Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Rede Galega de Teatros e Auditorios pon en marcha hoxe a súa programación para o segundo semestre, durante o cal se celebrarán 201 actuacións escénicas e concertos nos 37 concellos adheridos a este circuíto de distribución de espectáculos que promove e coordina a Xunta. Deste xeito, superaranse no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022 ao abeiro desta rede cofinanciada coas entidades locais asociadas, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.
O Salón Teatro recibe esta fin de semana o espectáculo Tartufo, adaptación do texto clásico de Molìere co que o Centro Dramático Galego participa neste 2022 no regreso do Proxecto NÓS/NOUS. Esta iniciativa, de natureza internacional ao implicar institucións de Francia, Portugal e Galicia, é un espazo de creación escénica e de intercambio entre catro compañías públicas e outros tantos centros de ensino que ten como obxectivo promover tanto a profesionalización como a internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidadas do sector teatral.
O mércores, 6 de xullo, Paradela dará comezo ás celebracións do seu Bicentenario como Concello, que se prolongarán ata mediados do próximo mes de decembro. Esta conmemoración tivo que ser adiada pola epidemia do Covid, celebrándose agora, neste Xacobeo prolongado, tendo moi presente que Paradela é un fito no Camiño Francés a Compostela. Inaugurarase o Monumento aos Cabaleiros de Santiago, obra de Cándido Pazos, e abriranse ao público tres exposicións, das que dúas itinerarán desde setembro polo Camiño, desde Pedrafota a Compostela.
Nos próximos días comezará a difundirse o cartel anunciador da XLIV Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo. O cartel é unha extraordinaria colaboración de SIRO (Siro López Lorenzo), coa Semana cunha caricatura de María Casares, no seu centenario, coa lenda “María Casares vive desde hai cen anos. Viva María Casares!”.
Foi presentado o ciclo de concertos Xacobeo Interior, ciclo que terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os D’Abaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor. O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.
Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora). Están previstas un total de 94 funcións, en concreto nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, así como nos concellos de Outes, Teo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Mugardos, Boiro, Dodro, Paderne, Ribeira, Padrón e Zas na provincia da Coruña; Sanxenxo, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Pazos de Borbén e Lalín, na de Pontevedra, e Alfoz, Chantada e Mondoñedo, na de Lugo.
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. Baixo o lema 'Actuando nas marxes', a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo. Os espectáculos desenvolveranse na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e terraza do auditorio da Universidade, así como no Teatro Principal e no Salón Teatro. Os cursos USCénica comezarán o mesmo día 20, mentres que a primeira das actuacións, a cargo de Paraíso Teatro, desenvolverase na terraza do auditorio da Universidade, o martes 21. Baixo a dirección de Roberto Leal, a compañía interpretará 'Os diarios de Eva e Adán (boleros no paraíso)'.
Foi inaugurada no Gaiás, no Día Internacional dos Arquivos, a exposición 'Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida', unha das actividades principais coas que se celebra o centenario do nacemento dunha das poetas galegas máis destacadas do século XX. A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 17 de outubro, pretende difundir o legado deixado por Luz Pozo Garza, unha muller polifacética que foi a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel, membro da Real Academia Galega, promotora e directora de revistas literarias e profesora de Lingua e Literatura española no ensino secundario.
Baixo o título 'O museo como escenario', o CGAC acolle unha mostra experimental sobre as artes vivas, a performance e os fenómenos escénicos que poderá visitarse ata o día 2 de outubro. Este proxecto busca converter o museo nun espazo escénico onde os espectadores teñen a posibilidade de experimentar coa arte dun xeito diferente. O museo como escenario incide en como ao longo do século XX a performance entendida como actuación sen escenario ou outros fenómenos como a danza ou as artes visuais son capaces de transformar as salas dun museo.
| 45,3  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

Na súa novena edición, o festival Atlántica recalará por primeira vez no concello de Friol cun espectáculo de Ramiro Neira que se desenvolverá este mércores, 7 de xullo, a partir das 18 horas. A actividade é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Rede Museística Provincial de Lugo e a Deputación de Lugo. O espectáculo de Neira titúlase ‘Vouche contar’ e está concibido para público infantil e familiar.
'El viaje', unha curta realizada pola estudante de Belas Artes Claudia Pineda como traballo académico formará parte da programación dun dos principais escaparates cinematográficos do mundo, o Festival de Cannes. A súa peza foi un dos nove traballos realizados por estudantado de universidades e escolas de cinema seleccionados polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, presidiu a reunión do padroado da Fundación Cidade da Cultura, na que se avanzaron as liñas centrais do II Plan Estratéxico Gaiás 2021-2027, folla de ruta que marcará a dirección do Gaiás nun período que estará marcado pola expansión da súa actividade.
Reunido en Cambados o 22 de xuño, o xurado da XIXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución acordou por unanimidade premiar a tradución de Laureano Araujo da obra do escritor suízo Friedrich Glauser, "Schlumpf, Erwin: Homicidio". O xurado, estivo integrado nesta edición por Olga López López (Xunta de Galicia), Gabriel Álvarez (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), Constantino Cordal Rodríguez (Fundación Plácido Castro) e Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), que actuou en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.
Un ano máis, e van 26, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense volve a levantar o pano. Do 1 ao 15 de xullo diferentes escenarios da cidade das Burgas acollerán 24 representacións de compañías de cinco países e de diferentes puntos da xeografía estatal. Con prudencia pero dando pasos cara a “normalidade”, a cita márcase como obxectivo comezar a devolver a maxia do teatro ao público.
Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, pero non faltarán voces nacionais procedentes de Zamora, Salamanca, Cataluña e, por suposto, Galicia. Algúns dos nomes que configuran o cartel deste ano son Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno ou José Luis Gutiérrez "Guti".
Con dirección e dramaturxia da propia AveLina Pérez, interpretación compartida xunto a Daniel Casquero, composición musical de Ramón Raíndo, iluminación a cargo de Pedro Fresneda e montaxe de vídeo de Jesús Andrés Tejada, a nova proposta preséntase como un encontro arredor da vulnerabilidade 'en contraste con todo iso que nos queren facer crer que é vivir', segundo expresa a súa autora.
Tras a cancelación das edicións de 2020 e 2021 o Concello de Ortigueira, organizador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, enorgullécese de anunciar unha edición única para 2022, cuxa programación comezará a ser revelada nos próximos meses. O Festival adoita ter unha duración de catro días, sendo así un dos festivais gratuítos máis longos de todo o mundo, pero para 2022 programáronse oito días de actividades e concertos para convertelo nunha edición inesquecible.
Este programa enmarcado dentro das celebracións do Xacobeo 21-22 leva a poesía e o cinema a cinco vilas galegas emblemáticas do Camiño Portugués: Iria Flavia, Redondela, Pontecesures, Cesantes e Tui. Deste xeito, a arte tamén percorrerá durante cinco etapas o Camiño de Santiago, achegando a súa maxia a habitantes e peregrinos para que coñezan a poetas galegas, así coma filmes nos que o Camiño é o protagonista.
Co gallo do 30 aniversario da inauguración da Fundación Pública Galega e baixo a coordinación de Yolanda Castaño, a institución de Iria Flavia organiza o ciclo 'Mazurca para dous poetas', inspirado na empatía que Camilo José Cela sempre demostrou polos autores mozos/as, e nos seus propios iniciáticos (e poéticos) pasos nas letras. A proposta seleccionou tres novas pero, á vez, sólidas voces da poesía galega e española e convidounas a que identificasen os seus auténticos referentes na poesía mundial contemporánea.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES