Notas de prensa

O Imperio Romano concibido por Shakespeare proxéctase dende o Salón Nobre de Fonseca

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca converterase a partir do 9 de febreiro en escenario teatral ao acoller a estrea de Shakespeare en Roma, a última produción do Centro Dramático Galego. O reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaron este martes os detalles desta representación cuxos ensaios tamén se desenvolveron no Colexio de Fonseca ao longo dos últimos meses.

“O contacto coa cultura é unha peza esencial”, afirmou o reitor Antonio López para despois subliñar o “enorme pracer” que supón para a USC non só acoller unha representación desta envergadura, senón tamén o feito de que membros do CDG se achegasen ás aulas de diferentes centros da institución universitaria, no marco do programa ‘Faíscas culturais’, coa vontade de introducir a reflexión arredor do teatro. “Quixemos achegar o teatro ás facultades como parte do proceso formativo”, engadiu. Con este programa, seguiu a relatar o reitor, preténdese que que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas salte ata as aulas universitarias e prenda a través da reflexión no alumnado inseríndose no seu currículo académico.

Neste senso, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, explicou como esta iniciativa de conexión do mundo escénico profesional co público universitario a través da realización de diferentes actividades de divulgación cultural arredor de Shakespeare en Roma como “elemento de debate” xa chegou ás facultades de Xeografía e Historia, Ciencias Políticas e Sociais, Filoloxía, Formación do Profesorado e Filosofía.

Pola súa parte, Román Rodríguez puxo o foco en como “o espazo sobrecolle”, en relación ao feito de que esta “singular representación”, se desenvolva no Salón Nobre de Fonseca. O conselleiro destacou que “é difícil innovar en obras tan asentadas”, de tal xeito que Shakespeare en Roma conforma unha aposta “arriscada” que brilla grazas ao “impecable traballo e esforzo” do CDG.

“Espazo singular”

O ambiente isabelino no que se escribiron e estrearon por vez primeira as catro pezas que conforman Shakespeare en Roma recrearase grazas á súa exhibición no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, que permitirá ademais unha posta en escena de proximidade cos intérpretes compartindo espazo co público. Tal e como se explicou na rolda de prensa, a singularidade do espazo permite que “o público sinta o que eles están sentindo”, en relación ao vínculo que se establece entre elenco e asistentes. Este espazo acollerá o período de exhibición desta proposta, ata o 2 de abril, de mércores a domingo ás 19.00 horas.

O uso do Salón Nobre para os ensaios e as 39 representacións programadas foi posible grazas ao convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago de Compostela, polo que a Xunta cede á súa vez o Salón Teatro de Santiago para a celebración do Festival Internacional de Teatro Universitario e do Festival USCénica.

“Traballo de costura e destilería”

Shakespeare en Roma xunta nun mesmo espectáculo as catro pezas do dramaturgo británico ambientadas no Imperio Romano, con achegamentos dramatúrxicos e direccións de escena distintas para cada unha delas, mais cun elenco común para todas. Así, Rui Madeira dirixe Coriolano a partir da dramaturxia de Volodymyr Snegurchenko; María Barcala e Xúlio Lago, Xulio César na versión de Ana Carreira; Sara Rey, Antonio e Cleopatra segundo o texto de Ana Abad de Larriva, e Quico Cadaval, Tito Andrónico, a partir da reescrita de Lorena Conde.

O CDG regresa con esta nova produción ao universo shakespeariano para ofrecerlle ao público actual unha revisión destes catro títulos, cada un deles condensado en pouco máis de media hora. Ademais, esta particular proposta permite unir tres momentos da historia: o presente, o período isabelino e a Roma clásica a través da guerra, a violencia e a loita polo poder que guían o destino dos personaxes, co foco posto nalgúns dos secundarios presentes nos orixinais. Tal e como afirmou o director do CDG, Fran Núñez, tratouse dun “traballo de costura e destilería” xa que os diferentes textos “dialogan entre si a nivel temático e formal”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES