
Co obxecto de garantir que o festival poida celebrarse con todas as garantías de seguridade e nas mellores condicións para artistas e público, trabállase estreitamente coas compañías e artistas co obxecto de consensuar as datas máis axeitadas para esta sétima edición no vindeiro mes de maio.
A Cidade da Cultura agradece a colaboración e comprensión amosada por parte das e dos creadores participantes en Escenas do cambio 2021 e fai extensible este agradecemento ás institucións colaboradoras do certame: o Concello de Santiago, a Fundación Eugenio Granell, o INAEM, o Instituto Camões, o Institut français e o Institut Ramón Llul.
As datas concretas para celebración do festival, así como o día no que as entradas sairán a venda, comunicaranse tan pronto como a organización, as compañías e os artistas consensúen o calendario que se axeite as condicións óptimas para a celebración tanto desde o punto de vista sanitario como tendo en conta os compromisos xa establecidos para outras xiras e obras.
A Xunta de Galicia subliña o seu compromiso cun festival que cumpre a súa sétima edición e que, neste ano, estrea dirección da man de Lola Correa, un certame que se ten consolidado como unha cita de referencia para a creación contemporánea no mundo das artes escénicas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.