Noticias

O Centro Dramático Galego cruza o atlántico por primeira vez para representar en Uruguai e Arxentina a obra 'O charco de Ulises'

O Centro Dramático Galego cruzará por primeira vez o Atlántico para representar a produción 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, en Uruguai e Arxentina. Deste xeito, a unidade teatral da Xunta levará esta adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega a Montevideo e Bos Aires, os días 1 e 2 de decembro. Nas funcións, que terán lugar o día 1 no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar de Montevideo ás 18,00 e 21,00 horas, e o día 2 no Teatro Astral de Bos Aires ás 20,00 horas, o equipo da montaxe estará acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director do CDG, Fran Núñez.

A iniciativa enmárcase na xira que está realizar o Centro Dramático Galego coa produción por 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal desde o 5 de novembro ata o 12 de decembro.

O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. Naquel momento, froito tamén da colaboración entre o CDG e a Secretaría Xeral da Emigración, ofreceuse unha función en liña deste espectáculo que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.

Homero no contexto da migración galega

O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

Xira en Galicia

Ademais de cruzar o Atlántico, O Charco de Ulises están de xira por 20 concellos de Galicia e Portugal desde o día 5 de novembro. Comezou en Tui e prolongarase ata o 12 de decembro en escenarios das catro provincias galegas e do norte do país luso. O día 19 estará en Vigo e o 20 en Pontevedra. Novembro pecharase con representacións en Cariño (día 24), Rianxo (día 25), Vilagarcía de Arousa (día 26) e A Coruña (día 27). Xa en decembro, hai sesións programadas en Lugo (día 9), Arteixo (día 10), Narón (día 11) e Vilalba (día 12).

R., 2021-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES