//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
Os proxectos abranguen accións de exhibición, divulgación, formación ou concienciación social e medioambiental, dirixidas a públicos moi diversos en ámbitos como a danza, o teatro, a música, o audiovisual, a literatura, as artes plásticas, o patrimonio inmaterial ou a innovación cultural. Todas elas responden á finalidade de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír a incrementar a actividade cultural nas contornas rurais. Búscase activar procesos culturais nestas zonas que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade.
O CDG inicia en Vigo a xira do espectáculo 'Un hotel de primeira sobre o río', cunha función que terá lugar o vindeiro día 4, ás 20,30 h., no Teatro Afundación. A obra de Xohana Torres dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, viaxará durante o mes de maio a outros sete escenarios de Galicia e Portugal, despois da súa estrea o pasado 31 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela, escenario do que se despide esta fin de semana. O director do CDG, Fran Núñez; a directora de escena María Torres, e a directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, presentaron aos medios de comunicación as claves desta montaxe, a segunda produción propia para 2023 do CDG.
A Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento hoxe e o vindeiro sábado 29, Día Internacional da Danza, cun cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. A mostra arrancou este mesmo mediodía no Teatro Principal estradense coa estrea O salón dos pasos perdidos, de Paula Quintas Cía, un dos tres espectáculos apoiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego 2022.
Avanza así a primeira das dúas etapas que conforman Sonemerxente, no marco da que os participantes xa tiveron a oportunidade de afondar en diferentes facetas chaves para o desenvolvemento dunha carreira musical xunto a Paco Loco, produtor de Enrique Bunbury, Mikel Erentxun, Nacho Vegas ou Lori Meyers, entre outros moitos; a avogada Lucía Sánchez, filla do mítico guitarrista Paco de Lucía e especializada en dereito audiovisual e propiedade intelectual, e Patricia Portela, da axencia de comunicación cultural The Office.
O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o martes 25 un ciclo de cine sobre a figura de Picasso no 50 aniversario da súa morte. Picasso a través do cine arrancará como parte das actividades arredor da mostra 'Picasso branco no recordo azul'. O primeiro visionado será no auditorio do museo ás 19,00 horas cos filmes Guernica de Robert Hessens, que trata de maneira fragmenta e convulsa a célebre obra do artista, con imaxes de arquivo sobre o bombardeo nazi da poboación vasca que dá nome a obra pictórica e cinematográfica. Tamén se proxectará Picasso de Luciano Emmer, no que se afondará na evolución da pintura de Picasso ata a súa fase rosa.
A corrente do Novo Cinema Galego será obxecto do seu primeiro foco en Italia no marco da programación do 36º Bolzano Film Festival Bozen, que conta coa colaboración da Xunta para lle conceder a Galicia o protagonismo da súa sección Focus Europa. Así, o coñecido certame desta cidade do norte de Italia ofrecerá do 19 ao 23 de abril unha programación especial de seis longametraxes que exemplifican a vertente máis independente e vangardista do audiovisual galego, ademais dunha mesa redonda que afondará nas súas características e elementos diferenciais.
Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Xunta participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco. Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.
O Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas celebra entre o 13 de abril e o 6 de maio a súa sexta edición, cuxa primeira cita será este xoves 13 de abril no restaurante Árbore da Veira. A outra cita desta primeira semana de programación será este sábado, 15 de abril, na sala de exposicións Palexco. Os grandes atractivos deste concerto serán, entre outros, a presenza do director Nacho de Paz e a estrea da obra Libro delle Immagini V, do coruñés, Hugo Gómez-Chao, quen actualmente é compositor residente na Real Academia de España en Roma.
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal. Nesta escolma teñen presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, Manolo Paz, Ángela de la Cruz e Christian García Bello.
