Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, abriu hoxe un novo itinerario artístico nas zonas verdes do Gaiás, formado polas intervencións artísticas da cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Nesta ocasión son dous creadores novos galegos, Diego Vidal e Rebeca Lar, canda o navarro Alberto Odériz, os encargados de dar forma ás tres pezas escultóricas que se poderán ver ata o mes de novembro no Bosque de Galicia. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou esta mañá coas comisarias e artistas na apertura de Reb/veladas na paisaxe, destacando a súa aposta por levar a arte fóra das paredes dos museos e engadir un atractivo cultural á contorna natural do Gaiás.
O proxecto europeo Erasmus+ ALLURE conta como países socios con Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade). Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.
A Filmoteca de Galicia acolleu a estrea de tres documentais e un filme de ficción rodados polo alumnado dos catro centros de ensino participantes en Cinema en Curso 2022-23. Esta iniciativa internacional de pedagoxía do audiovisual, organizada pola asociación A Bao A Qu e coordinada en Galicia pola cinemateca da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, forma parte do Plan Proxecta para a Innovación Educativa da Xunta e na que participaron nesta edición 74 estudantes e 14 docentes de institutos e escolas de Betanzos, Cangas, Ponte Candelas e Cercedo-Cotobade.
O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
O Centro Dramático Galego conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario coa estrea no mes de abril dunha produción propia de gran formato que será unha das máis ambiciosas da súa historia, ao requirir en escena 20 actores e actrices. Tamara Canosa será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción que, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phōnē.
Presentouse a programación do Corazón da Artesanía - Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que celebrara a súa décima edición os días 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). O Corazón da Artesanía é un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía. En horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único.
O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá este domingo o último dos cinco concertos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou ao longo da súa vida, nos que se interpretan obras de compositores contemporáneos de Picasso, moitos dos cales foron coñecidos e admirados por el. Enmárcase nas actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño. Así, o domingo 11 de xuño a partir das 12,00 horas poderase gozar do cuarteto Bélle Epoque na Coruña, despois de que o ciclo musical puxese o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París.
A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia.
A Filmoteca de Galicia porá o foco neste xuño na produción cinematográfica do creador multidisciplinar Javier Codesal e na etapa alemá do director Douglas Sirk. Ademais, a carteleira para este mes tamén incluirá a estrea de catro películas realizadas polo alumnado participante no programa internacional Cinema en curso e daráselles continuidade tanto á mostra 7x7: novas películas checas como ao programa A/Z-Zulueta Inédito, ciclo sobre o director de Arrebato organizado en colaboración co festival coruñés (S8).
As tres primeiras ferramentas dispoñibles do proxecto Nós posibilitarán a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos. Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estas ferramentas estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar.
| 38,3  de  285 | Siguiente »

Notas cultura

O Teatro Colón acollerá, un ano máis, o Xullo Pop, un dos ciclos cos que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña segue a apostar por unha programación propia na que, como no Maio Jazz e na Festa da Música, teñan cabida todos os estilos musicais da música que se fai na Galiza e en galego. A cita, nada máis comezar o mes que vén, é tripla: o venres 1, con Anxo Araújo; o sábado 2, con Garza; e domingo 3, con Grampoder. As entradas, de balde, xa se poden retirar na páxina web do Colón.
115 filmes, entre curtas e longametraxes, serán seleccionados para a súa exhibición na Semana. Rematado o prazo de admisión de películas para a XLIV edición da Semana de Cine de Lugo, tense recibido un total de 1.507 películas entre curtas e longametraxes. Do total destas producións cinematográficas, 1.316 recibíronse a través da plataforma Festhome, 161 a través de Click for Festivals e 30 de distribuidores independentes.
A Asociación Lugo Monumental presenta a Semana de Exaltación de la Cultura y el arte de Lugo (SECAL 2022) en que os lucenses poderán gozar de varias actividades e citas de diverso tipo. Tal e como se anunciou, a mostra estará envorcada no apoio aos artistas, aos que se dará difusión en locais do centro histórico. Un total de 20 propostas doutros tantos autores veranse en lugares novos, o que abre unha posibilidade importante para os creadores de chegar a un público que normalmente non ten ocasión de coñecelos.
Estreada en 1995 e ambientada nun futuro posapocalíptico, no que humanoides biomecánicos pilotados por adolescentes combaten criaturas de orixe descoñecida, Neon Genesis Evangelion converteuse nun dos títulos de referencia do anime, a animación xaponesa, tanto polo éxito da serie como polo xeito no que esta transgrediu os canons asociados ao xénero mecha, as series niponas protagonizadas por robots.
A Mostra de Danza Latina e o Festival de Música e Danza Tradicional Tradi-Fest USC centrarán a actividade impulsada dende o espazo de danza da Universidade ao longo desta semana coa vontade de favorecer o diálogo entre culturas. Este martes 14 de maio, a partir das 19.30 horas, na Praza do Seminario de Estudos Galegos (diante da Facultade de Farmacia), desenvolverase a Mostra de Danza Latina que chega á súa sétima edición.
Durante os días 9, 10 e 11 de xuño a Asociación Millo Verde festexará na Praia de Cesantes o XV Festival Alternativo Millo Verde onde a gran novidade é que o festival volve ser totalmente de balde e de libre acceso. 3 días de música, deporte, artes escénicas, baile africano, timbalada e moitas actividades máis. Todo isto no entorno da Praia de Cesantes en Redondela, onde tamén se encontrará unha zona gastronómica e artesana que creará un ambiente único.
O espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, NORMAL, situado no Campus de Riazor énchese de propostas para este mes de xuño. O primeiro foi 'Ciencias e letras futuras, recital de textos do Obradoiro de Escrita da Área de Cultura', obradoiro desenvolvido no segundo cuadrimestre deste ano, conducido por Estíbaliz Espinosa e presentado este luns.
O Festival RESIS 2022 de música contemporánea pechou a pasada fin de semana a súa quinta edición. A cita propuxo en case dous meses de programación un total de 7 concertos, incluíndo a importantes músicos como Beat Furrer e un ciclo-homenaxe ao compositor Iannis Xenakis, no centenario do seu nacemento. Os espazos tamén foron moi significativos nesta edición.
O Libro de Horas de Fernando I, datado en 1055, saíu por primeira vez, en máis de 20 anos, da Biblioteca Xeral da USC para formar parte da mostra 'Santiago de Compostela no tempo'. O reitor da USC Antonio López participou tanto no acto inaugural como na recepción previa do Libro, unha das pezas máis valiosas do patrimonio bibliográfico galego e que se conservaba nunha cámara acoirazada.
Organizado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, e co apoio económico e institucional da área de Cultura da Deputación de Lugo, do Concello de Folgoso do Courel, do Plan Leader xestionado polo GDR Ribeira Sacra-Courel e, non menos importantes, de Radio Bogavante, piensos Bittal, Caixa Rural Galega, Fundación Uxío Novoneyra, AGCT ou a Sociedade Micolóxica Lucus, volta o CourelSon ás airas e aos soutos de Courel.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES