Noticias

Presentada a 14ª edición de Culturgal, que baixo o lema 'A cultura que toca', recupera a súa esencia como feira do sector

A organización de Culturgal desvelou a programación completa da 14ª edición, que terá lugar do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra coa participación de máis de 80 empresas e entidades expositoras e 119 stands. Deste xeito e baixo o lema A cultura que toca, o evento recupera a súa esencia como feira das industrias culturais galegas, para o que volve contar coa implicación da Xunta como principal institución patrocinadora. Culturgal 2021 propón un cento de actividades, entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto co presidente da asociación Culturgal, Víctor López; o director da feira, Xosé Aldea, e os representantes doutras das administracións colaboradoras. Na súa intervención, incidiu na renovación do compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa organización deste evento, en resposta ao seu relevante papel na posta en valor da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións e, en consecuencia, dos profesionais do sector en Galicia, especialmente afectados polas restricións sanitarias durante a evolución da pandemia.

Regreso ao recinto feiral co stand institucional

Sutil detallou que, ademais da achega económica a Culturgal, o Goberno galego encárgase da organización directa de 13 actividades enmarcadas na ampla programación desta 14ª entrega do encontro. Así mesmo, a Xunta regresa este ano ao recinto feiral co seu stand físico, que non fora posible manter na edición de 2020 por mor da crise sanitaria e que −como explicou o responsable de Industrias Culturais− “se deseñou como punto de encontro e relación para o público arredor dun resumo da actividade cultural promovida pola Administración galega durante todo 2021”.

Detívose especialmente na relación de actividades que a Consellería de Cultura achega ao programa, “entre as que figuran moitos logros xa acadados ou produtos que son resultado concreto de diversas iniciativas xa en marcha, como libros publicados, certames creativos ou o éxito que está a supoñer o Bono Cultura”, explicou ao tempo que se porá o acento en iniciativas que verán a luz o próximo ano. “É o caso, por exemplo, do avance das programacións culturais da Xunta para 2022, dos proxectos galegos que se están a desenvolver no ámbito dos videoxogos, do impulso que para o sector do cinema e da televisión supón o Hub Audiovisual da Industria Cultural ou do potencial de Galicia no ámbito das series televisivas, personalizado na presentación de Rapa, produción de Portocabo para Movistar + co apoio da Consellería a través das axudas para atracción de rodaxes.

Así mesmo, compartiranse co público e os profesionais presentes en Culturgal as claves das próximas producións propias do Centro Dramático Galego ou diferentes accións centradas no ámbito dixital, como o proxecto Nós de intelixencia artificial ou o espazo virtual isaacdiazpardo.gal.

Actividades presenciais e transmisión en directo

Culturgal 2021 propón un cento de actividades, entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións. Estas citas distribuirase por temáticas arredor dos espazos Foro, Libro, Cinema, Infantil, Auditorio e Arte Contemporánea, entre outros. Nesta 14ª edición volverase contar, así mesmo, cunha canle para a transmisión en directo dunha selección do seu programa, despois da exitosa experiencia que supuxo a súa posta en marcha en 2020 para poder chegar a milleiros de persoas a pesar das restricións sanitarias.

A feira galega das industrias culturais está promovida pola asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector en Galicia, dándolles voz a unhas 200 empresas: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

R., 2021-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES