
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa neste proxecto internacional, que conta co financiamento do programa europeo Erasmus+K2, a través da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e do Centro Dramático Galego. A sede da unidade teatral da Xunta será a terceira parada da xira de Tartufo, tras o seu paso polo Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional São João do Porto, e acollerá tres funcións da peza dirixida polo portugués Tónan Quito do xoves 7 ao sábado 9 de xullo, ás 20,30 h. O acceso será gratuíto, previa retirada de entradas no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes de cada función.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu esta mañá o equipo artístico do Tartufo no propio Salón Teatro, onde xa comezou a montaxe da escenografía para que se poidan desenvolver os últimos ensaios. Sutil, que estivo acompañado no encontro polo director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e polo xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Xavier Castiñeira, interesouse polos detalles da adaptación e conversou co elenco, conformado por Bernardo Santo Tirso, Carlos Correia, Carolina Parreira, Haïthouni Hamada, João Maria Fialho, Romane Buunk, Marcos Fernández e Yaiza Portela. Estes dous últimos intérpretes constitúen a representación galega da montaxe xunto a María Torres Piñeiro, corresponsable de escenografía, e Diego Chamizo Mora, asistente da dirección.
Terceira montaxe baixo NÓS/NOUS
Tartufo será o terceiro espectáculo coproducido pola Xunta de Galicia baixo o abeiro internacional do Proxecto NÓS/NOUS tras a peza Bilingüe, dirixida por Pedro Penim, e a obra O mundo persistente, escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tito Asorey.
Nesta ocasión, escolleuse o texto clásico de Molière, cuxa posta en escena ao longo da súa xira se desenvolve en tres linguas: francés, portugués e galego. A obra, nas funcións en Galicia, representarase co texto orixinal en francés e en verso rimado, con subtítulos da tradución ao galego e en prosa de Loli Ramos Duarte. Con esta fusión de idiomas, o espectáculo revisita a célebre historia de Orgón, pai dunha familia da alta sociedade, que se deixa influenciar por un estraño e falso devoto de nome Tartufo e os enfrontamentos que estoupan no seo do seu fogar acomodado por mor da manipulación, da cobiza e mais da hipocrisía.
A montaxe, tras o seu paso polo Salón Teatro, despedirá a súa xira no escenario de Les Célestins-Théâtre de Lyon, institución francesa que tamén participa na produción da peza xunto ao Centro Dramático Galego, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, o Teatro Nacional São João do Porto, a Escola Superior de Teatro e Cinema do Politécnico de Lisboa, a Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto e a École Nationale Supérieure des Arts et Techniques du Théâtre de Lyon.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.