Notas de prensa

Galicia celebra a poesía entre os próximos 18 e o 21 de marzo co festival 'Alguén que respira!'

O festival 'Alguén que respira!' reúne entre o 18 e o 20 de marzo en Compostela o máis escintilante cartel poético que existe en Galicia. Serán case cincuenta poetas e cinco estreas, entre elas o novo espectáculo de Rompente, a aposta de Mercedes Peón pola poesía ou unha homenaxe a Francisco Cortegoso. O programa conta coa presenza dalgunhas das voces máis impactantes do panorama galego e internacional.

A terceira edición do Alguén que respira! chega carregada de novidades, entre elas o feito de que este ano, por vez primeira, algúns dos actos do festival se celebren fóra do Teatro Principal, sede principal do evento. De feito, a programación do denominado Respira! Out será a que inicie os recitais o día 18 de marzo na Casa do Taberneiro, cunha sesión especial de regueifa na que participan Manolo de Burela, Olalla da Prica, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

Ata cinco estreas poderán verse ao longo dos catro días deste festival organizado pola Concellería de Cultura de Santiago de Compostela coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A elaboración dun programa propio foi un dos sinais de identidade do Alguén que respira! nas dúas primeiras convocatorias e nesa liña, este ano programouse unha ambiciosa rede de propostas realizadas expresamente para o Teatro Principal, ademais doutros espectáculos que chegan por primeira vez a Galicia, como é o caso da peza de Miguel Azguime con Salt itinery. Poetas, instrumentistas, compositores e compositoras, actores, performers ou videocreadoras ofrécennos os seus traballos de hibridación artística, indagando en linguaxes propias e alleas, arriscándose coa palabra ou co silencio, co ruído ou coa voz, pero sempre en contacto coa indicible condición de asombro e estrañeza que contén a poesía.

Entre as estreas, figuran a de Rompente, co seu espectáculo Que hostia din os rumorosos? ou Mercedes Peón, que se aliou con María Reimóndez para facer Linguas elementais. Ademais deles, desenvolverase o día 19 unha unha proposta singular, proxectada para o festival e realizada polo seu equipo artístico. Na dirección Antón Lopo e Baltasar Patiño na iluminación. A documentación foi de Séchu Sende e o espazo sonoro un deseño de Ana Romaní e Chus
Silva. Sobre o escenario do Teatro Principal, corpos construídos a si mesmos como ámbitos literarios.

Poesía de radical fisicidade, con versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro, que os visitantes poderán ler escritos sobre un soporte insólito: a pel.

Tamén poderá verse por vez primeira Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha proposta de Celso Fernández Sanmartín que supón o seu regreso á linguaxe poética. A esta peza, que poderá verse o venres ás oito da tarde, súmase a homenaxe que o festival lle rende ao poeta Francisco Cortegoso a través de Je vous salue, Fran Cortegoso, realizada por Pablo Fidalgo.

Polos diferentes espazos do festival poderán escoitarse e verse a case cincuenta poetas, algunhas delas inéditas en Galicia como é o caso da navarra Beatriz Chivite ou do sempre polémico creador portugués Antonio Barahona, que en Compostela ofrecerá unha das escasas oportunidades que houbo nas últimas décadas para coñecer en directo os seus poemas.

Entre os nomes incluídos no programa, figuran Manuel Rivas, María Sánchez, Chus Pato, Pol Guasch, André Targa, Blanca Llum, Lara López, María Lado, Rafa Lobelle, Carlos Quiroga, Lupita ! 3Hard, David Trashumante, Charo Lopes ou Xosé María Ãlvarez Cáccamo.

Alguén que respira!, 2020-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES