
Esta tarde ás 19:00 horas, na Sala Valente, terá lugar unha nova xuntanza -a terceira, despois da que se mantiveron en xaneiro e febreiro- da comisión de traballo para a preparación dos actos de conmemoración do centenario. Tras as diversas propostas de entidades e institucións participantes, procederase a aprobar a programación de actividades que ocuparán os vindeiros meses.
Entre estas, destaca a creación do Premio Nós de Relatos, por parte do Concello de Ourense. Este certame terá carácter anual, e nos vindeiros días aprobaranse as bases definitivas.
Aínda que o forte das actividades resérvanse para o outono, hai moitas que xa se están a desenvolver e que tamén están programadas para as vindeiras semanas. Algunhas destas son: roteiros literarios, colocación dunha placa conmemorativa na casa de Florentino Cuevillas, Xornadas Vicente Risco e as vangardas históricas, roteiros de Nós, exposicións, así como unha programación especial para o Día das Letras Galegas.
Dentro da comisión de actos de conmemoración do ano Nós participan 16 entidades e colectivos, xunto coa Concellería de Cultura: Museo Arqueolóxico Provincial, Biblioteca Pública de Ourense, Deputación de Ourense, Universidade de Vigo, Fundación Otero Pedrayo, Fundación Risco, Arquivo Castro Vicente, Liceo de Ourense, Amigos da República, PSdeG-PSOE, BNG, Ciudadanos, PP, Agrupación cultural Auriense, Coral de Ruada Orfeón e Grupo Marcelo Macías.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.