Notas de prensa

O impacto do Camiño de Santiago e a eficiencia dos Centros Especiais de Emprego, investigacións premiadas co Valentín Paz Andrade

O estudo da percepción que os residentes dos concellos galegos teñen do Camiño de Santiago, así como a análise da eficiencia dos Centros Especiais de Emprego en Galicia conforman as dúas investigacións galardoadas no VIII Premio de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade que outorgan o IDEGA da USC e o Consello Económico e Social de Galicia.

O acto de entrega que tivo lugar este mércores 2 no Colexio San Xerome estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa presenza da directora do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), María Dolores Riveiro García; e do presidente do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Agustín Hernández Fernández.

As investigacións premiadas “son dous exemplos de relevancia social”, afirmou o reitor. Nesta mesma liña, pronunciouse a directora do IDEGA, quen salientou os “grandes activos” dos que a USC dispón no eido das Ciencias Sociais. Pola súa parte, Agustín Hernández subliñou que os premios Valentín Paz Andrade constitúen “un exemplo de colaboración” entre institucións, alén de destacar “o nivel dos traballos presentados”.

Impacto do Camiño de Santiago

A modalidade 1 deste galardón premia os traballos de investigación que mellor contribúan ao coñecemento da realidade económica e social da comunidade e ao establecemento de políticas que melloren o benestar dos seus cidadáns. Na edición deste ano, premiouse o traballo ‘El impacto del Camino de Santiago a escala local: la percepción de los residentes de dos municipios gallegos’, do que son autores Melchor Fernández Fernández, Diana Fernández Méndez e Dolores Riveiro García.

Publicado na revista Cuadernos de Turismo, este traballo estuda a percepción dos residentes de dous municipios rurais, Pedrafita do Cebreiro e Melide, sobre os impactos económicos, sociais, culturais e ambientais do Camiño de Santiago, a partir da información cuantitativa obtida nunha enquisa de satisfacción. Os resultados revelan unha percepción global positiva e descartan problemas de percepción de saturación vinculados ao crecente número de peregrinos que percorren as súas localidades. Ademais, segundo o estudo, a valoración global non depende da proximidade da residencia ao Camiño, “pero é máis positiva para os individuos con ingresos vinculados a actividades turísticas e para os que teñen un contacto máis frecuente cos peregrinos”, explican os autores na publicación. Este tipo de investigacións “son necesarias para tomar mellores decisións na recuperación do Camiño de Santiago logo da pandemia”, sinalou Diana Fernández ao recoller o galardón.

Deste traballo, o xurado destacou a relevancia e pertinencia da temática abordada, especialmente nun momento de controversia sobre a percepción dos diferentes impactos das actividades turísticas en xeral e, en particular, do Camiño de Santiago e a afluencia de peregrinos; considerando que “as conclusións do artigo, que son alcanzadas tras unha análise rigorosa, contribúen a un maior coñecemento para a toma de decisións sobre un recurso de tanta importancia para Galicia”.

Eficiencia dos Centros Especiais de Emprego en Galicia

Na modalidade 2, centrada en teses de doutoramento, premiouse o estudo de Juan Torrelles Manent, titulado ‘Análisis de la eficiencia de los centros especiales de empleo en Galicia: visión económico-financiera y social’. A tese, defendida na USC, foi realizada no Programa de Doutoramento en Economía e Empresa e dirixida polos profesores da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC José Manuel Maside Sanfiz e Maria Celia López Penabad.

Os Centros Especiais de Emprego (CEE) constitúen un medio de integración ao réxime de traballo normal para persoas con discapacidade. “O obxectivo da nosa investigación é, en primeiro lugar, analizar a evolución da súa situación económico-financeira durante o período 2010-2015, atendendo á súa diferenciación entre centros con e sen ánimo de lucro. En segundo lugar e dado que nos CEE coexisten obxectivos económicos e sociais, completamos a análise anterior, incorporando o valor social xerado”, sinala Torrelles Manent.

O estudo conclúe que os CEE fináncianse principalmente con fondos propios, con maior intensidade nos centros sen ánimo de lucro. “Durante os últimos anos, os CEE viron incrementada de forma importante a súa autonomía respecto das subvencións e mantiveron os seus cadros de persoal estables a pesar da importante diminución destas”, engade o investigador. As súas rendibilidades son moderadas, sobre todo nos centros sen ánimo de lucro, que destinan unha maior cantidade dos seus recursos aos seus traballadores, dándolle prioridade, en maior medida, aos aspectos sociais sobre os económicos. Con esta investigación, Torrelles Manent pretende “darlle publicidade e notoriedade” aos CEE.

A modalidade 1 do certame está dotada de 2.000 euros, mentres que a tese premiada na segunda das modalidades recibirá 1.000 euros.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES