Notas de prensa

A programación cultural da USC en Lugo sortea a pandemia con preto de 6.000 espectadores en 2020

A programación de actividades culturais deseñadas pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo sortearon os efectos de pandemia cun estado de saúde óptimo, segundo denotan as estatísticas de público computadas ao longo do exercicio 2020, período no que preto de 6.000 persoas participaron nos distintos cursos, seminarios, ciclos de concertos e demais accións organizadas ou promovidas pola institución académica.

As fases de confinamento e as diversas limitacións de aforo establecidas pola normativa sociosanitaria a fin de evitar unha maior propagación do virus e limitar o número de contaxios, condicionaron á baixa a afluencia de público e o propio desenvolvemento dun programa que, en máis dunha ocasión, viuse obrigado a adaptarse á modalidade en liña para evitar a cancelación ou suspensión de eventos xa consolidados na axenda cultural da capital luguesa.

O auditorio da Casa do Saber e a súa solaina, un espazo ata o de agora pouso aproveitado para usos culturais, convertéronse durante os pasados meses de verán e outono en dous enclaves pouco menos que exclusivos da vida cultural da capital amurallada. Unha cidade que, ano tras ano, atopa no Lugo Cultural, unha pasarela imprescindible para que os artistas e creadores locais gocen de oportunidades para presentar compartir os seus traballos co público. Así as cousas e a pesar das extraordinarias dificultades que houbo que sortear, a programación do Lugo Cultural congregou máis de 4.000 espectadores en 2020, segundo os datos facilitados pola Área de Cultura de Lugo, cuxos responsables tiraron de imaxinación e creatividade para evitar a cancelación de espectáculos.

A estas cifras de público, máis modestas que en edición anteriores, pero extraordinarias da a conxuntura derivada da pandemia provocada pola COVID-19, cómpre sumar tamén outros 2.000 espectadores que visualizaron as proxeccións fílmicas promovidas polo Club Cultural Valle-Inclán ou ben no marco da Sema de Cine de Autor de Lugo, ciclos nos que a USC mantén unha activa colaboración, do mesmo xeito que ocorre na Semana de Jazz ou no Proxecto Lorca.

Alén do vigoroso músculo cultural que a USC representa na capital luguesa, o patrimonio universitario e nomeadamente, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, constituíu tamén en 2020 un dos principais reclamos turísticos da cidade. De feito, logo de meses de peche, as instalacións do museo universitario lugués recibiron ao longo da segunda metade do pasado ano máis de 6.000 visitantes, dos que arredor do 75% procedían de fóra de Galicia. Ao capítulo de visitas reais cómpre sumar tamén as virtuais, un recurso en liña polo que se decantaron máis de 30.000 persoas para descubrir algúns dos segredos agochados na Domus do Mitreo sobre a fonda pegada deixada polos romanos en Lucus Augusti.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES