Noticias

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata decembro 201 funcións e concertos nos escenarios de 37 concellos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios pon en marcha hoxe a súa programación para o segundo semestre, durante o cal se celebrarán 201 actuacións escénicas e concertos nos 37 concellos adheridos a este circuíto de distribución de espectáculos que promove e coordina a Xunta. Deste xeito, superaranse no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022 ao abeiro desta rede cofinanciada coas entidades locais asociadas, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.

Esta nova quenda de programación implicará a contratación de 90 colectivos creadores, dos cales 75 pertencen ao ámbito da escena e os 15 restantes, ao mundo da música. Varias compañías verán incorporados os seus espectáculos no cartel definitivo que a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá ata final de ano a raíz da súa participación na última edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado de forma conxunta pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a asociación Escena Galega. A este encontro profesional asistiron 56 responsables de festivais escénicos, de circuítos e de programacións culturais municipais, gran parte deles adheridos á Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O cartel semestral arrincará esta mesma noite en Foz da man da compañía Píscore, que ofrecerá ás 21,00 h. no patio do Colexio nº1 a súa obra escénico-musical para o público familiar Concerto Con Fusión. Será a primeira das 14 actuacións que programa ao longo deste segundo semestre a Sala Baía do municipio focense, que é o terceiro concello con maior número de actuacións previstas até decembro tras as 19 coas que conta o Auditorio Municipal de Vigo e as 18 que ofrecerá A Coruña nos seus escenarios do Fórum Metropolitano e do Teatro Rosalía Castro.

Máis de 100 espectáculos

De todas as formacións artísticas contratadas, a gran maioría ten a súa sede en Galicia e, por xéneros, o teatro para adultos rexistra a maior presenza no cartel ao figurar en máis da metade das actuacións. Dos 110 espectáculos que se inclúen na programación que arrinca hoxe, o que máis xirará polo circuíto de exhibición que coordina a Xunta será Morte accidental de un anarquista, obra de Talía Teatro que adapta o coñecido texto de Darío Fo. Poderase ver ata en 11 ocasións neste semestre. Pola súa banda, Galitoon ofrecerá oito actuacións coa súa peza Golulá, produción para o público familiar de técnica mixta que conxuga o teatro de actor coas marionetas de gran formato.

Continente María, coprodución de Ainé co Centro Dramático Galego que retrata a vida de María Casares no seu centenario, visitará sete escenarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Do mesmo número de representacións disporá Cigarreiras, montaxe na que Cándido Pazó adapta a novela de La Tribuna, de Pardo Bazán, e coa que Contraproducións se fixo este ano co premio María Casares ao mellor espectáculo.

Heredeiros da Crus, Xisco Feijoo, Pabo Sanmamed Trío ou A Banda do Verán será algúns dos grupos que ofrecerán concertos dentro deste circuíto de programación, mentres que as funcións de danza correrán a cargo de nomes como Marta Alonso Tejada, Funboa Escénica, Licenciada Sotelo ou Paula Quintas Cía. A Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén amosará neste segundo tramo de programación espectáculos de maxia da man de artistas como Cayetano Lledó e de novo circo con formacións como Artefeito ou Hípica Celta.

A programación da Rede Galegas de Teatros e Auditorios sumase así a outras que xa están en marcha este verán ou que proximamente iniciarán percorrido por Galicia promovidas pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, tales como Cultura no Camiño, Danza 3, FEST Galicia ou a Rede Galega de Música ao Vivo.

R., 2022-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES