
Isto leva á fusión tanto co medio natural coa tecnoloxía, segundo recolle o seu texto de presentación.
Ese ser humano sen pel, máis exposto e vulnerable é un dos meus temas recorrentes, recoñece Núñez respecto da idea central dunha exposición que xira en torno a esa relación entre os humanos, a natureza, a tecnoloxía..., conformada na súa meirande parte por obras realizadas nos últimos anos. A estas súmanse tres debuxos, unha instalación de dez vídeos en monitores e outra peza en vídeo que foron creadas especificamente para este proxecto. Non obstante, a exposición tamén aborda como as dicotomías natureza-cultura e corpo-tecnoloxía formaron parte do imaxinario da artista, como recolle o texto de presentación, ao longo das últimas tres décadas. De feito, ademais de reunir nunha das súas salas obras realizadas desde a década de 1990, a exposición complétase cun vídeo-ensaio sobre a traxectoria da Núñez, realizado por Susana Blas e Marta Azparren.
Obras que o presente converteu en estrañamente descritivas
As obras seleccionadas para esta exposición, sinalan desde Kubo Kutxa, proxectan identidades maleables e empáticas coa contorna, onde os límites físicos e psicolóxicos se dilúen ou duplican nos escenarios ou paisaxes dos que forman parte. Sin piel, engade o texto, fala de identidade, da idea de fronteira, do diálogo, case sempre incómodo entre o conectado, ilimitado, aberto, brando e metamórfico e o constrinxido, estereotipado e controlado. Deste xeito, a exposición permite afondar no interese de Núñez por temáticas como a loucura, a morte, a monstruosidade e a ciencia ficción, por aquelo que existe á marxe do normativo.
Se ben toda a súa obra é un intento por mostrar realidades alternativas ao normativo, quizais a diferencia entre proxectos anteriores e esta exposición é a idoneidade da proposta nos tempos incertos apocalípticos que está vivindo a humanidade no último ano, saliéntase tamén no texto de presentación de Sin piel, en alusión tanto a crise climática como á covid-19. Nese senso, Núñez recoñece que aínda que a pandemia non influenciase a exposición, si podería ter achegado outra lectura a este conxunto de obras centradas na relación entre os humanos o seu medio ambiente. Nunha época de crise sanitaria e medioambiental como a que vivimos, de repente a ciencia ficción deixou de selo e algunhas obras resultan estrañamente descritivas, recoñece e artista e investigadora do grupo dx5.
Un percorrido en espiral
Síntome moi afortunada por poder expoñer nun espazo tan especial e rotundo arquitectonicamente, salienta Núñez do Kubo Kutxa, un espazo expositivo inserido no edificio Kursaal, de Donostia, no que presenta 46 obras en catro salas, dúas delas iluminadas e destinadas ás obras materiais, pintadas e impresas, e outras dúas en penumbra, nas que se sitúan as proxeccións e videoinstalacións. Catro espazos que se presentan como catro órbitas en torno ás que se trazou un percorrido en espiral e que reciben os nomes de Supernovas, fractales y marejadas; Inmersión naturaleza y civilización; El ojo y las grietas e Un túnel del tiempo. Susana Blas destacaba que as órbitas teñen sentido nunha traxectoria que non é lineal, senón que vai e volve sobre certas iconografías e temas, como un fluxo en bucle, sinala a artista, que destaca o oportuno desa idea de percorrido orbital nunha exposición na que se combinan luz e escuridade e cunha iconografía marcada pola ciencia ficción.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.