//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e os seus homólogos da Coruña, Julio E. Abalde, e Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este martes o convenio de colaboración polo que as tres universidades galegas crean o Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A sinatura tivo lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura que será a sede principal deste centro interuniversitario, se ben tamén poderá contar con outros espazos nos campus galegos nos que estea situado o persoal investigador a el vencellado.
O calendario de estreas do programa de coproducións de danza que desenvolve o Centro Coreográfico Galego entra na súa recta final con tres citas esta semana. O venres terán lugar as primeiras funcións de Nova Galega de Danza co espectáculo Credo nas Pontes de García Rodríguez e de Colectivo Glovo con Tabú en Lugo, mentres que Javier Martín exhibirá este sábado en Oleiros Figuras do limiar, na que será a súa presentación en Galicia tras ver a luz o pasado 12 de novembro no Teatro El Musical de Valencia. Ademais, o 22 de decembro subirá a escena na Coruña a peza Nó, da compañía Elahood, coa que se completarán as estreas das seis pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego.
Musicada por Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, a obra estrearase o 9 de decembro para os aboados do Auditorio de Galicia e terá outra sesión aberta ao público xeral o día 10. Tamén se poderá seguir o día 9 en streaming pola canle de YouTube da Real Filharmonía de Galicia. Dirixida polo director titular e artístico da Filharmonía, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira que fai de personaxe muda.
A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.
A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia, e un dos espazos pioneiros e líderes en España neste novo eido da creación. Este foi un dos principais avances do II Plan Estratéxico do Gaiás para o período 2021-2027 que o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá na Comisión 4º do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia para dar a coñecer esta nova folla de ruta. O futuro centro de artes dixitais situarase nos aparcadoiros subterráneos do antigo Teatro da Música, hoxe Fontán. Non suporá, polo tanto, a construción dun edificio novo, senón a adecuación e o equipamento de sotos xa existentes e en desuso despois da paralización das obras do Teatro da Música.
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
Tras a actuación do grupo de música tradicional Leilía será a quenda de Belém Tajes, quen, despois de ser vocalista con Luar na Libre e Vudú, presentará o seu proxecto no museo vigués mañá, ás 20,00 horas. Compartirá escenario con Su Garrido, cantante, música e compositora galega que abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin. O concerto previsto para o sábado 27 será en horario de mañá, ás 12,00 horas, e estará protagonizado por Blues do País, a banda liderada por Bieitta James e que fai versións de clásicos do blues e do soul adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas. Xunto a ela actuará o dúo Mallou, liderado por Sabela Bello, co seu novo proxecto no que reinterpreta a tradición da música popular de Galicia.
A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo. Remuíño de sombras presenta, pola súa parte, a imaxe colectiva da comunidade galega en Bos Aires. O de Gres ofrece nesta novela a historia da emigración no seu conxunto.
A organización de Culturgal desvelou a programación completa da 14ª edición, que terá lugar do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra coa participación de máis de 80 empresas e entidades expositoras e 119 stands. Deste xeito e baixo o lema A cultura que toca, o evento recupera a súa esencia como feira das industrias culturais galegas, para o que volve contar coa implicación da Xunta como principal institución patrocinadora.
Culturgal 2021 propón un cento de actividades, entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións
O Centro Dramático Galego cruzará por primeira vez o Atlántico para representar a produción 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, en Uruguai e Arxentina. Deste xeito, a unidade teatral da Xunta levará esta adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega a Montevideo e Bos Aires, os días 1 e 2 de decembro. Nas funcións, que terán lugar o día 1 no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar de Montevideo ás 18,00 e 21,00 horas, e o día 2 no Teatro Astral de Bos Aires ás 20,00 horas, o equipo da montaxe estará acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director do CDG, Fran Núñez.
Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras de Xurxo Couto.
A programación de actividades culturais deseñadas pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo sortearon os efectos de pandemia cun estado de saúde óptimo, segundo denotan as estatísticas de público computadas ao longo do exercicio 2020, período no que preto de 6.000 persoas participaron nos distintos cursos, seminarios, ciclos de concertos e demais accións organizadas ou promovidas pola institución académica.
A Cidade da Cultura de Galicia levará ao vindeiro mes de maio a celebración do festival Escenas do cambio, previsto do 18 ao 21 de febreiro, debido ás limitacións sanitarias que afectan á organización dun evento internacional no que participan artistas e compañías procedentes de cinco países (España, Portugal, Francia, Reino Unido e Xapón). Este festival cumpre a súa sétima edición e, neste ano, estrea dirección da man de Lola Correa,
'Sin piel' é o título da exposición na que a artista Marina Núñez presenta preto de medio cento de obras, tanto pictóricas como videocreacións, que afondan nas relacións do ser humano tanto co medio ambiente como coa tecnoloxía, mostra coa que nestes días a sala Kubo Kutxa de San Sebastián abría a súa programación de 2021. Comisariada pola historiadora da arte Susana Blas, a exposición alude no seu título á 'eliminación da fronteira que nos illa do exterior: a pel'.
Tivo lugar a reunión do Padroado da Fundación MARCO que fixo balance de 2020 e aprobou a programación de exposicións previstas para 2021, sempre que a situación sanitaria o permita. A Dirección do Museo fixo énfase na necesidade de continuar a liña de traballo iniciada a finais de 2019, mantendo activa a programación e dando prioridade ás necesarias tarefas de mantemento do edificio e da súa infraestrutura.
A versión en galego da obra orixinal de Santiago Cortegoso O charco de Ulises, realizada para o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), constitúe o sexto número da colección editorial O Papel do Teatro, coa que se lle dá difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega. A publicación, promovida en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e a editorial compostelá Positivas, preséntase nun formato de peto de 100 páxinas.
A longametraxe documental Nación dirixida por Margarita Ledo, acaba de recibir o distintivo de película Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero do Ministerio de Cultura e Deporte. Nación reivindica a loita obreira dende o punto de vista das mulleres, tendo en conta as implicacións que supuxo a súa incorporación á forza de traballo, en tempos convulsos para o sector fabril a través das enérxicas mulleres da fábrica de cerámica de A Pontesa.
Debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, a programación de proxeccións de documentais da iniciativa Docs del mes pasa no campus de Ourense a ser exclusivamente virtual. As persoas interesadas poderán solicitar de balde o acceso a cada sesión deste ciclo de cinema documental coordinado pola compañía Parallel 40, que programa cada ano o visionado de dez filmes en máis de 70 cidades españolas.
Dende o pasado outubro continúa adiante o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS do Concello da Coruña: a cita mensual coa mellor poesía de Galicia e de fóra dela que desenvolve ao longo de todo este curso a súa 12ª edición. Encarando agora o seu trimestre invernal, a coidada programación poética reúne no Auditorio do Centro Ágora tres novos poetas galegos de recoñecido prestixio a carón de autores nacidos no Reino Unido, en Cuba e mais en Portugal.