//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura. No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte. En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
A Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso pon o colofón á intensa celebración do 50º aniversario do pasamento do artista malagueño coa exposición 'Picasso, alumno desta escola'. Esta mostra reúne orixinais e láminas dos tres anos que cursou Pablo Picasso no centro (1892-1895). Alí, onde conseguiu praza como profesor de debuxo o seu pai, aprendeu os primeiros fundamentos do debuxo, publicando en 1894 a súa primeira obra mestra: unha rapaza descalza, nena pobre como moitas daquela época. Así mesmo atópanse ilustracións sobre o fauno, o home con cordeiro ou as bacanais, temas que debuxa Picasso na Coruña a partir de modelos de xeso.
A Filmoteca de Galicia inicia as proxeccións da súa primeira carteleira mensual de 2024, na que sobresae a retrospectiva que se lle dedica ao director nipón Masahiro Shinoda, en colaboración coa Fundación Xapón. Esta escolma insírese na sección Esenciais da cinemateca da Xunta, no marco da que tamén en xaneiro arranca un especial sobre o realizador alemán Wim Wenders, que terá continuidade en febreiro. Este mes conclúe, ademais, o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini, proxéctase a terceira entrega de Cancións de Pedro Costa e ponse en marcha a nova sección Materiais para una historia do cinema en Galicia, co obxectivo de lle dar unha maior visibilidade ao patrimonio audiovisual que conserva o arquivo da Filmoteca.
'Francisco Fernández del Riego no río do tempo' reúne preto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Os ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galicia da reconstrución posbélica, nos anos da Transición e nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da RAG ou o seu compromiso coa Fundación Penzol. Noutros artigos ponse o foco en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento.
A Cidade da Cultura de Galicia pechará o 2023 organizando máis de 700 eventos e actividades culturais. Con estas cifras despide un ano no que arrincou a construción do Centro galego de artes dixitais, e no que o Gaiás volveu situarse entre as tres institucións da Comunidade mellor valoradas polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Á espera dos datos de decembro, a Cidade da Cultura rematará o 2023 superando en máis dun centenar o número de eventos e actividades que acolleu en 2022. O incremento amosa os avances na consecución dun dos obxectivos do seu II Plan Estratéxico: consolidarse como ferramenta no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.
A iniciativa Acende o Camiño de Santiago enmárcase nas distintas accións que ten en marcha Turismo de Galicia nestas datas co seu produto de promoción Nadal en Galicia, que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén en Nadal poñendo así en valor o seu potencial turístico. Inclúense os beléns de Valga e de Begonte, ambos de interese turístico, xunto a outros situados en distintos lugares de Galicia, así como mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrecerá este Nadal unha ampla programación cultural para todos os públicos. As bibliotecas, museos e arquivos dependentes da Xunta de Galicia concentran máis de 60 actividades e exposicións para estas festas. Obradoiros, mostras fotográficas e bibliográficas, actividades infantís, presentacións de libros, concertos e decenas de variadas actividades para pequenos e maiores ocuparán estas instalacións públicas durante as datas festivas. A programación completa pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.
Ponse en marcha a segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, ao abeiro da que 12 grupos e artistas emerxentes de Galicia verán impulsadas as súas carreiras mediante diferentes accións de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, que conta coa Fundación Paideia Galiza como entidade colaboradora na súa xestión. Ao igual que na primeira edición, esta segunda escolma de bandas e intérpretes, seleccionada por unha comisión a partir das máis de 30 propostas recibidas, reflicte o gran potencial e variedade en canto a xéneros e estilos do actual panorama da música emerxente galega.
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escuela de Organización Industrial e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán,p así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán, en 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns e dúas ao labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.
Cando a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo Helena Cortés Gabaudan recibiu o encargo da editorial Arpa de escribir unha biografía de Johann Wolfgang Goethe decidiu a aceptar o reto.
Cento corenta anos despois da súa creación, o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos á saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.
A nova vaga de actividades do programa 'Faíscas culturais' permitirá que o lume da cultura siga a espallarse polas aulas universitarias e prenda no currículo académico do alumnado. A través desta iniciativa, a USC introduce, nas clases de diversas materias, proxectos artístico-pedagóxicos que serven de ancoraxe para a reflexión e o debate.
A revista Minius. Historia, Arte e Xeografía, acaba de lanzar o seu número 27, estando xa dispoñible na rede para a súa descarga de balde. Nas súas 470 páxinas, esta publicación do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo recolle un total de 13 artigos e tres reseñas que abranguen áreas moi diversas, desde a arqueoloxía á xeografía.
'Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): facer no século' é a mostra organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da coruñesa e que pode visitarse ata o 5 de abril no claustro alto do Colexio de Fonseca da USC. Juana de Vega desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social, unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran pegada non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado.
Asomarse ao mundo persoal de Ramón María del Valle-Inclán a través de boa parte do patrimonio artístico que albergaba no seu domicilio, situado no número 5 da madrileña rúa Francisco de Rojas, é o que persegue a mostra Valle-Inclán íntimo, inaugurada este xoves 9 no Colexio de Fonseca e que se nutre da colección particular dos irmáns Valle-Inclán Alsina, Fernando, Miguel e Javier.
Estreada en 1963, A inmortal (L´Imortelle) foi a primeira longametraxe dirixida polo escritor e cineasta francés Alain Robbe-Grillet, principal expoñente do movemento literario Noveau Roman, que avogaba pola ruptura coas concepcións da novela decimonónica. É o punto de partida de 'La musa inquietante', novo libro de Alberto Ruiz de Samaniego.
O Salón Nobre do Colexio de Fonseca converterase a partir do 9 de febreiro en escenario teatral ao acoller a estrea de Shakespeare en Roma, a última produción do Centro Dramático Galego. O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaron este martes os detalles desta representación cuxos ensaios tamén se desenvolveron no Colexio de Fonseca ao longo dos últimos meses.
Vinte e nove anos despois do nacemento do Lugo Cultural, unha iniciativa que dá conta da colaboración e coordinación institucional a prol da promoción de actividades artísticas na capital luguesa e da posta en valor dos espazos universitarios como escenarios culturais, o abano de actividades incluídas na programación de 2023 busca incentivar unha maior implicación da comunidade universitaria na cohesión social.
O pasado curso académico, por iniciativa de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense, púxose en marcha o cineclub universitario La Barraca. Desde entón, ten desenvolvido diferentes ciclos de cine dedicados a diversas temáticas. Este venres arranca un deles, centrado en cine político-social. A obra elixida para arrancar esta actividade, que se prolongará ata finais de marzo, é Persépolis.