//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o martes 25 un ciclo de cine sobre a figura de Picasso no 50 aniversario da súa morte. Picasso a través do cine arrancará como parte das actividades arredor da mostra 'Picasso branco no recordo azul'. O primeiro visionado será no auditorio do museo ás 19,00 horas cos filmes Guernica de Robert Hessens, que trata de maneira fragmenta e convulsa a célebre obra do artista, con imaxes de arquivo sobre o bombardeo nazi da poboación vasca que dá nome a obra pictórica e cinematográfica. Tamén se proxectará Picasso de Luciano Emmer, no que se afondará na evolución da pintura de Picasso ata a súa fase rosa.
A corrente do Novo Cinema Galego será obxecto do seu primeiro foco en Italia no marco da programación do 36º Bolzano Film Festival Bozen, que conta coa colaboración da Xunta para lle conceder a Galicia o protagonismo da súa sección Focus Europa. Así, o coñecido certame desta cidade do norte de Italia ofrecerá do 19 ao 23 de abril unha programación especial de seis longametraxes que exemplifican a vertente máis independente e vangardista do audiovisual galego, ademais dunha mesa redonda que afondará nas súas características e elementos diferenciais.
Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Xunta participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco. Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.
O Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas celebra entre o 13 de abril e o 6 de maio a súa sexta edición, cuxa primeira cita será este xoves 13 de abril no restaurante Árbore da Veira. A outra cita desta primeira semana de programación será este sábado, 15 de abril, na sala de exposicións Palexco. Os grandes atractivos deste concerto serán, entre outros, a presenza do director Nacho de Paz e a estrea da obra Libro delle Immagini V, do coruñés, Hugo Gómez-Chao, quen actualmente é compositor residente na Real Academia de España en Roma.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal. Nesta escolma teñen presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, Manolo Paz, Ángela de la Cruz e Christian García Bello.
A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson e referentes da creación contemporánea máis actual. A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
Artistas nacionais e internacionais actuarán en Lugo os días 11, 12 e 13 de maio no marco do sétimo festival Fa Ce La Fest. Os concertos serán na sala Clavicémbalo e na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire -aínda queda algunha outra ubicación por determinar. Destaca a presenza da bilbaína La Bien Querida e os cantantes estadounidenses Micah P. Hinson e Ron Gallo. No apartado nacional figuran tamén Depresión Sonora (Madrid) e El Último Vecino (Barcelona); xunto con propostas de música internacional tan variadas como as dos Neatbeats (Xapón); The Shadracks (Reino Unido); Na Noise (Nova Zelanda); e Fee Reega (alemana afincada en Asturias).
O Carballo Interplay arranca a súa décima edición, consolidado como a cita de referencia en contidos dixitais, tanto a nivel galego como estatal. O programa que desenvolverá ata o vindeiro día 1 fará fincapé neste décimo aniversario, combinando experiencias de creación dixital que comezaron a súa andaina hai unha década coas que están a iniciarse na actualidade. A mostra (S8) desenvolverá a súa 14ª edición do 26 de maio ao 4 de xuño en distintos escenarios da Coruña, como a Filmoteca de Galicia.
Asomarse ao mundo persoal de Ramón María del Valle-Inclán a través de boa parte do patrimonio artístico que albergaba no seu domicilio, situado no número 5 da madrileña rúa Francisco de Rojas, é o que persegue a mostra 'Valle-Inclán íntimo', que permanecerá aberta ao público no Colexio de Fonseca ata o 1 de abril e que se nutre da colección particular dos irmáns Valle-Inclán Alsina, Fernando, Miguel e Javier: Obra pictórica, escultórica, debuxos, caricaturas, retratos de sinaturas coñecidas.
O Festival RESIS, creado no 2018 polo compositor coruñés Hugo Gómez-Chao é un extraordinario evento artístico que se sustenta na integración de propostas musicais de vangarda co patrimonio e os espazos naturais da Coruña, achegando a música contemporánea á cidadanía. A cita musical, considerada como un dos mellores eventos de música contemporánea de España, mantén o alto nivel dos programas anteriores.
