
Así o anunciaron hoxe os representantes da Asociación Músicas ao Vivo, organizadora dos premios, nun acto celebrado esta tarde na Sala Sónar de Santiago de Compostela que incluíu a actuación en directo do cantante Brais Morán e a intervención das principais entidades colaboradoras: a Xunta de Galicia, as Bodegas Martín Códax, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial de Pontevedra.
Evolución en positivo
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación, na que deixou testemuño do apoio do Goberno galego a estes galardóns desde o seu nacemento. Expresou, ademais, a súa satisfacción pola evolución dos premios "sempre cara adiante e en positivo, nunha traxectoria que medrou parella á propia asociación profesional que os creou e os impulsou, á que lle temos que agradecer o seu tesón e capacidade para a súa impecable organización ano tras ano". Os premios son, en definitiva, unha cara máis (e cun potencial de proxección moi destacado) do bo momento que está a vivir a música en directo, engadiu.
Neste sentido, destacou a representatividade probada e o peso específico actual de Músicas ao Vivo, trazos que a lexitiman −engadiu− como unha das interlocutoras principais coa Administración á hora de decidir e de levar a cabo as distintas políticas que inciden na música en directo.
Os Premios Martín Códax da Música teñen por obxectivo visibilizar e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego. Este ano serán 20 proxectos os galardoados, xa que se convocan 17 categorías, dúas máis que en 2019, e tres premios Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación. Tamén se fará entrega dun premio honorífico, decidido pola directiva de Músicas ao Vivo, que será anunciado proximamente.
Outra novidade importante será o sistema de votacións, xa que se inverte a orde de emisións de voto para que sexa un xurado profesional quen faga unha primeira selección. A partir desta escolma, abrirase un segundo período de votación por parte de todas as persoas asociadas a Músicas ao Vivo, que decidirán deste xeito a fase final.
A gala de entrega terá lugar o 6 de maio no pazo da Cultura de Pontevedra e contará coa dirección artística do actor e director teatral Gustavo Dieste. Ese día, os galardoados recibirán os tradicionais melómanos, as esculturas de madeira creadas por Víctor Lorenzo como trofeo oficial dos Premios Martín Códax da Música.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.