
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe o ciclo de concertos Mar de Mulleres, enmarcado nos actos conmemorativos polo 25N-Día internacional contra a violencia de xénero e realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia. A través desta iniciativa, artistas galegas, entre as que figuran tanto solistas como bandas emerxentes, presentarán os seus proxectos musicais ata o domingo no Museo do Mar de Galicia.
Valentín García animou os vigueses e a toda a cidadanía galega interesada a acudir a un concerto co que simbolicamente, e a través da voz destas cantantes e músicas galegas, queremos alzar a nosa propia voz acerca dos dereitos das mulleres e contra a violencia de xénero. Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén interviñeron nesta presentación, Marta Lucio, directora do museo vigués, e as compoñentes do grupo Leilía, encargadas de abrir o ciclo.
Un programa con nome de muller
Tras a actuación do grupo de música tradicional Leilía será a quenda de Belém Tajes, quen, despois de ser vocalista con Luar na Libre e Vudú, presentará o seu proxecto no museo vigués mañá, ás 20,00 horas. Compartirá escenario con Su Garrido, cantante, música e compositora galega que abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin.
O concerto previsto para o sábado 27 será en horario de mañá, ás 12,00 horas, e estará protagonizado por Blues do País, a banda liderada por Bieitta James e que fai versións de clásicos do blues e do soul adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas. Xunto a ela actuará o dúo Mallou, liderado por Sabela Bello, co seu novo proxecto no que reinterpreta a tradición da música popular de Galicia.
A viguesa Margarida Mariño, co seu primeiro traballo en solitario, e Mounqup, francesa residente en Galicia que apostou pola música en galego, poranlle o peche ao ciclo o domingo, tamén ao mediodía.
Con esta iniciativa, o Goberno galego busca darlles visibilidade ás artistas emerxentes e á música na lingua propia, ademais de conmemorar, como cada 25 de novembro, o Día internacional contra a violencia de xénero. As entradas para todos os pases serán de balde ata completar a cabida.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.