//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A mediados do século XIX e durante o primeiro terzo do XX, os pais do Rexurdimento, os integrantes das Irmandades da Fala, os intelectuais da Xeración Nós e os exiliados republicanos galegos en América comezaron a construír e imaxinar un novo concepto de Galicia. Neste contexto, as Irmandades estableceron en 1919 que o Día de Galicia se celebraría, a partir do ano seguinte, cada 25 de xullo. A efeméride adquiriu oficialidade coa publicación do Decreto do 1 de xaneiro de 1979 da Xunta de Galicia polo que se declara Día Nacional de Galicia o día 25 de xullo de cada ano.
Tivo lugar a entrega do VIII Premio Literario Nortear para mozos da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal a Marta Pais de Oliveira. O certame, apoiado pola Xunta de Galicia e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, ten como obxectivo incentivar a produción literaria entre os novos escritores que viven na zona transfronteiriza. O galardón ten unha dotación de 3.000 e contempla a publicación da obra vencedora en galego e portugués, nesta edición cunha portada obra do ilustrador coruñés David Pintor. Nas anteriores edicións acadaron o premio Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar.
Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro. Este volume colectivo, coordinado por Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés. Os ensaios tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa RAG ou coa lírica de Cabanillas. Analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades.
'Inventio' é unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago como eixo vertebrador da identidade cultural galega. A proposta consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. Brindará tres funcións no Auditorio Mar de Vigo entre o 3 e o 4 de xaneiro.
Na cerimonia, que chega á súa sétima edición, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus galardóns por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe. O proxecto cultural Ponte... nas ondas! recibirá, pola súa banda, o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona polo seu quefacer a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.
O programa Radio na Biblio vén de incorporar 30 novos centros educativos, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa se eleva a 167. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán axudas para a realización de obradoiros de formación específica.
O Gaiás vén de dar a coñecer a programación para este ano do Nadal, cunha variada oferta pensada para gozar en familia. As actividades darán comezo o 16 de decembro co tradicional acendido da iluminación exterior e da Árbore de Nadal da Cidade da Cultura, e inclúen visitas especiais ao museo, obradoiros creativos, teatro e toda unha nova serie de experiencias de realidade virtual no Galiverso.
A Xunta deu a coñecer aos gañadores dos seus premios bienais de literatura dramática. O XXVI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais recaeu en Fernando Castro Paredes polo monólogo O traxe, mentres que Ana Carreira obtivo o XII Manuel María de literatura dramática infantil por Nin me amoles e o XVI Barriga Verde para textos de teatro para monicreques foi para Eva Mejuto por Os contos de Lobicán, na modalidade para rapaces, e José Luis Baños de Cos por Nas nubes, na de adultos.
A Filmoteca de Galicia inicia a súa programación de decembro, na que María Casares continuará sendo protagonista con tres filmes, a presentación dun libro e unha gravación en directo da produción teatral Macbeth, de 1959, na que a actriz galega lle dá vida a Lady Macbeth baixo a dirección artística de Claude Barma. A emisión deste espectáculo o vindeiro día 22 será a primeira cita dunha escolma na que está a traballar a cinemateca da Xunta co fin de ofrecer unha serie de material televisivo pouco coñecido sobre a gran intérprete.
Arredor de 400 músicos de oito formacións galegas daranse cita na fin de semana do 3 e 4 de decembro no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova con motivo do XV Certame Galego de Bandas, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. Así se anunciou na presentación en Ourense desta 15ª edición do evento, coa que se recupera a súa celebración despois de que en 2021 tivera que ser suspendido pola pandemia. O Auditorio Ilduara estréase como escenario deste certame, no que se darán cita oito agrupacións, incluída a Banda Xuvenil de Celanova.
Bernarda Espida é un personaxe ficticio, creado polo escultor Xavier Costa, que cobra vida para relatar, desde o seu nacemento e ata a súa norte, a cámara dos horrores que o último terzo do século XX e o principio do XXI foi para moitas mulleres en diversos puntos do mundo. 54 pezas esculpidas ao longo de cinco anos en pedra, madeira e ferro, e por outros tantos gravados, que son o relato pictórico da historia desta heroína galega
Cinema Rabudo nace en Santiago de Compostela co fin de xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e inconformista e incitar o debate e a reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade. Feminismos, ecoloxismo, dereitos humanos, multiculturalidade e migracións son algúns dos temas que se tratan nas oito pezas que se proxectarán entre o 22 e o 26 de novembro.
Tras un ano de parón provocado pola pandemia, neste 2021 a Semana de Cine Submarino si poderá celebrar o seu trinta aniversario. E farao coa proxección de seis documentais entre este mércores 17 e o venres 19 nos que terá especial relevancia a vida oceánica e os tesouros da península ibérica.
A idea do cinema como un xeito de expresarse e comunicarse, máis aló de narrativas ou formatos, centrou o coloquio que protagonizaron na Facultade de Belas Artes os artistas Ana Domínguez e Ángel Rueda, directores do Festival S8, a Mostra de Cinema Periférico da Coruña. A actividade serviu para anunciar a nova sección, Paraíso, que o festival estreará en 2022 e que estará dedicada as inquedanzas, experiencias e traballos das facultades de Belas Artes.
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolle xoves e venres a duodécima edición do congreso Small Cinemas, que leva por título Do celuloide ao streaming: conservación e circulación dos pequenos cinemas. Organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais e celebrada por primeira vez en Galicia, esta conferencia internacional reúne participantes de máis de 20 universidades e outras institucións.
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2021 respectivamente a Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular. As distincións entregaranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo.
Despois duns meses marcados pola pandemia, a música volve a formar parte da programación cultural do campus de Pontevedra, da man do ciclo de concertos impulsado pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon o colofón á semana da celebración dos seus 50 anos de historia cunha homenaxe a tres dos seus máis senlleiros investigadores: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Ao longo de catro xornadas interviñeron diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza e tres investigadores novos da institución.
Vén de botar a andar este pasado luns 18 a X edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que se celebra ao longo dunha semana de outubro na illa de San Simón. Fundado e coordinado pola tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño dende hai unha década, a iniciativa desenvolvera unha edición en liña o pasado ano e neste 2021 volve á presencialidade, xustamente dende a que fora illa de corentena en certos períodos da historia.
800 páxinas, máis de 32.000 entradas, 50.000 significados. Así é o Dicionario do Galego de Asturias, obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. A obra naceu da necesidade de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias.