apertura do prazo de recepción de propostas entre o 1 ao 15 de marzo e con varias novidades nunha convocatoria destinada a recoñecer 20 proxectos musicais galegos. A creación dunha categoría dirixida a bandas de música populares, a separación en dúas da anterior modalidade folk/tradicional e un sistema de votacións diferente son as principais achegas desta nova edición.
O Director da MIT, Roberto Pascual, recolleu da man da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) este recoñecemento que o colectivo concedeu ao festival galego por ser un exemplo de calidade artística e de xestión no ámbito das artes escénicas a nivel nacional e internacional. A MIT quere agradecer este recoñecemento, que reforza ademais a imaxe positiva do conxunto de todas as artes escénicas galegas, nun momento de especiais dificultades para a Cultura en Galicia.
O festival coruñés de cómic autoeditado acada este febreiro a súa duodécima edición, despois de seis edicións de verán e outras tantas de inverno. Máis dunha trintena de creadoras e creadores inscritos porán á venda as súas publicacións no encontro, que ademais contará cunha palestra sobre animación, curtas de animación independente, unha xincana de debuxo e para finalizar unha festa de disfraces.
Beleza, verdade é o titulo da antoloxía poética de Ricardo Carvalho Calero realizada por Pilar Pallarés, unha das máis aprezadas discípulas do escritor ao que este ano se lle deica o Día das Letras Galegas. O libro, un proxecto de Chan da Pólvora que se xestou durante varios anos, preséntase este xoves en Compostela, nun acto no que participarán Pallarés e Miguel Anxo Fernán Vello. A libraría do Chan da Pólvora é o lugar da cita. Esta é a segunda ocasión en que Pallarés se enfronta á poesía do autor ferrolán.