
Abrirá o ciclo Anxo Araújo coa presentación de Plan de urbanismo para un novo couto mixto,, o seu primeiro traballo de estudio en solitario. O disco, segundo o autor, é parte dunha necesidade persoal convertida en desafío; o resultado, dez fermosas cancións que nos inspiran momentos de cambio, de auto afirmación e de reflexión sobre a relativa importancia das cousas: música feliz para tempos de crise, o da pandemia. Explícao mellor Araújo: Un saír dos buratos máis profundos con confianza e ilusión. Un reforzo da auto estima. Un aprender a bailar deixando marchar a carraxe acumulada. Un mirar cara a cara ao mundo. Unha absoluta liberación.
Interferencias chámase a proposta que Garza levará ao Colón o día 2. Garza é o proxecto de música electrónica de Adrián Charlín, moitos anos batería de varias bandas do panorama alternativo galego. Garza combina diferentes estilos, desde o experimental e escuro ata a música de clube máis accesible, sen abandonar nunca o apoio do o ambient, deep, trip-hop, Idm, etc. Garza trata de crear unha música de atmosferas que xogan constantemente coas intensidades. No concerto utilizará baterías, teclados e sintetizadores para compoñer un espectáculo moi atractivo a nivel sonoro e visual, con proxeccións de Xoan Tourís e do propio Garza, todo para que o público se mergulle nunha intensa viaxe de emocións, na que Charlín estará acompañado, ademais de por Tourís, por Matías Unruh, Marta de Soto, Cecilia Burillo e Rosalía Fernández Rial.
O domingo 3 o dúo compostelán Grampoder volverá aos escenarios co concerto PM, nunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.