
Esta antoloxía recupera e reúne os artigos que conforman a primeira parte dunha obra xornalística e ensaística primordial que tivo o seu espazo semanal no Faro de Vigo, como explica no limiar do libro Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e profesor do Departamento de Tradución e Lingüística. En total, este novo volume inclúe 184 artigos do escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo: 43 publicados en 2007, 48 en 2008, outros 48 en 2009 e 45 en 2010.
Un fascinante percorrido sobre unha diversidade temática
Esta compilación recolle os primeiros anos da sección No Fondo dos Espellos polo que constitúe, como destaca Fernando Ramallo, o punto de partida dun fascinante percorrido sobre unha diversidade temática que, desde estilos divulgativos, permite acceder á excelsa sabedoría do seu autor. Toda a cultura galega, desde os inicios históricos ata a actualidade ten espazo no volume, mais tamén atoparemos unha reflexión sobre aconteceres internacionais que axudan a comprender mellor o mundo no que habitamos.
O responsable da Área de Normalización Lingüística da UVigo apunta que as e os lectores atoparán unha orixinal e valiosa achega a múltiples temáticas, co rigor e a capacidade divulgativa que caracteriza todo o traballo ensaístico do autor. As temáticas, ás veces, se presentan en continuidade ao longo de varios textos que foron aparecendo en semanas seguidas; outras veces, esas temáticas recupéranse meses ou anos despois. Con todo, Ramallo recalca que existen diversos nexos que permiten entender este traballo de Méndez Ferrín, pero dende o seu punto de vista, o elo que une esta inxente obra é ideolóxico: a posición emancipadora, dialéctica, crítica e científica sobre todo aquilo ao redor do que escribe.
Proceso de elaboración
A conversión dos textos desde a hemeroteca do xornal a este formato agora impreso, detalla o director da ANL, supuxo un intenso traballo de revisión formal, un labor que realizaron o propio Méndez Ferrín e Marta Abalo Sánchez, egresada da Facultade de Filoloxía e Tradución e responsable, ademais, do índice onomástico que completa, un anexo que serve de axuda para localizar, con certa facilidade, os nomes que neste segundo volume figuran. Segundo Ramallo, este índice facilitará a lectura selectiva que cal queira persoa desexe facer dun libro con centos de nomes significativos da cultura galega e universal. Nun segundo anexo recóllense, grazas á colaboración de Xosé Manuel Salgado, catro artigos que, por descoido, quedaran fóra do primeiro volume, o correspondente aos textos publicados entre 2015 e 2020.
Ramallo traslada o agradecemento da Área de Normalización Lingüística a Melissa Gómez Morales, polo traballo de compilación e primeira revisión formal dos textos e a Faro de Vigo o seu apoio a esta iniciativa, así como ao Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo a súa colaboración nesta edición e na súa distribución.
O terceiro volume, en proceso de maquetación
Fernando Ramallo tamén destaca a a entusiasta acollida do primeiro volume desta triloxía, o que supón un estímulo adicional para continuar coa edición de todos os textos que o escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo publicou nesta sección do Faro de Vigo. O libro que pechará colección e dará acubillo aos artigos publicados entre 2011 e 2014 está xa en proceso de maquetación e publicarase, previsiblemente, no vindeiro mes de maio.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.