Noticias

A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia e impulsará un programa para pór en valor legados e coleccións artísticas

A Cidade da Cultura contará co primeiro centro de artes dixitais de Galicia, e un dos espazos pioneiros e líderes en España neste novo eido da creación. Este foi un dos principais avances do II Plan Estratéxico do Gaiás para o período 2021-2027 que o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá na Comisión 4º do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia para dar a coñecer esta nova folla de ruta. O futuro centro de artes dixitais situarase nos aparcadoiros subterráneos do antigo Teatro da Música, hoxe Fontán. Non suporá, polo tanto, a construción dun edificio novo, senón a adecuación e o equipamento de sotos xa existentes e en desuso despois da paralización das obras do Teatro da Música.

'A combinación de creación e tecnoloxías dixitais figura como unha das grandes apostas da Cidade da Cultura nos próximos anos, tanto desde o punto de vista de apoiar aos creadores para experimentar con estas novas linguaxes como da programación de contidos que acheguen á cidadanía experiencias artísticas anovadoras', asegurou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Con esta meta, Anxo M. Lorenzo destacou a urxencia de que o sector cultural aproveite as oportunidades que se están a abrir coa irrupción destes novos modos de expresión que chegan da man de tecnoloxías como as experiencias inmersivas, a realidade aumentada, os NFT’s, etc.

O plan estratéxico, que formula 70 accións e prevé mobilizar preto de 30 millóns para impulsar o sector cultural, dá resposta á necesidade de pór en valor a través de proxectos expositivos temporais e de accións divulgativas de coleccións e legados artísticos esenciais na configuración da cultura e da identidade de Galicia.

“Anunciamos a posta en marcha do Proxecto Ollándonos, unha ambiciosa liña de traballo para afondar no coñecemento do nosos propios legados, pero tamén como vía para proxectar o noso talento fóra de Galicia”, engadiu Anxo M. Lorenzo.

Descentralizar o Gaiás

Unha das principais transformacións que incorpora a nova estratexia para a Cidade da Cultura é a descentralización da acción do Gaiás. O secretario xeral avanzou que isto suporá un cambio radical no xeito de traballar xa que esta institución operará distribuíndo e espallando a súa actividade por toda a Comunidade e por centros de fóra de Galicia, superando os límites dos seus espazos.

“Afondaremos nunha liña de traballo que xa se iniciou coa itinerancia de exposicións. Este ano puideron verse mostras producidas ou co-producidas pola Cidade da Cultura en Ourense, na Coruña, Vigo, Pontevedra ou Madrid, onde agora mesmo se exhibe unha proposta en torno ao Camiño de Santiago en colaboración coa Biblioteca Nacional. Este xeito de traballar estenderase a outros eidos artísticos, como as artes escénicas”, explicou.

Factoría para crear contidos

A Cidade da Cultura dá un paso adiante no apoio á creación consolidándose como unha das principais factorías de contidos culturais de Galicia, como espazo onde acudir a crear e non só a gozar da exhibición de propostas. O Gaiás como “casa dos creadores”, o que implicará, como anunciou Anxo M. Lorenzo, a adecuación de espazos existentes para transformalos en instalacións onde desenvolver proxectos artísticos.

A internacionalización sitúase como outro dos eixos centrais e faino a partir dunha dobre vía de traballo. Por unha banda, a Cidade da Cultura actuará como plataforma para proxectar ao exterior o mellor das expresións artísticas galegas e, ao mesmo tempo, o Gaiás converterase na porta de entrada de proxectos internacionais relevantes.

Coa Cidade da Cultura, Galicia contará cunha institución cos equipos e a capacidade técnica necesaria para emprender proxectos conxuntos cos grandes centros culturais internacionais, seguindo a liña do que aconteceu este ano coa exhibición de fondos do Museo Británico en Faraón. Rei de Exipto. Neste senso, o secretario xeral de Cultura adiantou que, en breve, darase a coñecer a chegada a Galicia de novos proxectos con obras de prestixiosas coleccións europeas.

Formación cultural especializada

Á descentralización da acción, ao apoio á creación e á internacionalización, a Xunta suma a formación como un dos desafíos aos que dará resposta a Cidade da Cultura, converténdose no principal axente para modernizar as industrias culturais e creativas a través de programas de cualificación en tecnoloxía dixital, mentorización para proxectos novos ou promoción de empredemento.

Estas serán as principais liñas de traballo sobre as que se desenvolverá a estratexia para expandir a actividade da Cidade da Cultura. En cifras, concrétase na aspiración de chegar ao 2027 cun incremento dun 43% no número de asistentes ás actividades do Gaiás, chegando aos 240.000 participantes presenciais e aos 72.000 online. Estas cifras enmárcanse no obxectivo xeral de que o número de visitas ao Gaiás medre nun 40%, superando as 1.400.000 ao ano.

Conexión co Camiño de Santiago

O Plan recolle accións dirixidas a estreitar a conexión do Gaiás co Camiño de Santiago e co Xacobeo, enriquecendo a experiencia da peregrinación e da visita a Compostela e ampliando a oferta de recursos turísticos da capital galega. Neste senso, Anxo M. Lorenzo lembrou tamén que o Fontán contará entre as súas institucións residentes cun centro especializado en estudos sobre o Camiño. Ao mesmo tempo, desenvolverá contidos para a programación do Xacobeo e ofrecerá os seus espazos para grandes eventos do Ano Santo. O secretario xeral lembrou que esta relación do Gaiás co Camiño ten unha base mesmo xeográfica xa que a Vía da Prata transcorre paralela ao perímetro sur do monte Gaiás.

Este plan, aprobado polo padroado da Fundación Cidade da Cultura e validado polo Consello da Xunta, será presentado ao sector cultural nun acto que se celebrará nos próximos días. O plan é o resultado dun proceso aberto, transparente e avalado por expertos. Na súa elaboración contouse coa opinión de especialistas galegos, nacionais e internacionais e incorporouse a opinión da cidadanía a través de enquisas online.

R., 2021-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (20250704-ue.jpeg) EuroPCom, a Conferencia Europea de Comunicación Pública, é a maior reunión anual de expertos en comunicación pública de Europa organizada polo Comité Europeo das Rexións en colaboración coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo, o Consello, o Banco Europeo de Investimentos, o Comité Económico e Social Europeo e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. O evento ofrece unha plataforma para explorar as últimas tendencias, iniciativas e ideas no ámbito da comunicación pública. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou nesta Conferencia organizada polo Comité Europeo das Rexións, e celebrada baixo o lema 'Máis alá das palabras. Unha historia de confianza'.
Foto de la tercera plana (rapa-bestas-sabucedo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo por considerar acreditado o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, ao tratarse dunha das festas máis antigas de Galicia que conta, como mínimo, con tres séculos de historia. Este recoñecemento supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Esta distinción, que se suma á de Festa de Interese Turístico Internacional acadada en 2007, chega tras o visto e prace a este decreto por parte do Consello da Xunta este pasado luns, 30 de xullo, e logo de completarse o expediente administrativo, no que constan os dous informes preceptivos dos órganos consultivos favorables.

Notas

Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES