Notas de prensa

Poetas Di(n)versos trae por primeira vez a Galicia á Premio Cervantes Ida Vitale a carón de Manuel Rivas

É unha das meirandes voces da Poesía hispánica contemporánea e practicamente un clásico en vida despois de que gabasen a súa obra autores como J.R. Jiménez, Cortázar ou José Bergamín, ademais de contar no seu extenso palmarés co Premio Reina Sofía e o mais o Premio Cervantes. Nunca antes pisara terras galegas; pero agora, o mesmo ano en que fará 99 anos, Ida Vitale (Montevideo, 1923) chegará a Galicia da man de POETAS DI(N)VERSOS.

Se esta programación poética leva desde 2009 reunindo no Centro Ágora, un luns de cada mes, unha das mellores voces da poesía mundial a carón doutra en lingua galega, a cita deste vindeiro 28 de marzo será de altura. Premios Pulitzer de poesía, candidatos ao Nobel, premios Cervantes e un senfín de Nacionais de poesía dos cinco continentes teñen pasado xa polas táboas do escenario do centro situado na Agra do Orzán, con entrada sempre aberta e gratuíta. Nesta ocasión, e no recital correspondente ao mes de marzo, as que se reúnan serán, pois, dúas das plumas máis importantes das literaturas escritas en español e galego: a uruguaia Ida Vitale e o coruñés Manuel Rivas. Tamén novelista Premio Nacional de Narrativa 1996, con obras adaptadas ao cinema e unha das maiores proxeccións internacionais da historia da literatura galega, Rivas é tamén un poeta que se iniciara da man do Premio de Poesía O Facho nos primeiros anos 80, e o último dos seus dez poemarios publicados viu a luz o pasado ano: O que fica fóra (2021). Este histórico recital poético será ás 20h e unha libraría de proximidade achegará exemplares dos convidados para aquelas persoas interesadas en levar neles unha sinatura.

O seguinte recital poético producirase só unha semana máis tarde, pois o luns 4 de abril o escenario do Centro Ágora acollerá a lectura poética dun dos máis puxantes poetas mozos de Europa do leste, o letón Arvis Viguls (1987) –que se encontra este mes na Coruña na Residencia Literaria 1863 da rúa Rego de Auga con motivo da Bolsa Xacobeo para Tradutores/as de Literatura Galega– a carón de Lorena Souto (O Páramo, Lugo, 1983), un dos nomes propios da poesía galega moza.

Así se definirán os dous próximos recitais poéticos dos meses de marzo e abril, seducindo a propios e estraños coa forza da palabra poética en galego, castelán e letón. POETAS DI(N)VERSOS segue a ser o único ciclo estable que presenta poetas internacionais de maneira regular (neste caso unha vez por mes) en toda España. A lingua de comunicación de todo este programa de vocación global é o galego e en 2014 recibira o Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural.

Poetas Di(n)versos, 2022-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES