Noticias

Presentada en Lugo a 50ª edición do Belén de Begonte

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.

Na presentación participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o tenente de alcalde de Begonte, Luís Luaña; e Xulio Xiz, en representación da entidade organizadora, o Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán.

O encargado de ler o pregón o 4 de decembro na igrexa parroquial de Begonte (18.00 horas) será o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. A continuación actuará o Orfeón Lucense e a Banda Sons e Soños, da asociación Músico Crisanto.

Exposicións e certames culturais completan a programación de actos. Así, convócase o certame galego de arte José Domínguez Guizán, así como o concurso de poesía sobre o Nadal; o certame xornalístico Begonte e o Nadal e o de debuxo infantil, ao que poden concorrer a través dos seus colexios os nenos e nenas de ata 15 anos -en dúas categorías, unha ata 10 anos e outra de 11 a 15-. Hoxe foi presentada unha publicación que recolle os traballos de xornalismo e poesía premiados na pasada edición.

Paralelamente, segue en marcha a mostra 50 Anos do Belén de Begonte, proxectada polo colectivo Egeria e o centro cultural José Domínguez Guizán con apoio do Goberno galego e do Concello de Begonte. Parte do contido percorre de xeito itinerante máis de 30 concellos do Camiño de Santiago; mentres que varios paneis permanecen expostos na Delegación Territorial do Goberno autonómico na ronda da Muralla, a biblioteca pública da Xunta en Lugo, a catedral de Mondoñedo e a casa da cultura de Begonte. Tamén nas instalacións da SA Xacobeo e no pazo de San Roque, en Santiago de Compostela.

R., 2021-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES