Notas de prensa

A Semana de Cine Submarino cumpre 30 anos cunha edición centrada na vida oceánica e os tesouros da península ibérica

Tras un ano de parón provocado pola pandemia, neste 2021 a Semana de Cine Submarino si poderá celebrar o seu trinta aniversario. E farao coa proxección de seis documentais entre este mércores 17 e o venres 19 nos que terá especial relevancia a vida oceánica e os tesouros da península ibérica.

A presentación deste evento, organizado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, tivo lugar este luns na sede institucional da Universidade de Vigo no Berbés coa presenza de Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo; José Luis González, director da Semana de Cine Submarino e Paloma Vera, coordinadora adxunta da Área de Cultura de AFundación.

Neste 30 aniversario, a Semana do Cine Submarino mantén a súa filosofía inicial de converterse nun foro de divulgación e debate co fin de preservar a vida mariña. O programa comprende a proxección no Teatro Afundación de Vigo de dúas pezas audiovisuais cada xornada e un debate posterior con especialistas relacionados coas temáticas dos documentais. Como explicaba a vicerreitora Natalia Caparrini, o regreso deste ciclo significa que tras case dous anos, a Universidade pode “retomar as actividades culturais presenciais”, desta volta amosando “o compromiso firme que a UVigo ten co mar” e que se reflicte no Campus do Mar, os graos en Bioloxía e Ciencias do Mar ou o Centro de Investigación Mariña. Esta nova edición, recalcaba, levará aos espectadores nunha viaxe dende “as augas tropicais a Antártida pasando pola foxa de Lisboa, e veremos dende especies de peixes pouco habituais á biodiversidade do mar Cantábrico”, todo isto da man de convidados que axudarán a coñecer e entender mellor os segredos da vida submarina.

Pola súa banda, Paloma Vera, coordinadora adxunta da Área de Contidos Culturais de AFundación, agradeceu o convite da UVigo para sumarse a esta “actividade fundamental na dinamización da cidade de Vigo” nun eido como o mar que, segundo recoñeceu, “nos apaixona”. Vera lembraba que “os océanos e as augas continentais son berce de vida, manancial dos mananciais, reguladores do clima e abastecedores de innumerables materias primas, unhas coñecidas e outras por coñecer, e toda esa importancia na nosa vida presente e futura”, recalcaba, está presente en actividades como este ciclo de cine documental. O que non se puido recuperar, tras o ano de parón pola pandemia, son as proxeccións escolares nas que en cada edición participaban miles de nenos e nenas de Vigo e da contorna. A representante de Afundación agarda que o próximo ano non existan restricións e estas visitas se poidan retomar.

O director da semana, Luis González, foi o encargado de repasar a programación desta trixésima edición, cuxo fío condutor é a península ibérica, aínda que tamén se amosará “a beleza dos comportamentos animais nos diferentes mares e océanos do mundo”. Botando a vista atrás e analizando as 29 edicións pasadas, González lembra como este evento naceu para “apoiar aos documentalistas galegos”, xa que este tipo de producións non conseguían chegar a emitirse polas televisións. Pero “as circunstancias cambiaron, os recortes das subvencións fixeron que as axudas non chegaran nin para pagar o combustible dos barcos” e na actualidade este tipo de producións desapareceron ata chegar ao punto de que “este ano non temos produción galega”. Na actualidade, o obxectivo da Semana de Cine Submarino é achega ao espectador a posibilidade de gozar de pezas audiovisuais que non chegan ás televisións de balde e, en moitos casos, tampouco ás de pago. E todo nunha pantalla grande e coa posibilidade de debater e dialogar cos propios autores dos documentais tras a proxección, como destacaba a vicerreitora Natalia Caparrini.

A entrada ás proxeccións será de balde ata completar a capacidade da sala (100%) e as sesións comezarán ás 20.00 horas.

Mércores: Pristine Seas e Secretos del océano

Esta terceira edición da Semana de Cine Submarino arrancará este mércores, dia 17, coa proxección de Pristine Seas: Protegiendo los mares, producida por National Geographic e asinada polo mergullador Enric Sala, con quen o espectador viaxará polos océanos na procura da salvar a vida que habita neles. Sala amosa nesta peza como eran os océanos hai centos de anos e incide na necesidade de protexelos, viaxando a algúns dos lugares máis salvaxes e remotos do planeta, os últimos recunchos nos que os mares aínda non están enfermos pola polución ou a sobre-pesca. A segunda produción desta primeira xornada será Secretos del océano, do cántabro Enrique Talledo, traballo que foi recoñecido na categoría de Divulgación Científica nos premios Ciencia en Acción 2020 e Baradilla de prata ao mellor documental en Cimasub. Talledo será o protagonista do debate desta xornada e na súa cinta afonda na protección do océano e tras rodar nos cinco continentes, logra acceder coa cámara a comportamentos nunca vistos tanto en augas tropicais como en frías coa misión de preservar toda esa riqueza.

Xoves: Peces increíbles e Mar da minha terra

Na xornada do xoves o público poderá asistir á proxección de Peces increíbles, producida por National Geographic, unha peza na que poderá coñecer especies pouco habituais como o tubícula chusco, un peixe totalmente desproporcionado, ou o peixe-ra que apenas pode nadar. A continuación, seguiralle a produción Mar da minha terra de Luis Quinta, proxección que contará co seu director como invitado desta segunda xornada. O camarógrafo luso logra neste traballo, que filma entre a costa da Caparica e o cabo Espichel, atoparse con viaxeiros oceánicos, moitos deles chegan nunha loita titánica pola súa supervivencia logo de escapar dos grandes depredadres. Todo sucede no coñecido como o canón de Lisboa, un abismo que alcanza os 700 metros de profundidade, no que habitan peixes difíciles de atopar.

Venres: Cantábrico Salvaje e Océanos profundos

Esta nova edición da Semana de Cine Submarino baixará o pano o venres con outras dúas proxeccións: Cantábrico Salvaje, de Enrique Telledo, e Océanos profundos, de National Geographic. No primeiro traballo, Talledo amosa a gran biodiversidade do Cantábrico, dende enormes cachalotes ata pequenos cabalos de mar ao longo da zona infralitoral de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Océanos profundos, pola súa banda, céntrase na Antártida, o lugar máis frío do planeta, e descubrirá como é a vida submarina neste lugar. O invitado deste día será Jesús Souza Troncoso, catedrático de Zooloxía e investigador do CIM (Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo que, ademais de contar cunha ampla experiencia científica tamén tivo a oportunidade de mergullarse neste océano.

Universidade de Vigo, 2021-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES