
Por terceiro curso académico consecutivo, o campus de Ourense participa nesta iniciativa xunto ao Cineclube Padre Feijoo. Tras desenvolverse a programación do primeiro cuadrimestre de xeito presencial, a idea de pór en marcha a modalidade virtual para este segundo cuadrimestre, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense, xurdiu como alternativa ante o feito de que o Cineclube Padre Feijoo, onde se celebraban ata o de agora as proxeccións, suspendeu a súa actividade presencial ata marzo. Dado que a programación de Docs del mes continúa, decidimos ofrecer esta alternativa en liña ás persoas interesadas, sinala Filemón Rivas. Para participar, as persoas que o desexen, sexan ou non membros da comunidade universitaria, deberán enviar unha solicitude ao enderezo electrónico [email protected] e as 200 primeiras recibirán un enlace e un código necesarios para o visionado do documental na rede. O prazo para inscribirse para cada documental abrirase tras a proxección do anterior, estando actualmente aberto o prazo para solicitar ver o filme correspondente a xaneiro. O espectador ou espectadora terá unha marxe de arredor de 15 días para ver o documental elixido.
As tres primeiras citas de 2021
A historia de Ada, unha muller que con 19 anos foi violada tres veces na mesma semana por un home que coñecía constitúe o punto de partida de Lo que no te mata..., un documental que buscar contribuír á visualización, como sinalan desde a produtora, dun fenómeno social moi amplo e aínda silenciado, as violacións en contornas de confianza. Dirixido por Alexe Poukine, o filme acumula seis premios e a súa selección en máis dunha trintena de festivais desde a súa estrea en 2019.
En febreiro proxectarase un documental titulado Advocate e dirixido pola estadounidense Rachel Leah Jones e o francés Philippe Bellaiche. Céntrase na traxectoria de Lea Tsemel, unha avogada israelí especializada na defensa de prisioneiros políticos palestinos, segundo salientan desde a produtora. O filme, que formou parte da shortlist dos Oscar, estréase en febreiro en España no marco de Docs del Mes e afonda na figura de Tsemel a través da súa preparación das defensas de dous casos, o dun neno de 13 anos acusado de participar no acoitelamento dun mozo israelí e o dunha moza acusada dun intento frustrado de atentado suicida.
Xa en mazo, a programación continuará con The Letter, unha película dirixida por Maika Lekov e Christopher King, que narra a historia de Karisa, un mozo keniano que retorna a súa aldea natal cando sabe do perigo que atravesa a súa avoa tras ser acusada de bruxería, un problema que sofren neste país centos de anciáns.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.