É unha das meirandes voces da Poesía hispánica contemporánea e practicamente un clásico en vida despois de que gabasen a súa obra autores como J.R. Jiménez, Cortázar ou José Bergamín, ademais de contar no seu extenso palmarés co Premio Reina Sofía e o mais o Premio Cervantes. Nunca antes pisara terras galegas; pero agora, o mesmo ano en que fará 99 anos, Ida Vitale (Montevideo, 1923) chegará a Galicia da man de POETAS DI(N)VERSOS.
A cultura atlántica, esencialmente marítima e mariñeira, é fornecedora dun patrimonio inmaterial moi importante. Recuperalo, protexelo e dinamizalo é o principal obxectivo do proxecto Atlantic CultureScape, unha iniciativa na que están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte.
Como 'unha reflexión sobre cinco asentamentos humanos en diferentes épocas da historia da cultura' presenta o artista Juan Fernando de Laglesia a exposición que inaugura no Espazo Nemonon. 'Postbabel. Cidades Lámparas Animales' é o título dunha mostra na que reúne as súas interpretacións de cinco urbes: desde o deseño dunha cidade ideal de Leonardo da Vinci á proposta dunha 'cibercidade' do arquitecto ruso Igor Orlov.
A plataforma de entretemento Netflix dá un paso máis para impulsar a presenza da lingua galega no seu servizo mediante o subtitulado dunha selección de series e películas internacionais e a dobraxe de varios títulos infantís e familiares. Os subscritores que Netflix mantén en ata 190 países de todo o mundo poderán gozar dun conxunto de series e películas en lingua galega, entre as que destacan títulos como Emily en París e próximas estreas como The Mother, Garra ou Sandman.
Entre 2007 e 2020 Xosé Luis Méndez Ferrín publicou cada sábado un artigo na sección No Fondo dos Espellos de Faro de Vigo. Esta produción literaria esparexida no tempo reúnese nunha colección editada pola Universidade de Vigo. Tras un primeiro volume que compilaba os textos do período 2015-2020, sae un novo libro cos publicados dende 2007 a 2010.
Chegou a Vigo a exposición Vieiros na memoria de Manuel Moldes, unha homenaxe a un artista comprometido coa súa terra e referente da cultura galega, pero tamén un profesor que deixou unha fonda pegada na Facultade de Belas Artes da UVigo. Ampliada e acomodada ao espazo da Casa Galega da Cultura, poderá visitarse na cidade olívica ata o 24 de abril.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade premiou a trece escolares de Lugo que resultaron gañadores do certame de Poesía de Nadal que convoca a Biblioteca Pública Provincial en colaboración con outras bibliotecas públicas da provincia. Na fase final participan os traballos que resultaron vencedores nos distintos certames municipais.
O estudo da percepción que os residentes dos concellos galegos teñen do Camiño de Santiago, así como a análise da eficiencia dos Centros Especiais de Emprego en Galicia conforman as dúas investigacións galardoadas no VIII Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade que outorgan o IDEGA da USC e o Consello Económico e Social de Galicia.
Alternativa aos festexos do Entroido, o ciclo de poesía do Concello da Coruña celebrará este vindeiro luns 28 a súa sesión mensual correspondente a febreiro. POETAS DI(N)VERSOS, que reúne un luns ao mes o mellor da poesía galega e do resto do mundo, volverá ao Auditorio do Ágora coma sempre en horario das 20h do serán, con entrada aberta e gratuíta para todo o público interesado.
'Este libro sobre A Bela Otero, é froito de moitos anos de traballo e procura incesante de documentación sobre unha muller galega que, como moitas, rebeláronse contra o seu destino e amosaron ser quen nun mundo onde o feito de ser home anulaba por completo a muller. Ela, por si mesma conseguiu chegar a ser unha das mulleres máis importantes do mundo na Belle Époque'.