A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson e referentes da creación contemporánea máis actual. A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
A vixésima oitava edición do Festival de Teatro Universitario, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, reúne no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo cinco compañías universitarias do 18 ao 30 de abril no marco dun ciclo no que o público presente poderá participar en coloquios cos actores e actrices ao remate de cada función.
A 23ª edición desta iniciativa musical destinada a promocionar novos valores da música Celta, será o primeiro concurso que acolla a renovada web do Festival. O Concello de Ortigueira tamén enfocará nas redes sociais os esforzos para impulsar o contacto cos seguidores do evento a nivel mundial. Renovará a campaña de difusión do concurso de novos talentos e estenderá o período de votación online, no que cada persoa poderá elixir aos seus artistas favoritos ata o día 20 de maio.
Doce anos despois da súa última edición, a Mostra Internacional de Teatro Universitario retorna a Pontevedra. Promovida pola UVigo coa colaboración do Concello, esta mostra desenvolverase entre os días 20 e 28 de abril no Pazo da Cultura, onde poderán verse as montaxes realizadas nas aulas teatrais dos tres campus da Universidade, entre as que se atopa Nosa señora das nubes, coa que se estrea a impulsada no presente curso no campus de Pontevedra.
A XIX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio, continuará esta edición na súa liña de programar unha retrospectiva internacional, que dea coñecer ao público algúns dos cineastas máis interesantes e orixinais do momento. Este ano Cans programará unha retrospectiva de gran nivel, como é a do cineasta portugués João Nicolau, un dos expoñentes máis brillantes do novo cinema portugués.
Nunha traxectoria que en breve abarcará dúas décadas, o festival tudense destaca por presentar primeiras retrospectivas en España, dedicadas tanto a recoñecidos directores e figuras lendarias do cinema documental, como a outros moitos cineastas esquecidos, censurados, perdidos ou sinxelamente descoñecidos. Este labor de recuperación, redescubrimiento e reivindicación volve estar fortemente presente nesta próxima edición, que se celebrará do 4 ao 8 de maio en Tui.
O concerto de presentación do último traballo de Berto abre o abano de actividades diversas programadas ao abeiro da vixésima oitava edición do convenio Lugo Cultural, unha iniciativa froito da colaboración entre a USC co Concello e a Deputación Provincial de Lugo, que nesta edición pretende achegarse un pouco máis á comunidade universitaria coa celebración de máis actuacións nos centros universitarios.
O Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), organiza a xornada 'Cultura Dixital: capacidades, retos e oportunidades no Sistema Ciencia-Tecnoloxía de Galicia', que terá lugar o venres 22 de abril no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
'Os meus procesos creativos e vitais están unidos, sempre nunha investigación constante de técnicas e medios'. Estas verbas do artista Xosé Luís Otero definen a mostra 'O Silencio de Deus' na que o creador propón unha hibridación entre exposición e instalación, enlazando a arquitectura e a espiritualidade da Igrexa da Universidade a modo de reflexión entre o humano e o espiritual.
O Festival Internacional de Cinema de Tui Play-Doc anuncia o peche da súa convocatoria para a recepción das películas que formarán parte dos programas competitivos da súa próxima edición. As películas seleccionadas poderán optar aos tres premios que outorga o festival nas súas categorías de longametraxe, curtametraxe e premio Galicia. A súa programación completarase cun rico programa de actividades paralelas como concertos ou roteiros cinematográficas.
A figura de Álvaro Ruibal percorre o xornalismo do Estado español no século XX. Unha mostra bibliográfica no Colexio de Fonseca recolle ata o vindeiro 27 de maio parte da que foi a súa biblioteca, artigos en prensa e correspondencia mantida ao longo dos anos, dando conta da súa ampla e rica traxectoria. A carreira de Álvaro Ruibal (Santiago, 1910 - Barcelona, 1999) comeza moi cedo facendo colaboracións na prensa local de Compostela. Os estudos universitarios Matemáticas e Arquitectura levárono a Madrid ao comezo da década dos trinta.