Notas de prensa

Nace Cinema Rabudo, a primeira mostra galega de audiovisual inconformista

Cinema Rabudo nace en Santiago de Compostela co fin de xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e inconformista e incitar o debate e a reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade. Feminismos, ecoloxismo, dereitos humanos, multiculturalidade e migracións son algúns dos temas que se tratan nas oito pezas que se proxectarán entre o 22 e o 26 de novembro.

A mostra, organizada por Agareso –Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social– ademais da proxección dos filmes, tamén contará coa participación –presencial ou virtual– da maioría das autoras e autores das obras, con quen o público terá a oportunidade de charlar ao rematar as pezas.

O primeiro día da Mostra, luns 22 de novembro, O Cinema Rabudo iniciará a súa andaina coa proxección de catro curtametraxes. Unha delas El amargo sabor de las naranjas foi realizada por estudantes do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional de Agareso e A Asamblea de Cooperación pola Paz –ACPP-. A peza, gravada en Lepe, narra as duras condicións de vida dos temporeiros da froita. A esta curta acompañarana outras tres, gañadoras do último certame audiovisual EDITA: Las flores que arrancas, Je suis nue e O afeto e a rúa.

O martes 23 estrearase en Santiago o documental Garantía de Vida, que denuncia as consecuencias que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto na República Dominicana. Na peza, as vítimas ou as súas familias contan, a través da súa experiencia, o que supón vivir baixo o marco dunha lei que impide a interrupción do embarazo en tódolos supostos. Ademais, o documental segue de cerca a loita das mulleres dominicanas para a despenalización do aborto en tres causais.

A terceira xornada de proxeccións, mércores 24, é a quenda do documental Cholitas que amosa a vida de cinco mulleres indíxenas que coas súas vestimentas tradicionais lograron ascender os 6.962 metros do Aconcagua, a montaña máis alta de América. Despois da longametraxe, o público terá a oportunidade de falar co co-director, Jaime Murciego.

O xoves 25, o Cinema Rabudo adentrarase na realidade das persoas migrantes que cruzaron o Mediterráneo estes anos tratando de chegar a Europa a través do documental Cartas Mojadas. A peza conta, a través dunha voz misteriosa dende o fondo do mar, a epopea máis tráxica da nosa historia contemporánea.

Pechará a I Mostra Galega de Audiovisual Inconformista, a proxección, o venres 26, o documental #boza, un selfie en primeira persoa do plural sobre as migracións. Boza é a sonada palabra que moitas persoas migrantes berran ao chegaren a Europa pero, que significa realmente? Cando se cumpre de verdade o soño de boza? Chégase algún día? Alhassane, Aminata, Mamadou, Mariam e Yahya explican en primeira persoa e coas súas propias imaxes o seu periplo cara Europa.

PROGRAMA COMPLETO

Luns 22
Proxección das curtas gañadoras do último certame audiovisual EDITA
• Las Flores que arrancas
• Je suis nue
• O afeto e a rúa
E estrea de El amargo sabor de las Naranjas, curta documental sobre as duras condicións de vida das e dos temporeiros da froita realizada polo alumnado do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional. Coa presenza de Francisco Rodríguez e Coral Piñeiro.

Martes 23
Garantía de Vida, documental que denuncia as consecuencias que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto vixente na República Dominicana, co equipo das produtoras (Agareso e ACPP).

Mércores 24
Cholitas, documental que amosa o duro ascenso de cinco mulleres indíxenas ao Aconcagua, co director Jaime Murciego.

Xoves 25
Cartas Mojadas, documental que retrata a epopea máis tráxica da nosa historia contemporánea, coa directora Paula Palacios (online).

Venres 26
#Boza, un selfie en primeira persoa do plural sobre as migracións, coa directora Anna Surinyach.

Todas as proxeccións comezan ás 20h nos Multicines Compostela e a entrada é libre e gratuíta até completar aforo.


Cinema Rabudo, 2021-11-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES