Notas de prensa

O proxecto Atlantic CultureScape recupera e pon en valor o patrimonio inmaterial da Guarda vencellado ao mar

A cultura atlántica, esencialmente marítima e mariñeira, é fornecedora dun patrimonio inmaterial moi importante. Recuperalo, protexelo e dinamizalo é o principal obxectivo do proxecto Atlantic CultureScape, unha iniciativa na que están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía e Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda do Norte.

A participación galega está coordinada pola Universidade de Vigo e céntrase concretamente no patrimonio intanxible da vila da Guarda e no concepto de "atlanticismo”.

O proxecto botou a andar hai ano e medio cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e, froito do traballo dos investigadores da UVigo, coordinados pola profesora Pilar Muñoz, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, e da colaboración con entidades locais, nacen dous documentais que esta semana se van presentar na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que se celebra en Santiago de Compostela.

Dirixidos por Xisela Franco, estas dúas pezas visibilizan o patrimonio inmaterial da vila, onde a súa xente, o mar e a cultura mariñeira son os elementos vertebradores. Aproxímanse ao mundo do mar desde a etnografía experimental, achegando unha visión entre o documental e a poesía que permite coñecer o mundo mariñeiro da Guarda e a súa xente. Para estes dous traballos sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira, a autora contou coa colaboración das Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. Estas propostas audiovisuais permiten poñer o foco nas comunidades locais, como portadoras e transmisoras de saberes e faceres tradicionais, dando a coñecer non só a paisaxe da vila mariñeira, senón que tamén a súa historia e o seu patrimonio material e inmaterial. Ambas creacións estrearanse este mércores 23 de marzo ás 18.30h no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dentro das actividades paralelas que ofrece a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE). Á xornada asistirá tanto a propia Xisela Franco como as persoas protagonistas des documentais, as redeiras de Atalia e os membros de O Piueiro. A asistencia á proxección é libre e de balde.

As curtas, un reflexo en imaxes da cultura mariñeira da Guarda

Estas curtas, como explica o equipo do proxecto, “supoñen un reflexo en imaxes da cultura mariñeira da Guarda, nas que as veciñas e veciños da vila pasan a ser cocreadoras e cocreadores da obra”. Así, a autora, Xisela Franco, e as persoas protagonistas, “lévannos a coñecer —e mesmo a imaxinar— as formas de facer e as pautas socioculturais que, dun xeito ou doutro, sobreviviron até os nosos días”.

A peza Redeiras Atalaia céntrase no rol da muller e a súa relación co mar ao longo do tempo, así como a súa loita por preservar e valorar un oficio artesanal de tradición secular. Con O Piueiro, o obxectivo é ir “ao medio do mar para observar A Guarda doutra hora; unha imaxe do pasado que nunca vimos, pero que si imaxinamos. Como contraste, tamén observamos a actualidade e esforzo das persoas por manter aqueles sistemas identitarios que fan parte das e dos habitantes da Guarda”.

Roteiros de experiencias

Neste ano e medio de vida do proxecto, destacan os seus impulsores, “foise tecendo un proceso creativo e colectivo que ten como fío condutor o mar, dando como resultado diferentes accións e actividades participativas que poñen en valor, visibilizan e difunden o patrimonio inmaterial local”. Así, ademais dos dous documentais tamén se deseñaron roteiros nos que se recolle todo ese patrimonio construído e sostido polas persoas que habitaron e que habitan A Guarda. Como explica a investigadora principal do proxecto, Pilar Muñoz, dúas destas “rutas de experiencias” xa están rematadas e pendentes de presentar. Son o resultado das investigacións patrimoniais levadas a cabo de forma participativa e conxugan tradición, paisaxe, gastronomía, cultura e patrimonio. Ambas xogan “coa situación xeográfica da vila mariñeira”, de modo que o río Miño, o monte Santa Trega e o océano Atlántico “preséntanse como paisaxes que custodian o territorio da Guarda”. Así, un dos roteiros centrarase na vertente atlántica da vila, descubrindo a historia das cetarias, da arghacería ou do peixe e couro, mentres que o outro percorrerá a beira fluvial, coas carpintarías de ribeira ou a pesca da lamprea.

Cara unha ruta atlántica europea

Para sacar adiante todas estas iniciativas, Pilar Muñoz destaca a importante colaboración dos colectivos e as entidades de A Guarda. “Temos que dar as grazas ao concello de A Guarda, o cal, a través tanto da Alcaldía, como da Concellería de Turismo, ofreceunos toda clase de axuda. E non nos podemos esquecer de todas esas asociacións que xa estaban levando a cabo un profundo e construtivo labor de conservación e posta en valor deste patrimonio, ligado fundamentalmente a la cultura mariñeira, entre elas, a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais O Piueiro”.

O proxecto rematará no mes de setembro e o reto que os investigadores teñen agora por diante é darlle continuidade. “Non podemos esquecer”, recalca Muñoz, “que estamos a falar dun proxecto europeo financiado con cargo aos fondos Interreg da Unión Europea”, no que están implicadas 36 rexións atlánticas de cinco estados europeos “coa finalidade de desenvolver experiencias turísticas baseadas no patrimonio cultural da área atlántica”. Polo tanto, as rutas de experiencias deseñadas “formarán parte dunha ruta europea, xunto con aquelas outras do resto de socios europeos do proxecto”.

Universidade de Vigo, 2022-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES